Non é un derbi, pero a autovía achega a Coruña á capital chairego dun xeito exponencial. O domingo ás 16:15 horas na Madalena, dispútase un dos encontros marcados en vermello no calendario. O Racing Vilalbés recibe ao R.C. Deportivo Fabril coa arbitraxe do colexiado compostelán Miguel Ángel Castro Castro.
O Racing Vilalbés é sétimo na táboa clasificatoria con catro puntos e un partido menos, o que ten que enfrontar aos chairegos co Polvorín e que foi adiado. Logo do empate da primeira xornada no sempre difícil campo do Viso e da goleada na Madalena ante o As Pontes, o pasado domingo chegou a primeira derrota para o cadro adestrado por Simón Lamas. Foi ante un dos galos da Terceira, como é o Bergantiños, pero o Racing non se amosou inferior aos de Carballo, chegando incluso a adiantarse no marcador. Logo dunha actuación arbitral moi protestada, o conxunto local logrou remontar en erros puntuais da zaga.
O encontro ante o filial deportivista é de suma importancia para non caer aos postos baixos da clasificación nunha competición tan curta como é este ano a Terceira. O Deportivo Fabril chega a este partido con cinco puntos, un máis que os vilalbeses e cun encontro máis disputado. Os pupilos de Valerón golearon ao Paiosaco en Abegondo, pero non puideron gañar aínda lonxe do seu feudo, acadando sendos empates ante Somozas e Silva. Na última xornada caeron derrotados na casa ante o Arzúa. A falta de regularidade propia dun filial está lastrando estas primeiras xornadas dun Fabril que conta con xogadores de enorme proxección como o central Juan Rodríguez ou os atacantes Manu Mosquera ou o xa habitual co primeiro equipo Adri Castro. De tódolos xeitos, o grande atractivo do choque será a volta á Madalena do vilalbés Diego Villares, capitán do Fabril.
O último encontro ligueiro entre ámbolos conxuntos na Madalena data do 13 de novembro de 2016 e rematou con triunfo local por un tanto a cero. O gol foi anotado por Gerardo, hoxe nas filas do Viveiro. A pasada temporada, suspendeuse a competición por mor da pandemia do Covid-19 antes da disputa do encontro entre Racing e Fabril.
Falamos con dous xogadores que vestiron as dúas camisetas. Ángel (Racing Vilalbés) formado na base do R.C. Deportivo e Diego Villares (Deportivo Fabril), un emblema dos cadro chairego malia súa xuventude.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
ÁNGEL (RACING VILALBÉS)
– Encontro especial. «Sempre é bonito e especial porque gardo moi bos recordos do meu paso pola canteira do Deportivo. Foron moitos anos compartindo vestiario e terreo de xogo con compañeiros fenomenais. Aínda que do cadro de xogadores actual só coincidín con Adri Castro e Kanouté«.
– O Fabril. «Igual que ante a maioría de filiais, creo que nos imos atopar un equipo que quererá dominar desde o comezo mediante a posesión de balón e teñen xogadores con moita calidade individual para levar a cabo ese plan de partido. Nós debemos cometer os mínimos erros posibles porque ante estes equipos acábalo pagando. A partir de aí, intentaremos roubar o balón e saír rápido á contra«.
– A derrota ante o Bergantiños. «Os erros puntuais en partidos tan igualados páganse, e iso foi o que nos pasou en Carballo. Trataremos de correxilos e a partir de aí seguir medrando como equipo. Cos xogadores que temos non teño ningunha dúbida de que melloraremos co paso das xornadas. O comezo de temporada é positivo, o equipo adestra ben e o ambiente dentro do equipo é moi bo, e ao final todo suma«.
DIEGO VILLARES (DEPORTIVO FABRIL)
– A volta á Madalena. «É o primeiro encontro oficial que xogarei como rival na Madalena. Volver ao sitio no que un medrou é sempre moi especial. Aínda que sexa nesta situación que nos tocou vivir e con pouca xente nas gradas con moita ilusión de xogar ante a xente que me leva vendo medrar desde cativo«.
– Un rival ben coñecido. «Será un encontro moi disputado. Simón coñece moi ben aos rivais e traballa moito durante a semana os partidos. A clave creo que estará en poder xerarlle perigo ao Racing. Non será doado, xa que, é un equipo bastante forte en defensa e concede moi poucas ocasións. A pesar da derrota ante o Bergantiños están a realizar un bo arranque ligueiro«.
– Un comezo irregular do Fabril. «Comezamos realizando un bo fútbol, sendo protagonistas con balón, pero quizáis nos falta xerar máis perigo cando chegamos a tres cuartos de campo. Logralo será clave se queremos gañar na Madalena«.
– Adestramento co primeiro equipo. «Foi unha gran experiencia. Non coñecía persoalmente a Fernando Vázquez, salvo dalgunha conversa puntual e foi moi enriquecedor. Foi un adestramento no que puiden coller sensacións de cara ao primeiro equipo«.