O calendario de Terceira interrumpiuse esta fin de semana para que os equipos disputaran os encontros que tiñan adiados. Era o caso do Polvorín, que non puido pasar do empate na Cheda diante do As Pontes, así como do Viveiro que deu un paso importante de cara a permanencia logo de superar en Cantarrana ao Fisterra. O cadro mariñán ten aínda pendente de disputar o encontro diante do Silva, correspondente á xornada 17. O Racing Vilalbés, co encontro diante do Fabril pendente para poñer ao día o seu calendario, non xogou este fin de semana.
O monólogo do Polvorín rematou sen goles diante do As Pontes (0-0).
A falta de acerto cara a porta contraria impediu un triunfo folgado do filial albivermello, que contou con ocasións máis que suficientes para lograr os tres puntos na Cheda, diante dun As Pontes que practicamente non inquedou a Ángel Fraga ao longo dos noventa minutos.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Volveu a facer rotacións Álex Ortiz. Asier, Nico, Morais e Manu Núñez voltaron ao once no canto de Torrado, Quindimil, Antón Escobar e Fidalgo. O conxunto visitante cedeulle o balón ao Polvorín e agardou replegado coa intención de saír á contra. Tardaron os lucenses en entrar nun encontro que comezaron faltos de ritmo e con escasa profundidade. A primeira ocasión non chegou ata o minuto 25, cando Christian rematou diante de Bugui, pero o gardameta pontés resolveu de xeito extraordinario. A situación repetiuse poucos minutos despois, e rematou da mesma forma.
O Polvorín, co paso dos minutos, buscou máis o xogo por ambas bandas coa subida dos laterais. Nunha delas, Asier colocou un centro medido desde o perfil dereito que nen Marcos no primeiro pao, nen Christian no segundo acertaron a rematar, paseándose o balón pola área pequena. O cadro visitante non inquedou a meta de Ángel Fraga nos primeiros corenta e cinco minutos.
A segunda metade comezou do mesmo xeito que rematou a primeira, aínda que as chegadas do Polvorín non eran tan claras, moitas veces polo afán dos albivermellos de querer rematar desde o interior da área. A entrada de Antón Escobar e Torrado aos dez minutos da reanudación deulle máis claridade ao ataque do Polvorín. Bugui resultou de novo providencial para o As Pontes logo de salvar un man a man con Christian. Dani Vidal tamén rozou o gol tras aproveitar un rexeite do gardameta visitante que se marcha lixeiramente alto. O cadro adestrado por Chollas soamente disparou desde corenta metros, sen dificultade para Ángel Fraga.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O Polvorín consolida o terceiro posto con catro puntos de vantaxe sobre o Racing Vilalbés.
O Viveiro vence ao Fisterra e afasta a tres puntos os postos de promoción de permanencia (2-0).
Segundo triunfo consecutivo do Viveiro en Cantarrana. O cadro mariñán sube un posto na clasificación e xa é quinto, tres puntos enriba do sétimo posto que agora o ocupa o Fabril e que marca a promoción de permanencia.
Rolle e Asier foron da partida en detrimento de Iván e Álex Meitín no once diseñado por Chusky, quen mantivo a mesma liña defensiva que no encontro diante do Paiosaco, con Nico e Edgar formando parella de centrais. Nun céspede de Cantarrana que non estaba para grandes fazañas, o Viveiro soubo adaptarse mellor e foi moi superior ao seu rival nos primeiros corenta e cinco minutos.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Non tardaron en chegar as ocasións. Asier atopouse coa boa intervención de Iván Bouzón e Edgar rematou de cabeza, lixeiramente alto, un saque desde o curruncho botado por Xaime. Antes de cumplirse o minuto dez de encontro chegou o gol. Unha xogada por banda dereita rematou cun bo pase de Agus a Rolle e o viveirense definiu para poñer en vantaxe aos seus. O Fisterra apenas inquedou a área local na primeira metade. Tan só Álex Ramos cun disparo lonxano puxo a proba a Manu Cedrón.
Logo do paso por vestiarios, o conxunto visitante buscou o empate con decisión. E contou con ocasións para acadar o premio do gol, pero a falta de acerto ou a boa actuación de Manu Cedrón impediron que o tanto fisterrán chegase. O ex racinguista Juan de Dora, Capelo ou Marcos Caridad tiveron as máis claras. Puido tamén incrementar as diferencias o Viveiro cun lanzamento de Asier ao longueiro. A falta de cinco minutos para o final, o central visitante Nathaniel cometeu falta preto da frontal da área. E xa sabedes como rematou a historia non? Exacto, cun golazo de Xaime, que sentenciou o encontro.