No grupo norte o Nuevo Nausti foi quen de sacar un empate no campo do filial do Racing Vilalbés, que mantén oito puntos de vantaxe sobre o Mondoñedo e o Rioaveso, que foron quen de gañar os seus encontros. No grupo sur o Quiroga goleou ao Relámpago Taboada e recuperou o liderado, iso si, igualado a puntos cun Palas que igualou nas Rapadas fronte ao Páramo.
grupo norte
O Racing Vilalbés B cedeu os primeiros puntos na casa diante do Nuevo Nausti (1-1). O derbi vilalbés saldouse cun empate, o primeiro que cede o líder no seu campo en toda a temporada. Comezou ben o conxunto local, que estrelou dous balóns no pao e foi quen de adiantarse cun tanto de Samu, que aproveitou un erro defensivo dun Nausti que plantexou un partido moi replegado para tentar saír á contra. E así chegaron as mellores ocasións para facelo. Pero a igualada non chegou ata o desconto, nun penalti que detén Pedro en primeira instancia, pero Cristian aproveitou o rexeite para establecer a igualada.
O Mondoñedo suma a cuarta vitoria consecutiva fronte ao Matela (3-0). Os de Isra colleron carreiriña no último mes de competición. O encontro non foi moi entretido, sobre todo na primeira metade, na que o Matela tentou levar a iniciativa, aínda que sen xerar perigo. Xusto antes do intermedio, Álex Gacio adiantou ao cadro mindoniense, e na segunda metade os locales xa tiveron o control do partido. Javi Álvarez non tardou en ampliar diferencias e Denis sentenciou. O Matela apenas inquedou a portería de Alberto, pero amosou unha boa imaxe no Viñas da Veiga.
O balón parado, clave para o triunfo do Rioaveso fronte á Comercial B (3-1). Encontro moi trabado, con moitas interrupcións, no que o cadro visitante non lle concedeu ao Rioaveso continuidade no xogo. Malia todo, os de Manu Veiga contaban con dous goles de vantaxe aos vinte minutos de xogo, ambos obra de Mario a balón parado. A sentencia non chegou ata o minuto 78 cun tanto de Álex Veiga. Nos últimos intres a relaxación local permitiu varios achegamentos da Comercial B. Borja recurtou diferencias desde o punto de penalti.
O Abadín volve gañar logo de tres xornadas diante dun Catro Roldas que suma catro derrotas consecutivas (3-2). Encontro igualado, no que ningún dos dous conxuntos se fixo dominador claro. O cadro visitante comezou mandando no marcador cun tanto de Moha tras asistencia de Samu Orosa, pero o Abadín non se veu abaixo e non tardou en empatar por medio de Chechu, nunha indecisión da zaga do Catro Roldas. Na segunda metade, un golazo de Samu Orosa voltou a poñer por diante aos de David Lorenzo, pero o Abadín reaccionou de contado con dous tantos de Iván Seco e deulle a volta novamente ao marcador. O Catro Roldas tentou a igualada na última media hora a base de xogo combinativo, aínda que sen demasiadas ocasións.
O Celeiro entra en postos de play off logo de gañar no campo do Cazás (0-2). O encontro comezou con moito respeto entre os dous equipos, que se rachou preto da media hora de xogo cun duro disparo de Cora que rematou lonxe do alcance de Fernando. O Celeiro controlou ben o encontro desde a defensa e desbaratou a embestida local dos primeiros compases do segundo tempo e os viveirenses sentenciaron á contra. De novo Cora, o mellor no conxunto de Martín Rodríguez, foi quen de superar ao gardameta do Cazás.
grupo sur
O Quiroga goleou ao Relámpago Taboada e ocupa o primeiro posto (6-1). Encontro que o cadro local tivo controlado en todo momento e que ao descanso xa contaba con catro goles de vantaxe. Abriu o marcador Sergio Pollo e pouco despois Mavilo xa ampliou as diferencias. A inercia fixo que o Quiroga non se conformara e Andrés sentenciou o choque, cun tanto con adicatoria especial e Jose preto do intermedio marcou o cuarto. Tras o descanso os locales saíron máis relaxados o Relámpago recurtou diferencias no marcador. Álex Mavilo e Jose completaron o set. O cadro visitante amosou unha boa imaxe a pesar do resultado final. A grada do Municipal ovacionou ao dianteiro visitante Víctor Valiño ‘Valigol’ no momento do seu troco.
