#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trio de Ases O Canton. O Ribadeo golea cun Asier estelar

Chegou a primeira derrota a domicilio do Racing Vilalbés en Segunda RFEF. Foi no tempo de desconto diante do Fabril. En Terceira RFEF, o Polvorín sumou un valioso punto no campo do líder, a UD Ourense. A Sarriana e o Viveiro caeron como locales diante de Paiosaco e Rápido de Bouzas, respectivamente. Na Preferente, o Ribadeo goleou no campo do As Pontes, mentres que o Lemos igualou na Pinguela co Montañeros. Derrotas do Castro na súa visita ao Miño e da Residencia no campo do Dubra.

O Racing Vilalbés caeu no desconto diante do Fabril (2-0)

Primeira derrota a domicilio da temporada, nun encontro que transcorreu con certa comodidade para os chairegos. O partido comezou con ritmo lento e cun xogo previsible por parte dos dous conxuntos. O dominio do balón do Fabril sen profundidade deu paso a un Racing Vilalbés que gozou de dúas claras oportunidades para marcar. Santi Gegunde tivo a máis clara, pero atopouse coa boa intervención de Brais Suárez, e Rares cun potente disparo desde fóra da área rozou o pao. O Fabril só inquedou a área rival cun tiro lonxano de Tim.

Tras o paso por vestiarios os de Óscar Gilsanz saíron máis agresivos e con máis presenza en campo rival. Barba e Vilán, con disparos desde fóra da área, puxeron a proba a Santomé. Pero o encontro parecía controlado para os de Simón Lamas, que rachou a liña de cinco defensores para dar entrada a Pablo Rey na procura do gol da vitoria. Pero non foi posible. Co tempo xa cumprido, unha xenialidade de Nájera rematou co remate en semifallo de Mati e o balón colouse na portería vilalbesa. No último suspiro, co equipo chairego volcado na procura do empate Mati fixo o segundo diante da saída de Santomé.



O Polvorín empata no feudo do líder un encontro que tiña no peto (2-2)

Terceira xornada consecutiva sen perder para o filial albivermello que sumou un valioso punto no campo do líder, aínda que agridoce ao ver como a UD Ourense empatou no minuto 95. O Polvorín foi dominador do xogo e do balón nun primeiro tempo escaso de ocasións para ámbolos conxuntos.

A segunda metade foi semellante ao primeiro, pero con moitas máis chegadas á área rival. O técnico local fixo un triple troco ao descanso e os ourensáns tiveron máis presenza en campo rival. O Polvorín adiantouse cun gol de Jorge tras un bo centro lateral. Nunha transición, Arhon puxo terra de por medio co segundo tanto. Con vinte minutos por diante, a UD Ourense recurtou diferencias nunha xogada a balón parado. Na prolongación, nun centro lateral, Lucas Puime estableceu o definitivo empate, cando o encontro estaba a piques de esmorecer.



Derrota da Sarriana na Ribela diante dun Paiosaco en racha (1-3)

A Sarriana tentou ter o control do balón e acadouno case que durante os noventa minutos. A primeira ocasión do encontro tívoa o local Tomás, que sacou moi ben o gardameta Dani Moreno. Nun perda de balón o Paiosaco logrou adiantarse nun man a man de Dani Carnota que define ante Javi Liz. Só sete minuto tardaron os de Jorge Cuesta en empatar. Noutro erro defensivo ante a boa presión de Germán, Boedo rematou cruzado ao fondo da portería. O propio Boedo contou con outra boa ocasión que detivo ben Dani Moreno. Xusto antes do intermedio o Paiosaco volve a poñerse por diante cun novo tanto de Dani Carnota.

No segundo tempo, coa entrada de Keko, a Sarriana ten aínda máis o control de balón e foi quen de xerar ocasións de gol. A máis clara tívoa Sané. Xa co tempo cumprido, nunha falta de entendemento entre Edgar e Javi Liz chegou o tanto da sentencia visitante.

O Viveiro cae diante do Rápido de Bouzas e segue sen sumar en Cantarrana (1-3)

Sexto partido sen gañar para un Viveiro ao que se lle resiste puntuar no seu campo. A primeira metade estivo controlada polo cadro local. Os de Alberto López defenderon en bloque baixo e buscando as contras por banda dereita. Así chegou o gol celeste. Nunha rápida transición, Adrián centrou e Diego Núñez rematou superando a Brais Pereiro. Nos últimos intres do primeiro acto os visitantes cun xogo directo meteu ao Viveiro na súa área.



