Un dos clásicos da Primeira Autonómica está a dala campanada neste comezo de competición: o Santaballés. E este domingo ás 16:30, recibe no campo da Liga a un dos grandes favoritos ao ascenso: a Residencia.
O cadro chairego, adestrado esta campaña por Simón Lamas, que ademáis está a facer unha gran labor na base do Racing Vilalbés, atópase logo de sete xornadas na segunda posición, cedendo tan só unha derrota na Pinguela ante o líder e un empate no seu feudo ante o Friol. O conxunto de Santaballa foi quen superar a equipos que previsiblemente rondarán a zona alta da clasificación como Riotorto ou Taboada, e na última xornada gañou no campo da Mina ante un correoso Sporting Pontenova. Nove puntos nos tres últimos encontros, que serven pra recibir a un dos favoritos ao ascenso coa moral alta e con marxe de puntos suficiente.
Pola contra, a S.D. Residencia non comezou a competición da mellor forma. É certo que o conxunto capitalino tivo que lamentar baixas de xogadores importantes, que deixaron a disciplina do clube o pasado verán, pero de tódolos xeitos a Resi, por historia debe ser un equipo punteiro en primeira. Nestas sete xornadas ligueiras suma oito puntos, a falta de xogar o encontro adiado a primeira xornada ante o Chantada Atlético. Malia que os resultados non son os agardados, os lucenses foron quen de golear ao Friol na Reigosa e como locales ao Burela e lograron arañarlle un punto ao Lemos.
O último enfrontamento entre os dous equipos no campo da Liga foi na temporada 2016/2017 e rematou con empate a dous tantos, sendo autores de un tanto cada un os nosos protagonistas: Álex Novás e Dani Galán.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Álex Novás (S.D. Santaballés)
Prudencia e traballo. «Aínda é moi cedo para etiquetarnos como equipo revelación, pero creo que o bo comezo do equipo se debe sobre todo ao traballo entre semana, estamos adestrando moi ben e hai compromiso e unión no grupo. Estamos tendo moitas lesións pero non se están a notar debido ao alto nivel de toda a plantilla. Unha das claves é que concedemos poucas ocasións e ademáis amosamos unha gran efectividade en ataque».
Ilusión. «Afrontamos o encontro diante da Residencia como calquer outro, pero con moita ilusión de seguir facendo as cousas ben e sumar de tres en tres, e máis se cabe diante da nosa afección».
O rival. «Son un equipo moi disciplinado e organizado, con unha plantilla que mezcla xogadores experimentados na categoría con outros moi xoves, pero creo que se seguimos na nosa liña, podemos sacalo encontro adiante».
Dani Galán (S.D. Residencia)
O último triunfo. «Era importante sumar tres puntos ante o Burela, sobre todo ao vir dunha derrota e que agora temos dous encontros a domicilio. Tendo en conta que houbo moitos cambios na plantilla e que o equipo aínda se está acoplando, é básico poder sumar nestes partidos».
O encontro na Liga. «Tódalas temporadas é un dos desprazamentos máis complicados. Polo nivel do rival, o gran ambiente e tamén porque é un campo que por superficie e dimensións dista moito do que temos na casa. Ademáis o Santaballés está a amosarse moi forte nesta fase de competición».
A nova Resi. «A plantilla sufriu moitas novidades con respecto á temporada pasada, por iso agora o importante é acoplarse como equipo e ir sumando puntos para situarse nunha zona cómoda da clasificación. A partir do comezo da segunda volta veremos ata onde podemos chegar».
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Terceira División
– Polvorín – C.D. Arenteiro (Domingo ás 12 horas na Cheda): coa obriga de gañar para abandoalo último posto da táboa, o filial do C.D. Lugo recibe, na xa remozada Cheda, a un rival complicado. Os do Carballiño son séptimos a só tres puntos dos postos de play off.
Preferente Norte
– Viveiro C.F. – S.D. Sofán (Domingo ás 17 horas en Cantarrana): logo do bo encontro realizado no campo do Montañeros, os de Chusky buscarán facer bo o punto colleitado a domicilio, ante un sempre complicado Sofán. Os bergantiñáns están a só dous puntos do Viveiro.
– S.D. Sarriana – Xallas F.C. (Domingo ás 18 horas na Ribela): invictos, e tan só a dous puntos do líder, os de Alberto López tentarán prolongala racha de xogo e resultados que os manteña na zona de privilexio. Os de Santa Comba non coñecen a derrota logo do troco de adestrador.
Primeira Autonómica
– Taboada C.F. – C.D. San Ciprián (Domingo ás 16:30 horas na Medela): os de Martín Murado, que suman catro encontros sen coñecela derrota, e son terceiros na táboa reciben a un San Ciprián, que logo da incorporación de Borja Mella resurxiu e xa é oitavo.
– C.F. Riotorto – S.D. Pol (Domingo ás 17:30 horas na Veiga): encontro entre conxuntos con rachas contrapostas. Os de Labrada, que veñen de gañar no campo do Escairón, levan cinco encontros invictos, mentras que o Pol viu freada a súa boa clasificación logo de caer derrotado nos seus dous últimos enfrontamentos.
– Mondoñedo F.C. – Guitiriz S.D. (Sábado ás 16:30 horas no Viñas da Veiga): o líder, invicto e imbatido, mídese cos pupilos de Israel Cruz, que con tres goles a favor e tan só dous en contra foron quen de sumar oito puntos.
– E.D. Lourenzá – Iberia C.F. (Domingo ás 16:30 horas en Santa Cruz): logo dun comezo dubitativo, os de Diego Rego suman dúas victorias consecutivas. Reciben ao conxunto de San Miguel, que non gaña desde a primeira xornada de liga.
– C.F. Portomarín – C.D. Guntín (Sábado ás 16:30 horas no Chao da Poza): tras empatar no campo do San Lázaro, Sergio Arias e compañía tentarán superar ao líder, que chega a este encontro logo de infrinxirlle ao Ferreira a primeira derrota do curso.
Terceira Autonómica
– S.C.D. Milagrosa – C.D. Alfoz (Domingo ás 19 horas no Luis Gorgoso): os capitalinos, que sumaron a primeira derrota da temporada no Pichón reciben a un Alfoz que suma dúas victorias consecutivas.
– C.D. Río Sil – Quiroga F.C. (Domingo ás 17 horas na Carqueixa): os soberinos reciben ao líder da categoría, que non cedeu un só punto a domicilio.
Segunda División Feminina
– P.M. Friol C.D. Lugo – Sárdoma C.F. (Domingo ás 17 horas na Reigosa): as lucenses buscarán continuar a súa gran racha de resultados ante as vigueses do Sárdoma.
Primeira División Galega
– S.C.D. Milagrosa – Victoria C.F. «B» (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): coa moral da primeira victoria da temporada, as branquivermellas buscarán darlle continuidade ante un dos cunxuntos máis potentes da categoría.
Segunda División Galega
– S.G. Comercial – Vioño C.F. (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): logo das dúas últimas derrotas, as lucenses necesitan recuperala senda do triunfo ante un conxunto coruñés que aínda non coñece a derrota.
– Carballedo C.F. – P.M. Friol Lugo «B» (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): derbi a priori desigual, pero ben seguro que o conxunto local tentará poñer en problemas ao filial do CD Lugo.