O Páramo empatou na segunda metade un encontro que o Palas tiña encarrilado (2-2). O Palas foi superior na primeira metade e reflexouno no marcador. Álvaro abriu a lata ao aproveitar un erro defensivo e Julián puxo terra de por medio logo de transfomar unha pena máxima. Na segunda metade trocaron as tornas, aínda que Álvaro puido sentenciar nunha boa ocasión. O Páramo fíxose co dominio do encontro e Antón recurtou diferencias no ecuador do periodo final e dez minutos máis tarde Hugo Fontal igualou a contenda. Nos últimos intres o Páramo estrelou un balón no longueiro e o Palas desbaratou dúas boas ocasións.
O Incio segue na pelexa polo ascenso directo tras derrotar ao Bóveda (3-0). Costoulle entrar no partido aos de Julio Corral. E fíxerono do mellor xeito, cun gol. Dani marcou o primeiro e o Incio amosouse superior ao seu rival e contou con varias ocasións para ampliar diferencias, aínda que o gol non chegou ata o segundo tempo, obra de Vila, que pouco máis tarde sentenciou o choque co segundo na súa conta particular. Co 2-0 no marcador, o Bóveda reclamou unha man do gardameta Castro fóra da área, que o colexiado non sinalou.
O Rubián goleou a un Castroverde que non é quen de rachar a súa mala dinámica (5-0). O cadro local foi superior durante todo o encontro, malia que o Castroverde comezou ben o partido. Pero cando a dinámica é negativa as cousas soen saír mal. Nun córner sen aparente perigo os de Fran Veiga encaixaron un tanto, obra de Víctor, e saíron do encontro. O propio Víctor ampliou diferencias desde os once metros. Ao comezo da segunda metade as esperanzas do Castroverde viñéronse abaixo coa expulsión do seu porteiro, aínda que nos seguintes minutos foron quen de crear varias ocasións de perigo. O Rubián soubo xerar perigo e materializou as súas ocasións. Víctor completou o seu hat-trick e aínda chegaron dous tantos máis nos úiltimos intres.
O Sober acada a súa cuarta vitoria consecutiva no campo do Taboada B (1-2). Encontro igualado no que dous erros puntuais do filial do Taboada fixeron que se decantara para os de Iban Lagoa. Martín adiantou ao Sober na primeira metade e non se viron máis goles ata o último minuto do encontro. Os visitantes sentenciaron, aínda que Andrés puxo a incertidume antes de que o colexiado sinalara o final.
O Monterroso B sacou un valioso punto do campo do Santa Comba cun gol no desconto (1-1). Os dous conxuntos buscaron un fútbol directo e contaron, na primeira metade, con dúas ocasións claras cada un. Jorge a piques estivo de marcar para os locales e Rubén para os de Javichu. Na segunda metade o Santa Comba saiu mellor e contaron con tres claras opcións de gol, dúas delas remataron no pao. O filial monterrosino, co paso dos minutos foi a polos tres puntos e nunha contra os de Ángel Merino lograron poñerse por diante cun gol en propia porta de Burgo. Os visitantes non dudaron en ir a polo empate e Xes, nun gran partido do zagueiro, puxo a proba ao gardameta do Santa Comba. Nun desconto interminable, moi protestado polos locales, Sergio anotou un gol olímpico para sacar un bo punto de Tras do Novo.