Esta tarde comeza a Primeira Futgal, e os equipos da nosa provincia competirán en dous grupos diferentes. A parte máis numerosa, no 3, mentres que a Milagrosa recibe ao Tyde, primeiro de todos os rivais de Vigo aos que se enfrontará no seu grupo, o 6. No grupo estrictamente lucense, os equipos máis fortes do grupo serán, sobre o papel, os recén descendidos da Preferente: Residencia e Castro dan continuidade aos seus cadros para retornar o antes posible á categoría perdida.
Os clubes da primeira desvelan as súas pretensións
Un club da Primeira afeito aos longos desprazamentos e que tamén foi noticia estes meses é o Xove. Os mariñáns aseguran que «queremos sentar as bases para un proxecto a catro anos vista, con xogadores da comarca e sen renunciar a nada». É unha idea similar á dos seus veciños de Burela, que parten como un dos equipos con máis opcións de ascenso. O seu presidente e capitán Jairo Campo afirmou que «o obxectivo é que o proxecto siga medrando con xente da casa. Este ano temos máis equipos que nunca na base, así que queremos que os rapaces de Burela sigan apretando e asentándose».
A tónica mantense na Mariña cun CD Foz que leva anos apostando pola xente da contorna. Desde a entidade albivermella aseguraron que «queremos acadar a permanencia e antes posible e disfrutar da categoría». Os focenses vivirán un ano máis o derbi contra un Lourenzá que destaca por ser un cadro moi familiar, e que buscará «crear un modelo de xogo equilibrado e competir xornada a xornada por medio do bo traballo colectivo. Temos un gran cadro de xogadores, moi novos e con ambición, pero sempre con humildade».
O obxectivo dos laurentinos é compartido co recén ascendido Pastoricense, onde a unión do vestiario é chave, tal e como afirmou o seu técnico Basi. «O obxectivo é salvarse despois de estar tan só un ano na Segunda Galicia. Pero é certo que esta categoría ten moito nivel, así que vai haber que traballar».
Preto da Pastoriza, o Meira de Manolo García tamén procura «consolidarse na categoría e facer as cousas ben semanalmente». Na Terra Chá, Freire pretende outra temporada tranquila para o seu Santaballés, como sinalou o propio preparador: «ao igual que o ano pasado, manternos en competición o máximo tempo posible e dentro das nosas posibilidades traballar o mellor posible para estar satisfeitos a fin de temporada». Os seus veciños do Racing Villalbés ‘B‘, logo de dous ascensos consecutivos, procurarán estabilizarse na categoría. «Manter a categoría e, sobre todo, preparar aos xogadores para dar o salto ao primeiro equipo» son as principais ambicións dun Iván Lamas que segue nos mandos do filial chairego.
Castro e Residencia queren saír da Primeira o antes posible
Porén, un club que quere saír da categoría o antes posible é o Castro. Dumi deixou o verde e pasou ao banco para devolver aos do Arturo Pereiro á Preferente, pois asegurou que a idea é «estar o máis arriba posible, tratar de estar entre os tres primeiros toda a temporada». No concello veciño de Outeiro de Rei continúa Adrián Vázquez, que completou unha gran temporada o pasado curso. Agora, o de Monterroso busca «estar máis preto dos mellores que o curso pasado, pero temos que estar preparados para calquera situación que se poda dar. Mantemos gran parte do grupo e estamos contentos, pero a competición poñerá a cada un no seu sitio».
A tranquilidade, porén, rexeitase na Cheda, pois a Residencia quere aproveitar a súa boa xeración de futbolistas para «acadar o obxectivo, que é o ascenso». Pola súa banda, o outro club da capital, o San Lázaro, ten obxectivos ben diferentes. «Desfrutar da categoría e competir partido a partido, para procurar acadar a salvación e asentarnos na categoría», en verbas do seu preparador Nico Longhini, son as súas pretensións. Do mesmo modo que o Guntín, aínda que os de Seoane e Mourelos teñen papeletas para ser unha das revelacións da categoría. O cadro laranxa pide «darlle un empurrón ao equipo e asentarnos na categoría. Queremos representar ao pobo por toda a provincia e dar unha boa imaxe sempre».
Moita rivalidade na zona sur da provincia de Lugo
Un recén ascendido á Primeira, o Oural, quere consolidarse nunha categoría complicada, pero son conscientes da «dificultade da categoría, pois somos os recén ascendidos e hai que ser realistas. Pero tamén ambiciosos, procuraremos competir a bon nivel e ver a onde podemos chegar». Xa máis ao sir, Monterroso e Taboada continuarán co seu particular pulso. Os de Cerdeiriños procurarán «competir e gozar en cada partido co 100% da xente da casa e da base», mentres que os de Martín Murado buscarán «mellorar o feito o ano pasado, pois temos ambición e xogadores con capacidade para facelo» e, por suposto, gañar os derbis.
Tamén se manterá na Primeira o derbi do Sangoñedo entre unha SD Chantada que quere sacar o sabor amargo da temporada pasada e un Chantada Atlético que promete moitas alegrías. Logo da non-fusión de ambos cadros, os de Traste «competir igual que os últimos dous anos, aínda que perdemos mordente na dianteira mantemos o traballo e a alma deste equipo. Ogallá que a forza do grupo nos permita estar na zona alta e que a nosa numerosa afección desfrute coma sempre », mentres que os «Atléticos» queren seguir disfrutando dunha categoría moi ilusionante.
Por último, unha Milagrosa que viviu un verán de infarto atópase expectante ante un grupo do que apenas ten informes, pero o seu obxectivo é claro: acadar a permanencia e competir un curso máis na Primeira.