#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Os novos proxectos de Racing Villalbés e Polvorín, ao detalle

Racing Villalbés e Polvorín contan as horas para comezar a pretempada. Ambos, curiosamente, volverán ao traballo o xoves 18. Co obxectivo de selar a permanencia canto antes, os cadros lucenses da Terceira División xa teñen perfilados os seus cadros de xogadores. Nos dous casos apostan pola continuidade. Non é estraño, tendo en conta que ambos aprobaron con nota o curso anterior.

O equipo chairego conta actualmente con 15 integrantes. O porteiro Javi Pita; os defensas López, Vérez, Castrín, Muiña e David Buyo; os centrocampistas José Varela, Javi Varela, Make e Diego Rey; e os dianteiros Álex Pérez e Moreda continúan respecto á última campaña. As fichaxes son catro: o zagueiro Josito (Atlético Arteixo), o mediocentro Ángel (Boiro), o extremo Sito (procede do Laracha, cedido polo Deportivo) e o ariete Cuadrado (Polvorín).

Fernando Cuadrado é a gran aposta para o ataque do Racing Vilalbés

Josito (Malpica, 1990) chega dende a Preferente, pero antes de firmar en Ponte dos Brozos enlazou oito cursos consecutivos na Terceira: un no propio Racing, catro no Cerceda e tres no Bergantiños. Sen dúbida, aportará experiencia e seriedade á liña defensiva. Ángel (Betanzos, 1996), canteirán do Deportivo, procede dun Boiro no que se desempeñou principalmente como lateral esquerdo. Foi un indiscutible tanto para Rubén López coma para Luis Santiago; nun equipo cheo de homes curtidos, a súa frescura foi unha das poucas noticias positivas na entidade do Barbanza. Con Fernando Cuadrado (Lugo, 1994) non son necesarias presentacións: aportará poderío aéreo, potencia e gol despois de tres anos no filial do Lugo.

O mércores 24, seis días despois de arrancar coa preparación, o cadro vilalbés disputará o seu primeiro compromiso fronte ó Lugo xuvenil de División de Honra. O seguinte mércores, día 31, o Polvorín será o rival. Chantada (3 de agosto), Santaballés (7), Ribadeo (10), Pontevedra (11, partido estrela en A Magdalena) e Viveiro (15) completan o calendario de amigables. Podería haber algún máis, en función dos equipos que queden eliminados nas primeiras roldas da Copa Deputación de A Coruña.



No tocante a incorporación de máis xogadores agardan a chegada dun porteiro e de retoques en tódalas liñas. Brais (Ribadeo) e Iván Navia (Racing de Ferrol xuvenil) estarán a proba. Noel, lateral dereito que sube dende o xuvenil, tamén gozará da oportunidade de convencer a Simón Lamas.

Marcos González continuará capitaneando ao filila do CD Lugo

16 son os futbolistas que conforman o actual cadro do filial do Lugo, á espera de varias fichaxes máis para pechar a nómina. Julen, gardameta; Asier, Varo, Matías, Pablo Rey, Nico Manteiga (terminou a temporada no Céltiga), defensas; Manu Núñez, Álex Rey, Brunet, Marcos e Luis Díaz, homes para a medular; Morais e Escobar, atacantes, continuarán na entidade. Algúns poderían contar coa opción de saír cedidos a Segunda B, pero dende o clube non confirman ese extremo.

Ángel Fraga (Vilalba, 1996) foi o meta elixido para completar a portería. Logo de debutar co Racing Villalbés na Terceira con tan só quince anos, pasou polo Celta, Cerceda, Ourense CF e Rápido de Bouzas antes de regresar á súa provincia. Xa adestra co primeiro equipo. Antón Quindimil (Ferrol, 1999) é un central que provén do Somozas, onde destacou no seu debut como sénior. Produto da canteira do Racing de Ferrol, pasou polo fútbol base do Celta antes de chegar ao Manuel Candocia. Arón (Lugo, 1997) chega para suplir a baixa de Cuadrado. Cambio de cromos entre Polvorín e Racing Villalbés.



O mércores 24, o Arzúa visitará A Cheda para xogar o primeiro compromiso; As Somozas, o sábado 27, será a seguinte parada. Ademais do mencionado encontro ante o Racing Villalbés, Ourense CF (10 de agosto, Guntín) e Foz (14) tamén medirán o potencial da escadra dirixida por José Durán.

Javi Rey é un dos xogadores que non continúa no filial do CD Lugo. Tras acumular experiencia na Terceira Galega no Ordes, Racing Villalbés e no Polvorin, vai probar sorte no Arenteiro

Noutros equipos da categoría tamén haberá representación lucense. Javi Rey, ex do Polvorín, defenderá as cores do Arenteiro. Edgar (Sarriana) e Álex Vázquez (Almudévar) firmaron polo Arzúa da man de Alberto López. O As Pontes, con Javi Liz, Óscar Rivas ou Fidi, mantén o número habitual de futbolistas da nosa provincia nas súas filas. Pablo Antas (Compostela), Víctor Eimil, Iago Parga e Villares (Fabril) e Xusto (Silva) tamén competirán na cuarta división do fútbol estatal.

Redacción por Manu Amor

Celta Barreiros: un ascenso que se fixo

Os novos proxectos de Racing Villalbés e Polvorín, ao detalle

Diario dun mercado. Episodio 120

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *