O Friol, un dos equipos máis destacados do fútbol feminino

O PM Friol non falla e recupera a segunda praza

  • O Antas firmou un empate agridoce ante o Victoria FC B
  • O San Lázaro cae ante a Esteirana nun partido no que mereceu máis
  • A Milagrosa segue de doce e remata o ano como terceira clasificada
  • O San Roque sae goleado da visita do Bandeira pese ás boas sensacións
  • Táboas no derbi do sur lucense entre Carballedo e Monte Forte

O PM Friol gaña ao Concello de Boiro e volve de cheo á loita polo liderato

Non fallaron as friolesas na última cita do ano. Unha gran primeira parte das amarelas que, porén, só puideron anotar por medio da habitual: Yoleidis. O seu único tanto na primeira metade determinou o partido.

Once inicial do PM Friol ante o Concello de Boiro. Foto cedida

Porén, o PM Friol durmiuse por completo na segunda parte, o que lle puido custar caro malia que o Concello de Boiro apenas causaba perigo. As friolesas baixaron o pé do acelerador, coma se foran gañando de goleada. Finalmente o marcador non se moveu, pero a imaxe non foi a agardada.

Con todo, o pinchazo do Victoria CF ante o Bergantiños devolve ao PM Friol á segunda praza, a dous puntos do líder, As Celtas B.

O Antas volve cun punto do partido ante o Victoria FC B

Un empate moi agridoce para as de Óscar Méndez, que malia comezar erdendo, conseguiran empatar o partido no 77′ co gol de Melanie Vázquez e pórse por diante xa no 86′ grazas ao tanto de Nuria.

Once inicial da SD Antas ante o Victoria FC B. Foto cedida

Porén, unha falta realizada nos últimos intres do partido, condenounas. O árbitro sinalou un tiro libre moi preto da área defendida por Xanaia que acabou transformando Alicia, do Victoria FC B, para repartir puntos entre ambos conxuntos e deixar con unha sensación agridoce ao Antas, que conseguira remontar o partido a un dos grandes equipos da categoría.

Un San Lázaro sen sorte cae ante a Esteirana

Non tivo o día o San Lázaro, que malia ter ocasións favorables non conseguía anotar. Quen si o fixo foi Rut, da Esteirana, xa no 4′ para adiantar ás súas.

As de Rubén Candal non baixaron os brazos, pero á volta dos vestiarios foi Bárbara quen ampliou a vantaxe para as locais, Melania, no 70′, puxo a renda do 3-0 e só Iria, xa no 89′ maquillou o resultado final: 3-1.

A Milagrosa segue de doce e pecha o ano terceira

Nova vitoria dunha Milagrosa lanzada. Malia comezar perdendo o partido, cun gol de Claudia no 21′ para o Corme, as de Héctor Expósito axiña volveron ás táboas grazas ao tanto en propia porta de Saskia no 23′.

Xogadoras da Milagrosa antes do partido ante o Corme. Foto cedida

Para sorpresa de ninguén, foi Irene quen puxo por diante ás milagrosistas no 70′, pero no 80′, Carla devolveu as táboas anotando no 80′. Pero a actitude impecable das luguesas daríalles a vitoria, loitando por ela ata o final. Foi Seguín quen, no 92′ anotou o definitivo 3-2 para a Milagrosa. Tres puntos máis para colocarse xa terceiras, en play-off, e pechar un ano para a lembranza albivermella.

O San Roque cae ante o Bandeira pero confía no 2026

O partido comezou moi desputado por ambos equipos aínda que o Bandeira se adiantara xa no min. 6. As de Blas non baixaron os brazos e o San Roque comezou a ter claras ocasións. Así, no 21′, Miriam anotou o gol do empate cunha gran xogada que culminou cun disparo cruzado.

Xogadoras do San Roque antes do partido ante o Bandeira. Foto cedida

O San Roque colleu ritmo, atacando e defendendo ben. Porén, a escasos minutos de rematar a primeira parte, un desaxuste trouxo o 1-2 para o Bandeira.

Na segunda parte, ambos conxuntos saíron ao campo con todo. Iso motivou grandes ocasións para ambos, pero ao cuarto de hora a lesión de Lourdes marcou ao San Roque. Malia que tratou de seguir no campo, na práctica o San Roque quedou con 10 e o Bandeira aproveitouno de gran maneira, para chegar ao 1-5 final.

Porén, a lectura no cadro verdibranco é moi positiva, cunhas xogadora que o deron todo malia as adversidades. Con esta actitude e xogo, Blas está seguro de que no 2026 os resultados chegarán.

Táboas no derbi do sur lucense de Terceira Futgal entre Carballedo e Monte Forte

Partido moi igualado no Catro Ventos, cunha primeira parte na que o Carballedo tivo varias ocasións para pórse por diante, pero non transformou. Á volta do descanso, as rosas saíron pouco concentradas e o Monte Forte aproveitouno para que Paulita puxera o 0-1.

Xogadoras do Carballedo ante o Monte Forte. Foto cedida

O Carballedo volveu ao partido con madurez, aplicando a estratexia marcada por Sementa, que deu os seus froitos. Carla anotou no 86′ para as locais, repartindo os puntos do derbi.

O PM Friol non falla e recupera a segunda praza

Os 12 puntos nun mes da Sarriana