O fin de semana de Entroido non foi positivo para os nosos equipos de Terceira. Nen Polvorín nen Racing Vilalbés foron quen de puntuar. O filial do C.D. Lugo perdeu na Cheda diante do Bergantiños, mentras que os chairegos caeron na Madalena diante do Estudiantil, conxunto da zona baixa da clasificación. O Viveiro non disputou o encontro diante do Silva por mor dun positivo en Covid-19 no cadro coruñés.
O Polvorín prantoulle cara ao Bergantiños, pero non sacou nada positivo da Cheda (0-1).
Non foi posible dobregar aos dous grandes en dúas xornadas consecutivas. Logo do gran triunfo diante do Somozas, o conxunto albivermello recibía ao Bergantiños, outro dos conxuntos que teñen o ascenso entre cella e cella. Álex Ortiz repetiu o once da pasada semana, a excepción da entrada de Torrado no lateral esquerdo. O Polvorín tratou de ter o balón, pero os de Carballo xeraron perigo coa súas rápidas transicións. Agulló gozou da máis clara, pero o seu testarazo atopou a gran resposta de Julen. Poucas novas en ataque do conxunto local en ataque durante o primeiro tempo.
Na reanudación xarro de auga fría para o Polvorín. Nunha falta ao borde da área, Agulló foi o máis listo. Amagou con chutar para filtrar un pase sobre Carlos, que se prantou só diante de Julen ao que superou de tiro cruzado. Con corenta minutos por diante, o cadro local tentouno unha e outra vez, pero sen fortuna. Torrado foi quen de poñer centros á área unha e outra vez, pero non atoparon rematador. O Bergantiños puido sentenciar, pero o longueiro escupiu o disparo de Carlos.
Segunda derrota en tres meses dun Polvorín que mantén a terceira praza na clasificación.
O Racing Vilalbés perdeu co Estudiantil na Madalena, onde suma a súa segunda derrota consecutiva (0-2).
Tíñanos mal afeitos o conxunto chairego, logo de máis dun ano de imbatibilidade no seu feudo. Terceira derrota consecutiva dos de Simón Lamas, segunda na casa, nun encontro onde se viu penalizado pola falta de acerto cara a portería contraria. O técnico chairego supliu a ausencia no lateral dereito de López con Javi Varela e a de Bruno Caballero coa volta ao once de Diego Muíña.
O Racing tivo as primeiras ocasións do encontro nas botas de Cuadrado, pero o dianteiro lucense estrelou o balón no pao. Sen embargo, o primeiro achegamento do Estudiantil rematou en gol. Nun saque desde o curruncho, o veterán Manu Rodríguez rematou no segundo pao ao fondo das mallas. Os de Simón Lamas seguiron co guión marcado e chegaron con perigo á área rival, pero os centros de Rares e Buyo, non atoparon rematador. A catro minutos para o tempo de lecer, o conxunto santiagués puxo terra de por medio. Un desacerto defensivo deixou a Nando só diante de Javi Rumbo e o dianteiro non errou na definición.
Na segunda metade costoulle máis ao Racing Vilalbés chegar con perigo á portería contraria. Diego Muíña tivo a ocasión máis clara cun remate á saída dun córner. Pedrosa e Rares tamén puideron marcar, pero non era o día dos atacantes vilalbeses.
Mantense cuarto o Racing na clasificación con 24 puntos.