O Racing Vilalbés B pode ser equipo de Segunda Galicia esta próxima fin de semana. Os de Iván Lamas, logo de golear á Comercial B, ascenderán se derrotan ao Rioaveso no Roca. Novas menos agradables chegaron desde o campo do Matela, onde se tivo que suspender o encontro tras ser agredido o colexiado. No grupo sur, o Palas é líder en solitario logo de golear ao Quiroga. O Incio, que gañou con comodidade ao Relámpago Taboada, sitúase a un punto do liderado.
grupo norte
O Racing Vilalbés B venceu con comodidade á Comercial B e sitúase a tiro de pedra do ascenso (0-5). Malia que aínda non chegamos a marzo, os de Iván Lamas poden festexar o ascenso nesta vindeira xornada se derrotan ao Rioaveso no derbi vilalbés. No choque de filiais, os chairegos tiveron un encontro cómodo, no que apenas sufriron en defensa, e que deixaron visto para sentencia no primeiro tempo. Samu abriu o marcador aos vinte minutos e posteriormente Anido e Gabri deixaron o choque visto para sentencia. A Comercial cun home menos desde o minuto 38 encaixou outro tanto antes do intermedio. Un gol de bela factura de Anido. No segundo tempo, nada máis comezar, Gabri fixo o quinto. Nos restantes minutos, a Comercial B xuntou liñas e apenas se viron máis ocasións de gol.
O Catro Roldas non puido recurtar diferencias cos postos de ascenso logo de empatar co Mondoñedo (0-0). Quinta xornada sen gañar para os de David Lorenzo, desta volta fronte a un Mondoñedo que ocupa a segunda praza. Encontro condicionado polo forte vento que soprou en Román. Na primeira metade o Mondoñedo foi superior, pero non foi quen de concretar as ocasións, mentres que na segunda foi o Catro Roldas o que xerou máis perigo ante a portería de Adri, sobre todo a balón parado.
Os ataques gañaron ás defensas en Trasvías (4-4). Partidazo o visto en Galdo entre o Celeiro e o Abadín. Ningún dos contendentes especulou co resultado e nos primeiros compases Gayoso adiantou ao conxunto visitante. Malia ao mazazo inicial o Celeiro foi mellor na primeira metade e non tardou en facerse co control do xogo, axudado pola súa afección. El Mahdi fixo o empate ao aproveitar un rexeite e Mora, de penalti por man de Michi, deulle a volta ao marcador. Os de Martín Rodríguez amosaron un bo nivel nunha primeira metade na que o Abadín contou con dúas ocasións para facer gol. O Abadín revolucionou o equipo na segunda parte e Gayoso puxo a proba ao gardameta local Ceas. Si, o mesmo que xogaba de defensa nas últimas campañas!! Pero o encontro poríase moi de cara para o cadro local con outro tanto de penalti de Mora e só un minuto despois o que parecía a sentencia, obra de Cora. Os visitantes non deixaron de crer, e logo da expulsión do celeirense El Mahdi obrouse a remontada. Chechu de penalti, Carra e Iván Seco igualaron o encontro. Cabe destacar a boa labor do colexiado Lobato Ramudo, nun encontro complexo para él.
Suspendido o encontro entre o Matela e o Friol B tras ser agredido o colexiado (0-4). O partido non tivo historia a nivel deportivo. O filial do Friol tiña o encontro decidido con catro goles de diferencia na primeira metade. Pero tristemente o deporte non foi noticia en San Lourenzo de Aguiar. O colexiado suspendeu o encontro no minuto 48 logo de ser agredido polo xogador local Lamela, nun acto totalmente condeable e que pregamos non se repita en ningún campo de fútbol. A acción xa ten sanción: 36 partidos sen poder xogar.
O Nuevo Nausti vence ao Cazás e segue soñando coa promoción (3-1). Non tardou en poñérselle de cara o partido ao cadro local cun gol de Héctor desde a frontal, pero o Cazás reaccionou de contado cun bo testarazo de Efrén ao saque dunha falta. Pouca historia tivo o encontro ata o minuto 35 cando Juan puxo por diante ao Nausti cun tanto de penalti. Na segunda metade o Cazás dominou, aínda que sen xerar ocasións claras de gol. A falta de cinco minutos para o final, de novo Juan sentenciou o encontro. O colexiado Adrián Estraviz lesionouse aos vinte minutos de encontro, pero coa axuda dos xogadores continuou ata o descanso, cando foi relevado por Xoel Gacio.
grupo sur
O Palas é líder en solitario logo de golear ao Quiroga (4-0). Presaxiábase un encontro parello entre dous conxuntos igualados no máis alto da clasificación, pero os primeiros compases xa deixaron ben ás claras que os de Brais Vázquez estaban máis enchufados. A posta en escea do Palas resultou espectacular e froito diso chegaron dous tantos. O Quiroga, un tanto nervioso, tardou moito en entrar no partido, e só o fixo no último tramo da primeira metade. Na segunda metade, Alvarito marcou de novo e sentenciou o encontro. O Quiroga tentou meterse no encontro, pero sin éxito. Preto do final, Adri fixo o cuarto nunha contra.
