Balón de osíxeno para o PM Friol B na Primeira Galicia. As de Geluco Villar superaron por 3-1 ao Noia para saír de postos de descenso. O partido contou con dous factores determinantes: os dous goles asinados nos últimos tres minutos da primeira metade. E o ‘dobrete’ dunha Thimote, que foi a clara referencia ofensiva do conxunto friolés.
Unha gran xeira e un gol ‘maradoniano’ na Segunda
Terceira vitoria consecutiva dun San Roque que queda a un posto da promoción de ascenso. O cadro verdribranco marchouse 0-2 ao descanso nunha primeira metade na que foi superior pero sen marcar o ritmo de xogo desexado. As de Quiroga creceron no segundo tempo e remataron goleando. Sofía asinou un ‘dobrete’.
O Antas sumou un punto e moi boas sensacións en Arteixo. As de Dani Abelairas dominaron nun primeiro acto no que o fútbol directo do Sporting Meicede non fixo dano algún. Á media hora de xogo, Nuria colleu un balón en campo propio para desfacerse de varias rivais e asinar un gol ‘maradoniano’. Máis de 50 metros de carreira para impoñer a súa lei no man a man coa porteira local. Despois deste tanto, as do Castro Seoane non atoparon máis premio á súa fluidez en ataque.
Na segunda metade un bo balón entre liñas igualou de novo o marcador. Aínda así, o Antas buscou o triunfo en chegadas de segunda liña de Iria e Elisa. Tamén en accións individuais de María e Nuria. Sen sorte algunha. A mellor noticia foi o debut de Aldara, unha nova perla para o equipo da Ulloa.
O Chantada deu a cara ante o todopoderoso líder, que contaba os seus anteriores partidos por goleadas. O EFM Boiro adiantouse nos primeiros compases nun saque desde o curruncho. Aínda así, o duelo igualouse despois dese tempraneiro gol. Tralo paso polos vestiarios, as do Barbanza asestaron o seu segundo e definitivo golpe nunha boa combinación. O equipo do Sangoñedo dispuxo dalgún acercamento que non chegou a materializar. De tódolos xeitos, o equipo de Jorge González ofreceu unha versión moi seria a pesares da derrota.
A Milagrosa sufriu unha derrota que non empaña a súa melloría. Seis minutos fatídicos, dentro do último cuarto de hora, propiciaron os tres goles do Cee. Anteriormente, reinou a igualdade e as de Frigsa dispuxeron de varias oportunidades para adiantarse. O contragolpe local resultou decisivo.
O CD Lugo B e o Monte Forte, únicos vencedores nesta data da terceira galicia
O CD Lugo B mantense como un dos tres equipos da Terceira Galicia (Grupo 3) que suma todos os seus encontros por vitorias. O conxunto de Diego Rey finiquitou o partido nunha gran primeira metade (0-5) e non deu opción ao Órdenes en momento algún. Partido sen moita historia máis alá dos ‘dobretes’ de Xiana e Candela Otero.
O Monte Forte sitúase a tres puntos dos postos de privilexio despois de golear ao EF Silleda a domicilio. As pupilas de Cristian Penas realizaron un encontro moi completo, tanto en defensa como en ataque. Amosaron claridade de ideas e superioridade desde o primeiro minuto ata o último. Noa marcou un ‘dobrete’.
Pola súa parte, o Carballedo caeu nun duelo moi estraño no feudo do Taragoña. As baixas e os cambios de posición lastraron ás de Sementa nos corenta e cinco minutos iniciais. Recibiron tres goles froito da desorde e a incomodidade sobre o verde. As do Catro Ventos axustaron o necesario no vestiario e xogaron unha boa segunda parte. Tres paus e a soberbia actuación da porteira rival, impediron que as lucenses puntuasen.
O San Lázaro atopouse cun Curtis moi sólido e traballado, ao que non foi quen de meterlle man. O equipo betancego impuxo a súa lei, especialmente na primeira metade. E encarrilou o choque cun tempraneiro gol, ao que nunca se deron sobreposto as da Ponte. Dous tantos máis sobre a media hora de xogo, deixaron o encontro visto para sentenza.
Por último, a Comercial saiu moi descentrada ante un Cruces que asinou os seus dous tantos no primeiro acto. A melloría do cadro de Vicky na reanudación foi máis que notoria. Iso si, as vermellas non atoparon o camiño do gol e os puntos voaron das Gándaras.
Cara e dobre cruz na Terceira RFEF
O PM Friol regresou á senda do triunfo nun partido de claro color amarelo e que rematou cunha sonora goleada ante o Llanera. Lynda Muriel, autora dun hat trick, liderou a ofensiva do cadro da Reigosa. Un conxunto que se amosou superior ás asturianas para sumar de tres despois de máis dun mes sen facelo. Non foi o mellor día no tocante ao xogo, pero si en canto a puntería.
A nota negativa do encontro chegou desde a bancada, onde Covi Regueiro volveu a dar instrucións pese a estar sancionada. O colexiado recolleu esta incidencia na acta (unha semana máis) e veremos cales son as consecuencias. Cunha vitoria tan cómoda resulta incomprensible este feito…
A outra cruz da moeda chegou desde a provincia da Coruña, onde o Lugo perdeu pola mínima. As de Joaquín Blanco non entraron ben ao terreo de xogo e encaixaron o seu único tanto antes dos dez minutos. A diferenza de ocasións anteriores, o equipo non se veu abaixo e igualou pouco a pouco a intensidade das ‘cebras’. As ocasións brillaron pola súa ausencia ata o descanso.
Na segunda metade, o CD Lugo foi mellor. As albivermellas crearon oportunidades suficientes para empatar, entre elas dous paus. Porén, a sorte segue sen sorrir ás capitalinas nesta nova andadura na Terceira RFEF.
Resultados da xornada
Victoria CF 1-0 CD Lugo
PM Friol 6-0 Llanera
PM Friol B 3-1 Noia
Silva 1-4 San Roque
Sporting Meicende 1-1 Antas
Cee 3-0 Milagrosa
Chantada 0-2 EFM Boiro
Comercial 0-2 Cruces
EF Silleda 1-5 Monte Forte
Órdenes 0-6 CD Lugo B
Taragoña 4-1 Carballedo
Curtis 3-0 San Lázaro