#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

O Polvorín cae co Somozas e di adeus ao soño do ascenso

Non teremos representante lucense na nova Segunda RFEF. O Polvorín caeu no Anxo Carro en semifinais da fase de ascenso diante do Somozas, cun tanto nos últimos intres de encontro. O Viveiro, co obxectivo da permanencia xa acadado, non puido sumar na súa visita ao campo do Barco.

Un tanto de Luis Nuño preto do final racha coas ilusións do Polvorín (0-1).

O Polvorín continuará a vindeira temporada en Terceira. Máis que meritoria a campaña realizada polo filial do C.D. Lugo que pelexou ata o final por acadar un dos postos de ascenso. Pero este non foi o mellor encontro dos de Álex Ortiz que foi superado no cómputo global dos noventa minutos por un Somozas que tivo máis claridade no seu ataque.



O cadro de ferrolterra non tardou en mandar o primeiro aviso por medio do ex racinguista Iago Blanco logo dun gran pase de Pablo Rey.  Nas botas do media punta ferrolán estiveron as mellores ocasións para o Somozas na primeira metade con dous lanzamentos de falta que inquedaron a portería de Julen. Os de Jairo Bello foron medrando froito dos desaxustes defensivos do Polvorín e preto do descanso chegou a oportunidade máis clara para os visitantes, cun testarazo de Luis Nuño tras un medido centro de Álex Cabarcos que marchou fóra por moi poucos centímetros. A primeira ocasión para o cadro local chegou co tempo cumprido. Manu Núñez regateou a Garrido na frontal e conectou un disparo que puxo en serios apretos a Marcos Souto.

Na segunda metade, o Somozas chegou de xeito reiterado á área lucense. Alberto Novoa, cun lanzamento alto, e Luis Chacón que disparou ao lateral da rede puxeron en serios apretos a Julen. Co paso dos minutos o encontro perdeu ritmo e sufriu numerosas interrupcións por problemas físicos de xogadores de ámbolos conxuntos. Cando xa todo parecía encamiñado á prórroga surxiu a maxia de Pablo Rey, que inventou un pase á banda esquerda onde entrou con espazo Luis Chacón. O extremo colocou un balón medido que superou aos centrais do Polvorín e Luis Nuño, sen oposición, rematou ao fondo da portería.



O Viveiro perdeu en Calabagueiros diante dun Barco que se xogaba a vida (3-1).

O conxunto mariñán, co obxectivo da permanencia acadado, non alcanzou o nivel de intensidade dun Barco que se xogaba a súa continuidade en Terceira. Malia ao triunfo, o conxunto de Valdeorras terá que sumar un punto na última xornada para non ter que mirar o resultado da UD Ourense. Chusky deulle entrada no once titular ao gardameta Tomás, que fixo o seu debut esta temporada, así como na categoría, e tamén ao lateral zurdo Pablo Louzao.

O cadro local levou o peso do encontro e gozou de ocasións claras para acadar un marcador máis abultado. Óscar Martín, ata en dúas ocasións puido adiantar a un Barco que logrou o primeiro tanto por mediación do seu capitán Omar, que rematou un saque desde o curruncho botado por David Álvarez. Foi este último quen ampliou as diferencias no marcador poucos minutos despois cun preciso lanzamento desde fóra da área e puido sentenciar logo dunha boa asistencia de Rodri que rematou fóra con todo a favor.



O Viveiro non inquedou a portería local ata o desconto do primeiro tempo. Xaime sacou un córner que peinou Álex Meitín e Rolle rematou no segundo pao ó fondo da portería. A inquedanza no marcador só durou ata a primeira xogada do segundo tempo. Óscar Martín, desta volta si estivo acertado e rematou axustado ao pao desde o vértice da área.

A segunda metade non deu para moito máis, pero deixounos a boa nova do debut, logo dunha longuísima lesión do central Roi, peza determinante en Preferente, e que por fin volveu a saltar ao verde.

O Polvorín cae co Somozas e di adeus ao soño do ascenso

O anecdotario: «O dedo tolo», por Alberto

O Polvorín cae co Somozas e di adeus ao soño do ascenso

O Lemos e o Santaballés espertan do

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *