O Trío de Ases Panadería O Cantón chega nesta xornada nun formato máis reducido, xa que non se disputou xornada na Terceira RFEF por mor dos compromisos da selección galega na Copa das Rexións da UEFA, da que formou parte o gardameta da Sarriana Javi Liz e o porteiro de Sober Ramón Rodríguez (actualmente xogador do Arteixo).
Na Segunda RFEF, o Racing Vilalbés segue en postos de descenso, pero sumou un moi valioso punto no campo do Zamora, un dos grandes candidatos a dar o salto de categoría. Na Preferente hai que destacar o importante triunfo do Lemos no campo do Dubra, mentres que o Ribadeo a piques estivo de vencer tamén a domicilio, pero tivo que conformarse co empate fronte ao Cidade de Ribeira. A Residencia perdeu no feudo dun San Tirso intratable na casa e o Castro caeu pola mínima fronte ao Victoria e remata a xornada en posto de descenso.
O Racing Vilalbés suma un valioso punto no feudo do todopoderoso Zamora (1-1)
Bo comezo de encontro dos chairegos no Ruta de la Plata. Os de Simón Lamas realizaron unha gran presión en campo rival que lle impediu aos de David Movilla realizar o seu habitual xogo. O Racing adiantouse no marcador ao cuarto de hora de partido nun centro desde a banda dereita de Torrado que introduciu Bolo na súa propia portería. O Zamora buscou o empate con premura pero o Racing Vilalbés soubo defender ben o resultado e só sufriu nunha xeira interminable de córners nos que os casteláns remataron varias veces ante a portería de Álex Santomé.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
No segundo tempo o Zamora subiu unha velocidade e logrou o empate nunha acción desafortunada na que o balón superou ao porteiro vilalbés e Mancebo anotou a placer. O Racing Vilalbés conseguiu rebaixar o ritmo de partido e incluso contou con varias contras para marcar o segundo tanto no tramo final.
O Ribadeo remonta na Fieiteira pero ten que conformarse co empate (2-2)
Na primeira metade o Cidade de Ribeira foi o dominador e xerou un par de ocasións de perigo diante da portería de Carrera antes de adiantarse no marcador. Á media hora de encontro un erro na saída de balón desde a defensa, aproveitouno Abi para facer o primeiro para os locais. O Ribadeo non estivo cómodo e apenas chegou con perigo á portería rival.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Tras o paso por vestiarios os de Pichi tiveron unha notable melloría e acadaron o empate nunha boa xogada individual de Asier que finalizou cun tiro cruzado lonxe do alcance do porteiro. Con vinte minutos para o final, o Ribadeo buscou o tanto da vitoria e este chegou tras un remate de Guntín no segundo pao tras un medido saque de falta de Xaime. Nada máis sacar de centro, no ataque do Cidade de Ribeira o colexiado sinalou penalti por man de Guntín dentro da área, que ademáis supuxo o segundo cartón amarelo para o central. A pena máxima transformouna Aguado establecendo o definitivo empate.
O Lemos logra unha agardada vitoria no campo do Dubra e escapa do descenso (1-3)
O mal estado do campo condicionou o estilo de xogo de ámbolos dous conxuntos, que optaron por un fútbol directo. O Lemos pouco a pouco intentou baixar o balón e combinar e antes do descanso logrou poñerse por diante no marcador cun remate de Alami nun saque desde o curruncho. Os monfortinos souberon defender ben os balóns longos do Dubra e os locais apenas xeraron perigo diante da portería de Losada.
O segundo tempo non comezou ben para os pupilos de Juanlu Bernal. Aos tres minutos nun desaxuste na saída de balón, aproveitouno Abel Patiño para establecer a igualada. O atacante local viu o segundo cartón amarelo na xogada posterior ao gol e deixou aos seus con dez. Tras uns minutos de domino alterno, o Lemos fíxose co control do partido e xerou perigo á contra ata que Samu aproveitou un balón peinado por Varela para facer o segundo. Preto do final, Armesto sentenciou para os monfortinos.
Derrota da Residencia nun bo encontro diante do San Tirso (3-1)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Marcador enganoso tras o visto durante os noventa minutos no campo do Monte. A Residencia realizou un bo encontro e fixo méritos para sacar algo positivo dun campo case que inexpugnable nesta campaña. Os lucenses tiveron o control do encontro durante a primeira metade. Sergio e Adrián contaron coas ocasións máis claras, pero o balón non quixo entrar. Sen embargo, os locais marcharon ao descanso con dous goles de vantaxe tras aproveitar os dous únicos achegamentos á portería rival no primeiro tempo. Denis fixo o primeiro e a Residencia a pique estivo de empatar nunha boa ocasión de Yago. No contragolpe, caeu o segundo para os de Fabio Rodríguez, obra de Xian.
Na segunda metade a Residencia tentou recurtar diferencias pero non foi posible. Adrián e Pérez a piques estiveron de acadalo, pero foi o San Tirso quen logrou o terceiro, desta volta nunha desafortunada xogada na que Sergio rematou na súa propia portería. Moi preto do final, Adrián anotou o tanto da honra para a Residencia.
O Castro perde diante do Victoria e cae a posto de descenso (1-0)
Era un encontro marcado en vermello e saiu cruz. O Castro saiu atenazado ao campo e costoulle moito entrar no partido. Ata sobrepasado o minuto vinte de xogo, os chairegos non foi quen de estirarse ata campo contrario, malia que o rival non lle xerou demasiado perigo. Xusto antes do intermedio, nunha xogada rápida do Victoria que colleu mal situado ao Castro, un centro lateral rematouno Muiña cara a súa propia portería no seu afán de desviar o balón. O chamado ‘gol psicolóxico’ en toda a súa ampla expresión.
Na segunda metade o Castro logrou xogar en campo contrario e contou con numerosas chegadas polas bandas con Marco e Buján como protagonistas. Os de Fernando Corredoira tentárono tamén a balón parado, pero non tiveron acertados cara a portería contraria. Con esta derrota o Castro cae a posto de descenso.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/03/TRIO-DE-ASES-1.png)