O Lemos está de volta. Monforte regresa ao panorama da Preferente e faino pola porta grande. Cun equipo á alza, con identidade propia e que devolveu a ilusión a un pobo necesitado dela. Ese é o ‘Lemos de Edu’. Un conxunto que mandou na Primeira Galicia con man de ferro. E ao que unha quenda de penaltis lle privou de conseguir o doblete coa Copa.
Porque este Lemos leva sinatura de autor. Un Edu que impuxo un estilo, «unha forma de traballar que se asentou no pasado ano en tódolos aspectos». E que derivou nun ascenso a Preferente no segundo curso do proxecto, «cun equipo máis competitivo con bos xogadores e con continuidade». Así o ve o xoven técnico que valora «de maneira positiva firmar o ascenso a falla de tantas xornadas» para a concusión. Pero, por enriba de todo, «a maneira de conseguilo».
Algo máis crítico, móstrase o presidente Óscar López. O mandatario pensa que «se cumpliron os obxectivos do primeiro equipo nunha temporada moi boa. As claves foron o compromiso e a unión». No entanto, «fallamos algo no filial», espeta.
O capitán Gonzalo Torres profundiza nas razóns deste éxito. Pensa que «manter o bloque» e fichar a xente «coma Dafo, Ivo ou Castro» deulle «un salto a esta gran familia». Ademais, a primeira volta resultou fundamental. «Pechabamos os partidos na primeira parte na casa. Despois os equipos xa viñan a replegarse. Aínda asi, foi unha temporada bastante cómoda», indica.


Unha campaña cun pequenísimo lunar. O da quenda de penaltis na Medela. Na que o Ribadeo se levou a Copa. «Vímonos superiores dentro do campo e fallamos varias ocasións nunha primeira metade moi boa. Foi unha mágoa pero quedamos contentos no fondo. Cumplimos contra un equipo de superior categoría». Así o vislumbra Gonzalo.
Toca cambiar xa o chip. Olvidarse dese equipo referente, dominador. Pensar nun proxecto que só pase pola permanencia na Preferente. As bases non pintan mal, xa que como di o adestrador Edu Rodríguez: «renovamos a todos os que queríamos renovar, a falla dun ou dous». «E fichamos a cinco ou seis xogadores de nivel, temos unha facilidade para incorporar que antes non tiñamos». «Pasamos de que os xogadores optasen a outros clubs, con menos historia quizais. Agora non teñen dúbidas de xogar no Lemos». Sen dúbida, ese é un gran triunfo.
Da gusto ver que a coherencia volver primar nun terreo abonado as quimeras máis esperpénticas. O Lemos quere seguir na Preferente por moitos anos, pero sen perder a cabeza. Así de contundente o explica o presidente Óscar López. «Hai que ter sentido e non volverse tolos por estar en Preferente. Seguir como ata agora. Se se pode manter ben e senón mala sorte. Non se pode ir a por un equipo moi bo e logo deber cartos a todo o mundo. Son erros que non se poden volver cometer».

Dende dentro do vestiario, onde se cociñan os obxectivos, compártese esta visión. A «dun proxecto sólido que pasa por manter a categoría», indica Gonzalo Torres. Que engade: «Vemos moito optimismo no ambiente pero a Preferente é máis complicada. Hai que adaptarse, competir e non pasar apuros». Aviso a navegantes… Iso sí, o barco do Lemos avanza ‘vento en popa e a toda vela’. Que así sexa!