Na novena xornada chegou a derrota do Celta Barreiros. Logo de oito vitorias consecutivas, os mariñáns caeron no Cascabeiro fronte ao Casás. Malia todo, seguen comandando o grupo norte con catro puntos de vantaxe sobre o seu verdugo nesta xornada. Terceiro é o Castroverde e cuarto un Rioaveso que sumou dez dos últimos doce puntos. No grupo sur, o Rubián é lider. Non coñece a derrota e só encaixou dous tantos, pero ten o Páramo a un só punto. Os das Rapadas venceron esta xornada ao Sober, terceiro clasificado e abriron oco na clasificación.
grupo norte
O Casás rematou coa imbatibilidade do Celta Barreiros e oposita ao ascenso (2-3). Hugo adiantou aos barreirenses desde o punto de penalti, logo de que Javi Andina forzara a pena máxima. O Celta Barreiros, máis impreciso que de costume optou por un fútbol directo, ao igual que o seu rival. Antes da media hora de xogo, Brayan empatou para o Casás logo dun rexeite e pouco despois Pita sacou o balón baixo paos, nunha acción na que o conxunto visitante pediu gol. A segunda metade comezou ben para o Casás. Foi quen de poñerse por diante ao transformar Cristian un penalti. O terceiro penalti da tarde serviu para que os de Rubén Acebedo igualaran de novo o encontro. De novo Javi Andina foi derribado na área e Casanova non errou. Nos últimos intres o encontro puido caer para calquer lado, pero foi o Casás quen acadou a vitoria cun gol de Ferro á contra, tras un pase de Sami.
O Castroverde vence a un Goiriz que lle costa engancharse á zona alta (2-1). Primeira metade de dominio local. Gelo adiantou aos de Fran Veiga logo dun penalti cometido sobre él mesmo. O Castroverde contou con varias ocasións claras de gol e apenas sufriu en defensa ata o intermedio. No segundo tempo o Goiriz saiu moito mellor ao campo e contou cunha boa ocasión antes de que Raúl igualara a contenda. O encontro estaba de cara para os chairegos que estiveron preto de facer o segundo, pero foi Gelo quen aproveitou un rebote na área para superar ao porteiro cunha vaselina.
O Rioaveso suma a cuarta xornada sen perder, pero non pasou do empate co Celeiro (0-0). Pouco fútbol en Paraños, sobre un terreo de xogo en malas condicións. O Celeiro amosouse serio en defensa e non concedeu ocasións de gol, pero careceu de eficacia ante a portería contraria. O Rioaveso non estivo atinado e non foi quen de realizar o seu fútbol.
O Cazás suma o cuarto empate en cinco xornadas fronte ao Catro Roldas (2-2). O encontro comezou de cara para o Catro Roldas. Samu batiu ao porteiro rival cunha volea logo dun mal despexe da defensa. O Cazás colleu o temón do partido co paso dos minutos e Efrén igualou antes do descanso. A segunda metade estivo condicionada polo mal estado do terreo de xogo. Samu puxo de novo por diante ao Cazás cun bo tiro cruzado. O cadro local buscou o empate, pero este non chegou ata o desconto. Álex, cun lanzamento de falta desde preto do medio do campo, estableceu o definitivo empate.
A Piringalla volve á senda da vitoria diante da Comercial B (3-0). Triunfo claro dos de Marcos Moscoso, nun partido serio no que o rival apenas contou con ocasións. No ecuador do primeiro tempo, un centro de Alvariño rematouno un defensor na súa propia portería. Xa no segundo tempo Juanjo fixo o segundo, e Alvariño pouco despois sentenciou o choque. A Comercial B non foi quen de inquedar a portería rival ao longo de todo o partido.
O Friol B colle folgos diante do Matela (3-1). Primeiro tempo de dominio local pero sen acerto cara a portería contraria. Nada máis comezar a segunda metade Santi Carballido anotou para o Matela e pouco máis tarde os de Martín Real contaron con outra boa opción para poñer terra de por medio. Non a aproveitaron e o Friol B foi a polo encontro e no último cuarto de hora logrou remontar. Maikel, Roca e o cadete Marcos foron os autores dos goles.
grupo sur
O Rubián vence e convence diante da Sarriana B (2-0). Encontro de claro dominio do líder. Os de Senén López non tardaron en poñerse por diante cun gol de Iván e contaron con numerosas ocasións para ampliar diferencias. A soberbia ocasión do gardameta sarriao Fabián impediuno. Ao pouco de comezar o segundo tempo o veterán Ribi fixo o segundo. A Sarriana non tivo opcións de meterse no partido.
O Páramo remonta no campo do Sober e segue a estela do líder (1-2). Comezou ben o Sober que foi mellor no primeiro tempo. Aos trece minutos o killer Martín adiantou aos locais que apenas sufriron en defensa. Na segunda parte o Páramo mellorou notablemente e non tardou en igualar por medio de Juan. A falta de vinte minutos para o final Jose deulle a volta ao partido. Os de Jony Lombardía tiveron opcións para sentenciar que non aproveitaron e o Sober puido empatar nos últimos intres cun lanzamento de falta.
O Santa Comba dobregou ao Taboada B nun bo segundo tempo (3-0). Bo encontro do cadro local, que xa no primeiro tempo contou con ocasións para poñerse por diante, pero a boa actuación do gardameta Eloy impediu que se viran goles no Tras do Novo. O Taboada B xogou repregado e non contou con grandes ocasións. No segundo tempo os de Richard lograron abrir a lata por medio de Jorge e non sentenciaron ata o último cuarto de hora con goles de Jaime e César.
O Relámpago Taboada esquece a mala xeira cun triunfo diante do Corgo (3-0). Encontro no que o Corgo contou con boas ocasións na primeira metade que non foi quen de aproveitar. O Relámpago aproveitou a súa primeira ocasión do segundo tempo por medio de Cristian e a partir de aí foi superior a un Corgo descentrado. No último tramo de encontro Brian puxo terra de por medio cun golazo de chilena, e co tempo cumprido Valiño, que aproveitou ao máximo os seus minutos, sentenciou para os de Diego Saborido.
Un bo Monterroso B vence ao Rio Sil, que racha unha xeira de tres vitorias consecutivas (2-0). Os visitantes acusaron a asusencia dos dous gardametas por motivos laborais e o Monterroso B foi mellor en liñas xerais. No primeiro tempo, os de Javitxu contaron con dúas boas ocasións de gol, a máis clara nas botas de Louzao. No segundo tempo, pouco tardou Yoni en adiantar ao filial monterrosino. O dianteiro apareceu no segundo pao e rematou un saque desde o curruncho. A falta de trece minutos para o final, de novo Yoni fixo o segundo ao definir diante do porteiro.
Triunfo do Chantada Atlético B diante dun Bóveda que segue sen gañar (3-0). Encontro de dominio local, que Miguel puxo en franquía cun gol aos seis minutos de xogo. Os de Ivi Gayoso contaron con ocasións para que a diferencia fora maior, pero os goles da sentencia non chegaron ata o segundo tempo.