Antepenúltima xornada da Preferente no formato exprés que deseñou a Federación Galega para esta temporada, na que se enfrontan os dous primeiros clasificados do subgrupo lucense. A Residencia e a Sarriana pelexarán por tres puntos que os acheguen aos seus obxectivos, no caso dos visitantes, serían definitivos de cara a lograr o pase á fase de ascenso. A Cheda será o esceario do encontro o domingo ás 17:45 horas, coa arbitraxe do colexiado ourensán Rodríguez Delgado.
A Residencia afronta o encontro desde o segundo posto e sen presión por acadar a clasificación para a fase de ascenso. Ademáis, o conxunto de Álvaro Meilán conta por vitorias os encontros disputados na Cheda. Os triunfos folgados diante do Santaballés e o Lemos seguiuno outro máis axustado diante do Foz, pero en todos eles amosou o conxunto lucense ser un bloque sólido ao que resulta complexo dobregar. Unha vitoria nesta xornada outorgaríalle á Residencia a vantaxe de chegar por diante do Lemos ao que se antolla encontro decisivo da vindeira xornada na Pinguela.


A Sarriana tan só cedeu un empate en tódalas xornadas disputadas. Foi na segunda xornada no Pepe Barrera diante do Ribadeo. A partir de aí cinco triunfos consecutivos que o colocaron no liderato e con posibilidades de acadar, a falta de dúas xornadas, a clasificación para a fase de ascenso, obxectivo prioritario do cadro sarriao. Cabe destacar do conxunto adestrado por Charly a súa insultante capacidade para marcar. En seis dos sete encontros xogados foron quen de anotar tres ou máis goles. Pola contra, encaixan con certa facilidade, sendo quen a Sarriana e o Foz de anotarlle tres tantos cada un.
O último encontro na Cheda entre os dous equipos tivo lugar o 26 de xaneiro de 2020 e rematou con triunfo visitante por dous goles a cinco. Lucas e Moha adiantaron á Residencia, pero un hat-trick de Omar, Jacobo e Álvaro, hoxe nas filas do cadro lucense, déronlle a volta ao marcador para a Sarriana.

Falamos do encontro con Adrián (Residencia) e Luis Díaz (Sarriana).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
ADRIÁN (RESIDENCIA)
– O futuro inmediato. «Afrontámolo con moita ilusión, sabendo que todo o que poidamos acadar é un premio co que non contariamos nunha temporada normal, así que imos xogar estas últimas xornadas con moitas gañas . . . e a por todas».
– A Sarriana. «Agardo un partido moi complicado. Son un gran equipo, son líderes e iso non é casual, pero nós na casa ata o de agora gañamos tódolos encontros, polo que será moi competido. Debemos estar a un gran nivel, se o logramos teremos as nosas opcións».
– Os rivais. «Sería moi positivo chegar ao seguinte encontro na Pinguela por diante do Lemos, está claro, pero nós polo momento só pensamos na Sarriana. Como se soe decir, partido a partido».
LUIS DÍAZ (SARRIANA)

– O nivel do equipo. «Creo que imos de menos a máis, sobre todo nos últimos catro partidos. Ao comezo sacamos bos resultados, pero as sensacións non eran as mellores, o que é lóxico despois de tanto tempo sen xogar, moitos xogadores novos e unha pretemporada atípica. Somos conscientes do potencial do equipo que temos e seguimos mellorando».
– O encontro na Cheda. «Será un partido moi igualado. Eles xogarano como se fose unha final e nós se logramos os tres puntos aseguramos o pase á fase de ascenso e o primeiro posto. A Residencia ten un bloque moi sólido, coñécense ben e saben ao que xogan. A Cheda sempre é un campo complicado para os visitantes».
– Os goles encaixados. «É certo que se pasamos á segunda fase será importante reducir o número de goles en contra, pero tamén é verdade que aínda que levemos bastantes goles encaixados non nos xeran moitas ocasións. Boa parte deles debéronse a ocasións correxibles ou incluso de mala sorte».