O Iberia foi o último triunfador da temporada na Segunda Galicia. O cadro de San Miguel de Reinante logrou a Copa Deputación da 2ª e da 3ª por vez primeira na súa historia. Gañouna ante o Becerreá nos penaltis. O partido serviu como despedida, entre outros, de Marcos Rodríguez. O gran capitán deixa a práctica do fútbol con 53 anos e toda unha vida no club da súa parroquia.
O encontro xogouse no Anxo Carro cun bo ambiente na bancada de enrriba dos vestiarios. Foi unha final de nivel na que os dous conxuntos competiron ben, a pesar dos nervios evidentes pola entidade do escenario. O Iberia presentouse con David Seijo baixo paus, logo da ausencia de Alonso por motivos persoais.
O cadro da Mariña comezou tratando de facer o seu xogo co dominio da posesión do balón. O Becerreá pretendía realizar un fútbol máis directo, buscando a calidade dos seus homes de ataque.
Non houbo grandes ocasións nun primeiro tempo no que se achegaron con perigo Dani Prieto e Jordane. Tamén Álvaro no cadro da Montaña que rematou un man a man detido polo gardamallas. Tras unha acción a balón parado, un rexeite foi aproveitado por Samuel. Chegou dende atrás e adiantou aos branquiazuis.


Na segunda parte, ao pouco de comezar, Bachir cometeu penalti sobre Rio. O Becerreá igualou o partido. Ángel ou Pernas intentaron o segundo para os da Mariña pero o gardamallas Dani tamén exerceu un bo papel. Non se moveu o marcador e o choque chegou a prórroga.
No tempo extra estivo mellor un Becerreá que tivo a última gran ocasión do encontro. Nos últimos intres, Xairo tentou o gol cun disparo. O encontro rematou coa expulsión de José Lexo e Higinio e do adestrador Javi Gómez.
Nos penaltis, impúxose a efectividade do Iberia. Seijo estivo seguro baixo paus e os seus compañeiros acertados á hora de lanzar.

O camiño do Iberia para gañar a Copa:

Eliminaron ao: Friol B, Cabreiros, Muimenta (penaltis), Comercial, Candelaria e Becerreá (penaltis).
Desta maneira, o Iberia tomou a reválida tras repetirse a final de 2022. Daquela, na Ribela fora o Becerreá o que saíra campión por 1-3. Ambos equipos puxeron fin a unha gran temporada. O Iberia tivo o premio da Copa tras quedar eliminado no ascenso ao play off da 1ª.
O Becerreá quedou á beira do éxito nas dúas competicións. Aínda así, o equipo completou unha gran campaña que tamén quedará marcada pola marcha de Antón Méndez para ter a oportunidade de formar parte do corpo técnico do primeiro equipo do CD Lugo.


Foto de portada: Roberto Carreira.