O Folgueiro e o San Roque mantéñense na cabeza de cadanseu grupo da Segunda Galicia, aínda que non gañaron nesta xornada. O Iberia empatou ante o cadro do Vicedo con dobrete incluído do incombustible Marcos e na clasificación o Roupar empata a puntos co líder logo de derrotar ao Guitiriz. No grupo sur, o Portomarín venceu ao San Roque na primeira vitoria de Fernandito como adestrador dos do Chao da Poza. Da décimo segunda xornada queda pendente o Ferreira – SD Becerreá que foi suspendido pola falta de efectivos nos visitantes.
No grupo norte, o gran protagonista da xornada foi o Roupar que se meteu en postos de ascenso ao vencer nun duelo directo ao Guitiriz no Suso Cruz. O cadro adestrado por Diego Dopico suma xa seis vitorias seguidas e empata a puntos co líder, o Folgueiro. O conxunto dirixido por Anxo empatou ante o Iberia nun partido de 8 goles no que Marcos Rodríguez marcou o tanto da igualada para os locais no tempo extra. Na cuarta posición, a catro puntos dos dous primeiros, atópase o Xermade que derrotou pola mínima a un Cospeito que deu a cara no feudo xermadino a pesar de seguir como pechacancelas. Dadas as circunstancias, albíscase un interesante derbi esta fin de semana entre o Xermade e o Roupar.
Na quinta praza, a catro puntos dos seus veciños do Xermade, está o Cabreiros que remontou o tanto inicial do Mondoñedo para vencer no Viñas da Veiga. Cos mesmos puntos está o Lourenzá que igualou ante un Valadouro que só dispuxo de 12 futbolistas. O técnico Julio Castro e o segundo adestrador presentaran a dimisión a semana pasada, pero o presidente e os xogadores pedíronlle que continuase. Non obstante, o adestrador opta por seguir aos mandos mentres o equipo do Árbol non atope novo míster, pero a súa intención é deixalo porque pensa que é o mellor para o club. Na metade da táboa aséntase a Candelaria que gañou pola mínima a Comercial. E tamén o Goiriz que continúa sumando, desta volta empatou ante o Meira nun partido xogado no campo da Veiga en Riotorto. Na zona baixa, destaca o segundo triunfo seguido do Cervo que venceu a un rival directo como o Abadín.
No grupo sur, non se xogou o Ferreira – SD Becerreá previsto no Baliño. O cadro visitante escaseaba de efectivos e, aínda por riba, na mañá do domingo dous dos xogadores tiveron un accidente; nun principio, sen gravidade pero que lles impedía xogar ese encontro. As dúas directivas puxéronse de acordo e o Ferreira aceptou a suspensión do partido.
Polo demais, no resto da xornada destacou a derrota do líder. O San Roque perdeu diante do Portomarín na estrea de Fernandito como adestrador ante a súa nova afección. Malia a derrota, o cadro de Montirón mantén o primeiro posto da clasificación. Iso si, a un punto aproveitou para achegarse o Palas que venceu con claridade no marcador ao Santa Comba nos Chacotes cun dobrete do dianteiro Juanjo. A pesar de encaixar catro goles, o gardamallas José Ángel foi un dos mellores tendo paradas de mérito. Na terceira posición está un Guntín que continúa na súa mala xeira de resultados (cinco xornadas sen gañar), despois de empatar ante o Oural. Desaproveitou a oportunidade de achegarse algo máis o Bóveda que logo de oito partidos sen perder (dende o 22 de setembro) perdeu ante o San Lázaro a domicilio. Tanto Guntín como Bóveda tentarán volver ao camiño do triunfo no seu duelo directo desta fin de semana.
Tamén conseguiu a súa primeira vitoria co adestrador novo o Corgo, que venceu o filial do Monterroso no segundo partido de Vivian Dors. Achégase tamén á parte alta o Chantada B que derrotou pola mínima ao Incio. Adiantouse o filial chantadino nun erro defensivo do rival; empatou o cadro amarelo de penalti e un novo erro atrás facilitou os tres puntos do equipo local. Na zona baixa, ademais do triunfo do San Lázaro, o Brollón sumou un novo punto ante un rival directo como o Sporting Lucense.