O segundo tempo comezou do peor xeito para o Viveiro. No primeiro minuto, nun saque de córner rematouno Cellerino libre de marca. O Rápido de Bouzas dominou o encontro cun fútbol directo sobre Cellerino e Youssef. En doce minutos o colexiado sinalou dous dubidosos penaltis que transformou Cellerino, que acadou un hat-trick. O Viveiro moveu o banquiño e logrou xerar ocasións para recurtar diferencias. Mauro, Arturo, Cora e Gamarra tiveron as máis claras.

O concello de Guitiriz celebra o samaín con diferentes obradoiros

Asier marca o ritmo na clara vitoria do Ribadeo no Poboado (0-3)

Encontro controlado desde o comezo polo conxunto mariñán. Sobrepasado o primeiro cuarto de hora, Asier comezou a súa exhibición cun gol olímpico. Co marcador a favor, os de Dani Moirón cederon o balón ao As Pontes que apenas inquedaron a portería defendida por Hugo.

O segundo tempo seguiu un guión semellante e no minuto 64 unha xogada por banda de Manu rematou con lanzamento deste. O rexeite de Javi Pita aproveitouno Asier para facer o segundo. Nos minutos finais, nunha contra levada polo focense, rematou co terceiro tanto tras unha gran xogada persoal. Un hat-trick para situar ao Ribadeo moi preto da zona alta da táboa.

O Lemos suma diante do Montañeros o quinto empate nas seis última xornadas (0-0)

Os monfortinos tiveron o control do encontro nos primeiros vinte minutos e contaron con dúas claras ocasións de gol. Pouco a pouco, o conxunto coruñés fíxose co dominio do balón, aínda que sen xerar demasiado perigo sobre a portería de Losada.

A abundante choiva caída sobre a Pinguela trocou o contexto do partido na segunda metade. Os dous conxuntos optaron por realizar fútbol directo. O Lemos quedou con dez por unha discutida expulsión de Carrasco e o incluso con dez os monfortinos foron superiores ao Montañeros. No último intre, Losada resultou decisivo ao deter un man a man ante o dianteiro rival.

O Castro perde no campo do Miño nun encontro empañado polas lesións (4-2)

Xornada negra para un Castro que viu como Diego López e Lois tiñan que abandoar o terreo de xogo por sendas lesións, a priori, de certa gravidade.

O encontro comezou do peor xeito para os chairegos. Lesión de Diego López e gol de Astray para o Miño. O partido foi trabado e con moitas interrupcións. Preto do ecuador do primeiro acto, o colexiado sinalou penalti favorable ao Castro e expulsou a Carneiro, defensor local. Fito non errou desde os once metros. O Miño xogou máis replegado en inferioridade e o Castro foi quen de darlle a volta ao marcador cun gol de Marino. Dani Montes rozou o terceiro xusto antes do intermedio.

Os de Rafa Casanova non entraron ben ao segundo tempo e o Miño logrou empatar por medio de Kevin. Complicouse a situación coa lesión de Lois, que descentrou a un Castro que apenas inquedou á portería rival. En dez minutos, o Miño logrou dous tantos para deixar o encontro sentenciado.

A Residencia foi inferior ao Dubra e caeu no Juan Baleato (3-0)

Os de Dani Galán non tiveron o seu día na visita ao campo do Dubra. Aos cinco minutos Brais adiantou ao cadro local a pase de Dani Moto. A Residencia contou con varias ocasións para empatar. Dúas nas botas de Pereira e a máis clara nun man a man de Yeray que salvou o gardameta Manu Jiménez. Sen embargo, foi o Dubra quen puxo terra de por medio cun gol de Dani Moto.

Na segunda metade o conxunto local sentenciou cun gol de Adrián e a Residencia puido recurtar diferencias cun remate ao pao de Pereira. O rexeite caeulle a López que rematou ao corpo do porteiro.

Trio de Ases O Canton. O Ribadeo golea cun Asier estelar

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 8

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *