#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Racing Vilalbés empata e xogará o pase no campo do Arousa

O Racing Vilalbés e o Arousa igualaron na ida da segunda rolda eliminatoria polo ascenso a Segunda RFEF e será no campo da Lomba onde se decida o equipo que represente a Galicia na derradeira fase.

Na Preferente, a Sarriana quedou sen marxe de erro para manter praza de ascenso logo do empate no campo do Victoria e o triunfo de tódolos seus rivais. O Ribadeo deu un paso case definitivo na procura da permanencia e o Lemos gañou nun duelo directo no campo do Ordes e abandonou os postos de descenso. Derrota da Residencia diante dun Betanzos intratable e do Portomarín no Chao da Poza fronte ao San Tirso.

Racing Vilalbés e Arousa empatan a un gol e decidirán a eliminatoria na Lomba (1-1)

Encontro con moito ritmo na Magdalena o que protagonizaron Racing e Arousa, con moitas chegadas por parte dos dous conxuntos ás áreas. Antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora os visitantes foron quen de adiantarse cun gol de Sylla ao rematar de cabeza un bo centro de Iñaki. Estivo mellor o Arousa nos seguintes minutos, pero os de Simón Lamas foron quen de igualar nunha xogada de estratexia. Pablo Rey sacou desde o curruncho e Make rematou inapelable ao fondo da portería lonxe do alcance de Manu Táboas. Segundo gol do de Árbol na fase de ascenso.



Na segunda metade o Racing Vilalbés foi superior ao seu rival e contou coas mellores ocasións. Joel, cun testarazo que sacou providencial Manu Táboas, a piques estivo de facer o segundo. Malia a todo o marcador non se moveu.

Un tanto en propia porta no último intre impide o triunfo dunha Sarriana que foi superior (1-1)

A Sarriana segue líder logo do empate no campo do Victoria, aínda que agora sen marxe de erro para acadar o ansiado ascenso. O cadro sarriao conta cun punto de vantaxe sobre o Betanzos, tamén en posición de ascenso, e dous sobre o Boiro, terceiro clasificado. O conxunto de Brais Prados foi moi superior na primeira metade e xerou numerosas ocasións de perigo a través de posesións longas. Keko, que estrelou o balón na cruceta, Iker Hurtado e Santín contaron coas máis claras. O cadro local apenas inquedou a Javi Liz.



Ao comezo da segunda metade, Álex Pérez nun saque de córner abriu o marcador para unha Sarriana que manteu o dominio do encontro ata o ecuador do periodo final. O encontro entrou nunha fase de ida e volta no que a Sarriana perdeu a iniciativa, pero apenas sufriu en defensa. A falta de cinco minutos para o final, Santín tivo nas súas botas a sentencia pero Jano detivo co pé o un contra un. Na derradeira xogada do encontro, nun balón colgado á área, Julio Camba elevouse para despexar, pero o esférico saiu para atrás colándose pola escadra na súa portería.

O bo encontro da Residencia non tivo premio fronte ao Boiro (1-2)

A definición marcou a diferencia na Cheda. O conxunto local foi moi superior ao Betanzos, sobre todo nunha primeira metade na que puido deixar o encontro case que resolto, pero os pupilos de Dani Galán non foron quen de superar ao ex do Racing Vilalbés Javi Rumbo. Buján, Iago e Poratti contaron con ocasións moi claras para desnivelar a balanza.

No segundo tempo o Betanzos foi quen de adiantarse no marcador logo dun córner mal defendido pola zaga da Resi. Martín rematou e batiu a Marcos. Artai puido lograr o empate cunha vaselina que saiu rozando o pao. Quen si o fixo foi Poratti, que aproveitou un bo pase de Lucas. Nos últimos intres o encontro estivo controlado pola Residencia e semellaba que o gol era cuestión de tempo, pero sen embargo foi o Betanzos que levou o gato á auga. Nun balón á espalda da defensa Iago Blanco desnivelou a balanza para os visitantes.

O Ribadeo vence ao Montañeros e achégase case definitivamente á permanencia (4-2)



Bo encontro do conxunto mariñán que sumou tres puntos vitais no primeiro dos dous encontros consecutivos que afronta como local (o mércores desputa o encontro aprazado diante do Mugardos). Os de Dani Moirón comezaron volcados sobre a portería do Montañeros e Álex Meitín obrigou a intervir a Dani Moreno logo dunha boa xogada entre Asier e Isma. No saque desde o curruncho Pablo Rivas aproveitou o segundo rexeite da zaga para batir ao porteiro cunha certeira volea. Nunha internada de Xurde na área o defensor cometeu penalti e Xaime transformouno e puxo terra de por medio no marcador. Roi puido sentenciar xa o encontro na primeira metade, pero o seu testarazo estrelouse no longueiro. O Montañeros apenas inquedou a portería de Dos Santos, salvo nun disparo de Rubén Rivera que saiu desviado.

No comezo do segundo tempo tivo o cadro coruñés os seus mellores minutos e foi quen de recurtar despois de que colexiado sinalara penalti por man de Prosi. Rubén Rivera non errou desde os once metros. Pero pouco despois Álex Meitín aproveitou un bo pase de Iván García para volver a incrementar a vantaxe. Dous minutos máis tarde Asier, en xogada individual sentenciou o choque cun bo tiro cruzado. No último intre, Julián de cabeza anotou o segundo para o Montañeros.

O Lemos suma tres puntos vitais diante do Ordes nun último cuarto de hora de infarto (2-3)

Primeira metade igualada entre dous equipos que propuxeron un fútbol atractivo para o espectador. O Lemos contou con dúas boas ocasións para poñerse por diante. Un man a man de Mauro que detivo o gardameta local e unha chegada por banda de Álvaro. O Ordes tamén contou coas súas opcións, pero chegouse ao descanso sen goles.

No segundo tempo o Lemos tivo o control do partido e foi quen de adiantarse no marcador por medio de Mauro. Nun saque de esquina un erro de marcaxe supuxo o empate para o Ordes por medio de Hugo Suárez. Na seguinte xogada o cadro local deulle a volta ao encontro. Hugo Suárez disparou e o rexeite de Losada aproveitouno Mouriño. O Lemos non se veu abaixo e xestionou mellor os últimos intres de partido e Álex acadou o empate no minuto 85 nunha indecisión do gardameta. Co tempo a pique de cumprirse un pase preciso por diante da defensa de Dani Arias rematouno Mauro acadando unha remontada que supuxo tres puntos vitais nas esperanzas de permanencia dos monfortinos.

O Portomarín cedeu na segunda metade diante do San Tirso (1-3)

Primeira metade moi igualada e sen apenas ocasións de gol. A única opción para marcar tívoa o conxunto local nun saque desde o currunho que rematou Nel lixeiramente desviado.

Nada máis comezar a segunda parte o San Tirso logrou adiantarse no marcador por medio de Jorge. O Portomarín acusou o baixón físico e apenas puido facerlle fronte a un conxunto visitante que sentenciou con goles de Denis e Jorge, o segundo na súa conta particular. A falta de dez minutos para o final, Raúl recurtou diferencias ao rematar unha falta sacada por Fer.

Foto de portada: Carlos Castro

O Racing Vilalbés empata e xogará o pase no campo do Arousa

O Racing conta con todos na segunda

O Racing Vilalbés empata e xogará o pase no campo do Arousa

Máxicos Futbolinlugo, xornada 34

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *