#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

Os equipos de Preferente xa agardan pola competición

Os seis equipos lucenses da Preferente xa teñen, a falta de case un mes para o comezo da competición, as súas plantillas encarriladas a falta de algún reforzo puntual de última hora. Viveiro, Sarriana, Ribadeo, Foz, Lemos e Residencia afrontarán, a partir do 25 de agosto, unha temporada na que a competencia para acadalos seus obxectivos será cada vez maior.

O Viveiro, logo da excepcional campaña realizada, partirá co obxectivo de repetir resultado ou melloralo se é posible, e devolver ao clube moitos anos despois á Terceira División. Para logralo, Chusky voltará a dirixir un plantel que sufriu moi poucos cambios, respecto da pasada temporada. Tan só Poceiro e o gardameta Kiko, que abandonou a práctica do fútbol causan baixa, mentras que as incorporacións son de envergadura. Tres chegan desde o Somozas. Manu Cedrón, que defenderá a portería de Cantrarrana, Álex Pérez, xogador de retagarda, e Gerardo, talentoso mediapunta con pasado en categorías superiores. Ademáis, o xove Antón procedente do San Ciprián, reforzará o mediocampo.

A Sarriana, pola contra, comeza un novo proxecto na que será a súa segunda temporada consecutiva en Preferente. E se na primeira ollou de preto o ascenso, o obxectivo para a segunda é o mesmo. Dani Fernández, a pasada campaña no Boimorto, sustituirá a Alberto López no banco da Ribela, logo de que  o lucense aceptara a oferta do Arzúa para adestrar en Terceira. Os irmáns Keko e Jacobo Vilariño, Javicho, Fernando e Samu, ámbolos tres procedentes do Ribadeo, Raúl Antas, do C.D. Lugo da División de Honra Xuvenil, Hugo Buíde e Dani Montes, do Castro, Peti do Agolada, xunto co retorno de Manu Carreira son mimbres máis que suficientes para paliar as saídas de homes importantes.



Fernando será un dos principais reforzos da Sarriana

Outro equipo que sufriu unha reestructuración importante é o Ribadeo. Rafa Casanova seguirá un ano máis á fronte do conxunto mariñán, que perde un bo número de xogadores dos que lograron un meritorio sexto posto na pasada temporada. Os irmáns Dani e Javi Prieto saen cara a veciña Tapia ao igual que Adrián Barrera, que xogará no Astur Vegadense. Seguirán na nosa provincia Juanma, que retorna ao Pastoricense, Brais que fará a pretemporada co Racing Vilalbés e os xa reseñados Javicho, Fernando e Samu que visitarán o Pepe Barrera nas filas da Sarriana. O central Pablo Rivas xogará tamén nun conxunto do grupo Norte de Preferente como é o Laracha. Para suplir este bo número de xogadores chegan ao equipo ribadense o gardameta Carlos Carrera, do Sporting Pontenova, Martín Traba, que retorna ao clube logo dun ano no As Pontes, de onde tamén procede Erni, Kevin Pierre, do Riotorto, Gara do Friol, Diego Hermida do Burela, xunto con Coki, vello coñecido da afección, que volta aos campos logo de dous anos inactivo.

O Foz volveu a disfrutar da Preferente e logrou mantela categoría unha vez rematada a liga. Para evitar ese sufrimento encomendouse de novo á veteranía de Jesús Gayol no banco e convenceu a Asier, pretendido por conxuntos de Terceira, para continuar un ano máis no equipo do seu pobo. Que causará baixa será Javi Chinchón, que decidiu colgar as botas logo de voltar a xogar en Preferente cos seus. Chegan para reforzalo equipo Álex Paz, con experiencia na categoría nas filas do Viveiro e na última temporada no Xove Lago, de onde procede tamén o centro campista Andrés Bustelo. Dani Sante, do San Ciprián, Miguel Gomes, do Burela, Miguel do Valadouro, xunto co retorno do goleador Manolo logo dun ano no Riotorto e a fichaxe do prometedor gardameta Manu Pardo que chega do Mondoñedo son mimbres máis que suficentes para acadalo obxectivo.

Edu Rodríguez adestrará en Preferente ao Lemos

O Lemos retorna á Preferente dun xeito moi diferente a como se foi. O conxunto adestrado por Edu Rodríguez é un equipo coas ideas claras e con xogadores na súa maior parte monfortinos e da súa bisbarra. Mantiveron a columna vertebral da plantilla que logrou o ascenso dun xeito brillante, case que arrasando en Primeira Autonómica, e incorporou xogadores que lle dan ao clube un salto de calidade. Adrián Ramos, central procedente do Barco e con pasado no C.D. Ourense, Borja Tazos, lateral que chega do Polígono, Ramón , gardameta procedente do Montañeros e César, dianteiro que xogou a última temporada na Peroxa, pero con ampla experiencia no fútbol lucense, nas filas do Chantada ou Escairón.



A Residencia retorna a Preferente á primeira. Tan só un ano despois do descenso, o equipo adestrado por Álvaro Meilán acadou o ascenso nunha dura pugna co Chantada. O míster continuará nun equipo que mantén o bloque do pasada temporada. Pero ao que chegan reforzos como Alberto Rey e Dani López desde o Castro, Dani Pérez, procedente do Corgo e pelexará por un posto na portería da Cheda xunto con Diego Bravos. Iván Barrio tamén reforzará ao equipo logo do seu paso pola Sarriana e o Páramo.

Os equipos de Preferente xa agardan pola competición

Diario dun Mercado. Episodio 127

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *