#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Racing Vilalbés achégase á zona de perigo

Once do Racing Villalbés na 20ª xornada de liga da Segunda Federación ante o Rayo Cantabria cos lucenses Álex Santomé, David Vérez, Kiko, Javi Varela, Jose Varela e Rares no equipo titular

No Trío de Ases Panadería O Cantón desta xornada non podemos celebrar ningunha vitoria lucense. Na Segunda RFEF o Racing Vilalbés sumou a quinta xornada sen gañar. A derrota diante do Rayo Cantabria deixa aos de Simón Lamas dous puntos por enriba do posto de promoción de permanencia. Na Terceira RFEF, a Sarriana sumou un punto diante do Gran Peña e segue moi preto do play off. Polvorín e Viveiro caeron derrotados nas súas visitas aos campos do Estradense e Bergantiños, respectivamente. Na Preferente, o Ribadeo empatou sen goles no campo do Dubra e o Lemos sumou un punto insuficiente na Pinguela fronte ao pechacancelas Eume. O Castro caeu no feudo do Lalín e a Residencia fixo o propio na Cheda diante do Boiro.

O Racing Vilalbés sufre a costa de xaneiro e perde co Rayo Cantabria (0-1)

Continúa a mala xeira do Racing Vilalbés que acumula cinco encontros sen gañar, que sumada á igualdade existente na Segunda RFEF sitúa aos de Simón Lamas a só dous puntos dos postos de play out.

Poucos achegamentos ás áreas nos primeiros minutos de partido. A primeira ocasión do Racing protagonizouna Isaac, que rematou forzado ao corpo do porteiro. Nunha combinación entre Nathan, Uzal e Isaac rematou co lanzamento deste que enviou a córner moi atinado Álvaro Jiménez. O encontro animouse na recta final do primeiro tempo. Buyo e Rares probaron sorte con cadanseu disparo que se marchou alto. Antes do descanso chegou a única ocasión para os cántabros. Un remate de Santamaría que detivo Álex Santomé.



No segundo tempo tardaron en chegar as ocasións. Na primeira que tiveron os visitantes marcaron. Un centro desde o perfil dereito do ataque rematouno inapelable Santamaría de cabeza lonxe do alcance de Álex Santomé. Simón Lamas deulle entrada a Javi Rey e Ibra e posteriormente produciuse o debut de Carrión que gozou de bos minutos, aínda que tivo que xogar no lateral dereito pola expulsión de Jose Varela. A mellor ocasión do Racing Vilalbés para empatar chegou preto do final. Izan cabeceou un córner botado por Javi Rey e atopouse coa boa parada do porteiro visitante e no seguinte córner o remate de Ibra despexouno a zaga santanderina.

A Sarriana sumou un valioso empate diante un enrachado Gran Peña (1-1)

Encontro entre dous conxuntos que se disputaron a posesión do balón. Comezou ben a Sarriana e foi superior ao seu rival ata o minuto 35, cando o conxunto vigués colleu o temón do xogo. Non se viron ocasións claras de gol ata que no minuto 42, o Gran Peña se puxo por diante no marcador. Nun perda de balón no centro do campo, o filial céltico realizou unha boa xogada combinativa que finalizou co tanto de Óscar Lorenzo. Xusto antes do intermedio, Tomás gozou dunha boa opción para igualar.



No segundo tempo, a Sarriana saiu moi ben ao campo e comezou a xerar perigo en accións por banda, sen acerto no remate. O empate chegou nunha boa acción de Diego Rey que pasou a Tijan e o disparo deste detívoo con problemas Dani Sampayo. O rexeite empurrouno ao fondo da portería Boedo.

O Polvorín racha a súa boa xeira fronte ao Estradense, rival directo pola permanencia (2-0)

Non entrou ben ao partido o Polvorín, que viu como o Estradense realizou unha presión moi alta que dificultou o xogo dos de Roberto Trashorras. En varias perdas de balón en campo propio, Brais tivo que intervir para evitar o tanto local. Pero o gol dos de David Páez chegou antes do intermedio, nun saque desde o curruncho que rematou ao fondo da portería Dani Prada.

Ao pouco de comezar o segundo tempo Raúl Paz fixo o segundo ao rematar no primeiro pao un bo centro. O Polvorín estirou liñas e contou con varias ocasións nas botas de Arhon e Jorge, pero o marcador non se moveu.

O Viveiro amosou unha boa imaxe nas Eiroas, pero o triunfo foi para o Bergantiños (3-1)



A mellor primeira metade do Viveiro fóra da casa no que vai de temporada. Os celestes plantexaron un encontro ben agazapados en defensa e con rápidas transicións que xeraron perigo á defensa do Bergantiños. Malia todo, foron os locais os que marcaron primeiro por medio de Musy, pero só cinco minutos máis tarde Rolle rematou un bo centro de Manu e estableceu o empate no marcador. O Viveiro gozou de boas ocasións para poñerse por diante. Núñez, Gamarra e Cora foron os protagonistas, pero atopáronse coa boa actuación do gardameta Santi Canedo.

O Viveiro mantivo o empate ata o minuto 70. Un centro de Álex Cabarcos rematouno ao fondo das redes Marcos Remeseiro cun bo tiro cruzado. Só dous minutos máis tarde, Musy sentenciou o choque cun tanto moi semellante. Gamarra e Arturo contaron con boas ocasións para maquillar o marcador.

O Castro desperdicia numerosas ocasións e remata perdendo no campo do Lalín (1-0)

Primeira metade equilibrada, sen ocasións ata o ecuador desta. A partir de aí o Castro contou con varias opcións de gol para marchar ao descanso por diante no marcador, pero sen acerto no remate. O Lalín só inquedou a portería de Josema a balón parado.

A segunda metade foi un monólogo do conxunto chairego. Chegadas por banda, ocasións a porta baleira, boas intervencións do gardameta local. . . e din que o que perdoa remata pagándoo. E asi foi. No minuto 88 nun despiste defensivo Manu Casal anotou o único tanto para o Lalín.

O Ribadeo, sen adestrador, iguala sen goles no campo do Dubra (0-0)

Unha semana despois da renuncia de Dani Moirón, o Ribadeo segue sen atopar adestrador que o remude. No encontro diante do Dubra sentou no banco o preparador físico Gonzalo Valdés, que deixará o club unha vez chegue e o novo corpo técnico.

A primeira metade resultou moi parella, cunha lixeira superioridade ribadense que se traduxo nalgunha ocasión de gol, a máis clara do lateral Manu, que disparou ao pao. O Dubra apenas inquedou a portería de Carrera.

O Ribadeo dominou con claridade o segundo tempo e protagonizou numerosas chegadas por ambas bandas. Por erros propios ou acertos do gardameta local non chegou o tanto da vitoria. Nos últimos dez minutos Asier e Diego Ferreiro viron o segundo cartón amarelo e os mariñáns tiveron que afrontar os últimos intres con nove xogadores. O encontro igualouse e ámbolos conxuntos contaron con ocasións para acadar os tres puntos.

O Lemos é superior ao Eume, pero ten que conformarse cun empate na Pinguela (0-0)

Moitas imprecisións na primeira metade por parte do Lemos, que xogou con demasiada precipitación diante dun Eume moi ben situado sobre o terreo de xogo, cunha liña de cinco defensiva que apenas deixaba espazos. Os de Juanlu Bernal non tiveron demasiada presenza na área rival, aínda que viron como o colexiado anulou un gol a Samu por fóra de xogo.

O Lemos mellorou no segundo tempo logo dun triple troco realizado no tempo de lecer e gozou de máis presenza en campo contrario. O Eume non xerou perigo ante a portería de Losada, que foi un espectador máis. O cadro monfortino contou con dúas boas opcións de gol, pero tivo que conformarse cun punto que sabe a pouco.

Dez minutos fatídicos rematan coas esperanzas da Residencia diante do Boiro (1-4)

Primeiro tempo nivelado, con dominio do balón do Boiro, aínda que sen xerar grandes ocasións de gol. Só unha chegada clara dos visitantes que detivo ben Diego a lanzamento de Taboada. Rois protagonizou a máis clara da Residencia antes do descanso.

No segundo tempo chegou o descalabro local. En só dez minutos, o Boiro foi quen de acadar tres goles, obra de Mario, Taboada e Adrián Pereira e deixar o encontro visto para sentencia. Cinco minutos máis tarde chegou o cuarto, por medio de Prol. A Residencia anotou o tanto da honra preto do final, cun disparo desde dentro da área de Edrosa.

O Racing Vilalbés achégase á zona de perigo

Julio Corral: «Non me motiva adestrar con

O Racing Vilalbés achégase á zona de perigo

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 20

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *