A xornada intersemanal, na Terceira RFEF, déixanos o terceiro empate cosecutivo do Racing Vilalbés, na Madalena diante do Barco e a vitoria do Viveiro en Cantarrana fronte ao Alondras. Na Preferente vitoria da Sarriana diante do Boiro e do Lemos no campo do Mugardos. O derbi provincial entre o Portomarín e o Ribadeo caeu do lado mariñán. A Residencia empatou sen goles na Cheda diante do As Pontes.
O Racing Vilalbés empata co Barco e suma o terceiro empate consecutivo (0-0)
Os chairegos manteñen a segunda praza da clasificación logo de sumar un punto diante do Barco, un resultado que fixo xustiza ao visto sobre o céspede da Madalena. Saiu mellor ao campo o Racing Vilalbés e puido adiantarse cunha clara ocasión de Álex Pérez. Co paso dos minutos o encontro igualouse e foron os de Valdeorras os que remataron mellor o primeiro tempo. O monfortino Iago López rozou o gol cun bo testarazo.
A segunda metade foi nivelada e ámbolos equipos buscaron as súas ocasións de gol, pero salvagardando a súa portería. Javi Rey e Jose Varela gozaron das mellores ocasións do conxunto local. Os de Edu Rodríguez tiveron a mellor ocasión nun rexeite que estivo a piques de entrar na portería de Álex Santomé.
O triunfo do Viveiro diante do Alondras achega aos mariñáns á zona nobre (2-0)
Cuarta vitoria consecutiva en Cantarrana dun Viveiro que está máis preto da zona de promoción que dos postos de descenso. Fronte ao Alondras, os de Alberto López controlaron o encontro desde o comezo e xa no minuto 3 un córner botado por Rolle cabeceouno Nico no segundo pao ao fondo da portería. O Viveiro continuo cercando a portería visitante e sobrepasada a primeira media hora de xogo un centro de Sane rematouno de volea Rolle ampliando as diferencias no marcador. Nunha xogada individual Arturo a piques estivo de ampliar diferencias xusto antes do intermedio.
Arriscou o Alondras na segunda metade cun sistema moi ofensivo e gozou dalgunha ocasión ás que Casillas respostou de xeito excepcional. Barroso e Lucas Fanego tiveron á contra dúas claras opcións de facer o terceiro.
A Sarriana vence pola mínima ao Boiro, rival directo polo ascenso (1-0)
Triuinfo moi importante da Sarriana diante do Boiro, conxunto que chegaba empatado a puntos cos de Brais Prados e que non perdía desde a segunda xornada de liga.
A primeira metade resultou moi igualada e cun ritmo moi alto de xogo. A Sarriana estivo moi atinada na saída da presión avanzada do rival e foron quen de xogar en campo contrario na maior parte dos minutos. Adri Díaz e Santín contaron con boas ocasións para marcar, pero o gol non chegou ata o minuto 44 cando Marino conectou un bo pase para Santín, que de cabeza batiu a Mario.
Ao comezo da segunda metade a Sarriana comezou cun menos por dobre cartón amarelo a Jacobo. O Boiro levou a iniciativa, aínda que sen xerar perigo ante a portería de Javi Liz. O encontro nivelouse cando Emilio Carril foi expulsado tamén por dobre amonestación e a última media hora foi xogada dez contra dez. O cadro visitante só tirou unha vez a portería e a Sarriana puido sentenciar en dúas contras, aínda que sen acerto.
A Residencia igualou sen goles na Cheda fronte ao As Pontes (0-0)
Encontro con alternativas e que rematou sen goles. A Resi foi mellor no primeiro tempo, aínda que sen xerar excesivo perigo ante a portería do arxentino Valentín. Buján e Poratti protagonizaron os únicos achegamentos dos de Dani Galán.
Na segunda metade, os de Rafa Casanova saíron na procura do gol e tiveron unha gran ocasión que Marcos enviou a córner moi atinado. Os trocos melloraron á Residencia e foron quen de xerar perigo nas botas de Yeray e Yago. A falta de cinco minutos para o final chegou unha xogada que puido desnivelar o encontro. Dani Renda foi derribado por detrás na área no que parecía un claro penalti, pero o colexiado López Iglesias non o entendeu así.
Un solitario gol de Santi deulle a vitoria ao Ribadeo no derbi provincial fronte ao Portomarín (0-1)
O Ribadeo encadea por primeira vez na temporada dúas vitorias consecutivas logo de vencer nun encontro igualado ao Portomarín no Chao da Poza. Encontro de ida e volta no que ámbolos conxuntos tiveron opcións de gol, pero este non chegou ata moi preto do descanso cando Santi aproveitou un pase de Xairo para batir a Chumi cun bo disparo cruzado.
Na segunda metade o Portomarín saiu na procura do empate e Javicho contou coa ocasión máis clara, pero errou o man a man ante un Dos Santos que ofreceu moita seguridade na área. O encontro entrou nunha dinámica de moitos centros laterais, interrupcións e faltas que beneficiou a un Ribadeo que ía por diante no marcador. O balear Carlos contou coa mellor ocasión dos mariñáns para sentenciar, pero estrelou o balón no pao.
O Lemos vence no difícil campo do Mugardos e racha a súa mala xeira (1-2)
Vitoria moi importante do conxunto monfortino no campo dun Mugardos chamado a ocupar os postos cabeceiros, primeira da temporada lonxe da Pinguela. O Lemos fixo moito dano á contra nunha primeira metade na que o campo estivo moi embarrado. Mauro contou coa ocasión máis clara para o conxunto adestrado por Óscar Moure, mentras que o cadro local apenas chegou á portería defendida por Losada.
O Lemos amosou unha gran intensidade defensiva nun encontro no que foron moi protagonistas as segundas xogadas. Nun centro de Borja Castro que rematou Marco chegou o primeiro tanto do encontro. Nun balón á espalda da defensa chegou o empate do Mugardos, obra de Do Carmo, ex do Fabril e Viveiro. A falta dun minuto para o final, nun balón parado Borja Castro fixo o tanto da vitoria monfortina.