O Incio golea ao Relámpago Taboada e achégase aos postos de ascenso directo (1-6). Encontro sen demasiada historia, no que o cadro local acusou a súa mala posta en escea. No primeiro minuto, os de Julio Corral adiantáronse cun tanto en propia porta. Co paso dos minutos foron caendo os goles, todos eles na primeira metade. Samuel en dúas ocasións, Urdi, Casanova e Vizcaíno foron os seus autores. Para o Relámpago un auténtico golazo de Hugo, desde o medio do campo. A segunda metade foi un mero trámite, sen ocasións para ningún dos dous conxuntos.
Segundo triunfo consecutivo dun Rubián que non desiste na súa pelexa polo ascenso (1-3). Tivo que remontar o cadro adestrado por Senén López. O monfortino David adiantou ao Sober cando aínda non se cumprira o primeiro minuto de xogo. Os de Iban Lagoa, que soen encaixar nos primeiros minutos, foron quen de poñerse por diante, pero non aproveitaron a súa vantaxe no marcador. Geri e Víctor déronlle a volta ao marcador á media hora de partido. O tanto da sentencia non chegaría ata os últimos intres do encontro.
Encontro intenso e con moitos goles entre o Monterroso B e o Páramo, que rematou con triunfo local (4-3). O conxunto local comezou mellor, pero co paso dos minutos o encontro igualouse. O Páramo reclamou a expulsión do gardameta Alexis, sen que o colexiado sinalara acción punible. Cando parecía que o marcador ao descanso sería o inicial os visitantes adiantáronse cun gol de Chivas, que rematou un bo centro lateral do debutante Dieguito. Tan só un minuto despois Yoni aproveitou unha indecisión da zaga para empatar. Saiu mellor de vestiarios o Páramo, que se adiantou cun gol de Joni. Costoulle ao Monterroso B darlle caza ao rival ata que no minuto 75 Raulito empatou cun bo remate. Raulito convertiuse en protagonista cunha gran xogada na que dribloua varios rivais e foi detido en forma de penalti. Yoni marcou o segudo na súa conta particular para remontar. O propio Yoni completou o hat-trick e practicamente sentenciaba o encontro. Pero o Páramo non se rendiu e no minuto 93, Hugo recurtou diferencias, aínda que sen tempo para máis. Lamentar a lesión do xogador do Páramos Carlos Fontal ao que lle desexamos un rápida recuperación.
O Castroverde neutralizou a vantaxe do Santa Comba para sumar un punto (2-2). Encontro caracterizado por erros graves en ámbolos dous conxuntos. Puido adiantarse o Castroverde, pero de contado os de Ángel Merino colleron o temón do partido e lograron dous goles de vantaxe, obra de Roi e Marcos, nos que o gardameta local non estivo atinado. O Castroverde, liderado por un gran Richard, puxo o encontro do seu lado e pouco a pouco chegaron as ocasións de gol. Antes do intermedio, os de Fran Veiga achegáronse no marcador cun tanto en propia porta do Santa Comba. Na segunda metade, o Castroverde estivo máis atinado e non tardou en lograr a igualada, e contou con varias ocasións para darlle a volta ao marcador.
O Taboada B vence ao Bóveda cun gol no desconto (2-3). O acerto cara a portería deulle os tres puntos ao filial do Taboada no Hermanos Somoza. A primeira metade resultou igualada, tal e como reflicte o marcador. Andresiño adiantou aos visitantes e Lay igualou xusto antes do descanso. Na segunda meetade o Bóveda amosouse moi superior ao seu rival e contou con ocasións moi claras para marcar, estrelando varios balóns no pao. Andresiño voltou a poñer por diante aos da Medela e o Bóveda igualou preto do final cun tanto de penalti. No tempo de desconto Steven deulle os tres puntos ao Taboada B, acción que foi moi protestada polo cadro local ao considerar que existía fóra de xogo.