IMAXE DE PORTADA: Roberto Carreira
Logo dunha temporada difícil, sobre todo no seu comezo, o Ribadeo fíxose co título de Copa diante dun Chantada Atlético que segue medrando no fútbol provincial, pero que non foi quen de superar aos mariñáns nun duelo no que reinou a igualdade.
O choque, que se celebrou no Manuel Luna de Pol, comezou cos nervios propios dunha final. O Ribadeo chegaba despois de eliminar a Burela, Antas e Pastoricense, mentres que os chantadinos xa superaran catro eliminatorias: Xove Lago, SD Chantada, Santaballés e Pol. Froito destes resultados, os primeiros 45′ minutos destacaron polo respecto entre ambos conxuntos.
De feito, a diferencia de categoría apenas se notou. Un bloque chantadino moi serio neutralizou a un cadro mariñán que non daba coa tecla para superar aos seus rivais. Porén, logo da reanudación, os celestes aumentaron a velocidade de balón e a intensidade defensiva, e conseguiron o primeiro tanto da tarde por medio de Xurde, 1-0, a falta de quince minutos.
Lonxe de baixar os brazos, os de Fernando Corredoira tiraron de coraxe e, cinco minutos despois, conseguiron un merecido empate que desatou a tolemia nas bancadas, ateigadas de siareiros «atléticos». Co 1-1, o choque ameazaba con chegar a unha prórroga que prometía emocións fortes.
Pero non foi así. No minuto 88′, Álex Meitín erixiuse como o heroe mariñán cun cabezazo que enviou o coiro ao fondo das mallas para facer o 2-1 que se convertiu en definitivo. Tras o segundo tanto, o Ribadeo tirou de oficio e impediu que os seus rivais gozasen de máis opcións. Pouco despois, o asubío final proclamou aos de Dani Moirón campións dunha copa na que reinou a igualdade entre todos os conxuntos participantes e os pequenos detalles foron a chave do éxito.