É a hora dos Reis Magos. E por pedir que non quede… Imos ver o que pon ‘A Carta’ de cada un dos clubes da Primeira Galicia. Que é o queren para este 2018…
Cora. Delegado do Valadouro: «Encadear unha boa racha de resultados para darlle ese plus de confianza ao equipo. Calidade teñen de sobra para terminar máis arriba na táboa. En canto confíen nas súas posibilidades, este EQUIPO pode dar moitas tardes de alegría. Directiva, corpo técnico e xogadores van remar na mesma dirección para que así aconteza»
Juan Rodríguez. Adestrador do Chantada: «Por pedir gustaríanos que os tres equipos que están pelexando polo ascenso, o consigan. Aínda que o realmente importante é que todos os estamentos do clube manteñamos a ilusión polo fútbol que temos agora mesmo»
Carlos Fontal. Técnico do Páramo: «A SD Páramo pídelle ao 2018 que o noso equipo siga a traballar na liña na que estamos, que será a que nos faga saír de esta mala xeira de resultados. Ademais, a maior das sortes para cada unha das persoas que compoñen esta gran familia»


Julio Corral. Preparador da Sarriana: «O equipo ten que estar colocado no tramo final»
Carlos Alberto Pena. Adestrador do Santaballés: «Gustaríame pedir que nesta segunda volta as lesións se afasten do noso equipo»
Miguel Sancosmed. Técnico do Xove Lago: «Pido que o equipo, cos seus xogadores á cabeza, siga mostrando o mesmo nivel de competitividade e compromiso. Sendo consciente de que vai ser moi complicado igualar o 2017»

Jesús Gayol. Preparador do Foz: «Pedimos moita saúde, poucas lesións. Despois, seguir competindo e loitando partido a partido para acadar a mellor clasificación posible. Sen poñernos ningún límite e sen renunciar tampouco a nada»
Adrián Vázquez. Director deportivo do Monterroso: «Que o fútbol siga levantando paixóns en Monterroso. Que o primeiro equipo compita en todos os partidos para chegar o máis arriba posible»
Anxo Varela. Fiel seguidor e fotógrafo do Taboada: «Pido no nome do Taboada que non se nos manque naide máis de gravidade. Por extensión pido o mesmo para os demais equipos, as lesións son a cara máis amarga»
Iván Lamas ‘Ivo’. Porteiro do Xermade: «Non podo pedir outra cousa máis que este grupo de amigos permaneza na Primeira Rexional. Que o fútbol sexa xusto cun equipo que pelexa cada día e non baixa os brazos»
Dani Moirón. Adestrador da Pontenova. «Conseguir a permanencia na Primeira Autonómica Rexional Grupo 3. E que nos respeten as lesións e o compromiso e traballo dos xogadores non vaia a menos»
Ramón Labrada. Técnico do Riotorto: «Seguir sumando todos para continuar a progresión destes últimos anos»
Edu Rodríguez. Preparador do Lemos: «No deportivo pedímoslle ao 2018 que a nosa idea se reforce cos resultados»
César Rodríguez. Secretario do Ferreira: «Queremos que a plantilla non sufra lesións e manter a categoría entre todos. Sería un gran éxito»
Cabanelas. Adestrador do Bóveda: «Que no 2018 remate o mellor posible a tempada. Con iso, refírome a que consigamos a permanencia»
Villi. Segundo adestrador do San Ciprián: «Conseguir o premio da salvación un ‘aniño’ máis. E que se manteña o gran ambiente que temos no vestiario»
Manolo García. Preparador do San Roque: «Seguir disfrutando da categoría, intentando competir da mellor maneira posible para quedar na Primeira e estar o máis arriba posible. E seguir medrando coma clube»
Vittín. Técnico do Pastoricense: «Desexamos recuperar aos lesionados e que consigamos a salvación sen pasar apuros, o antes posible. Confiamos no traballo semanal e creemos que estes xogadores conseguirano sen problema»