Imos cunha de hemeroteca! Ás veces gústanos tirar de historia nesta casa. E, sobre todo, apostar polo diferente. Por iso, picamos no anzol dun dos nosos seguidores máis fieis, Kevin Varela. E démoslle continuidade á súa investigación sobre os equipos extintos na nosa provincia nos últimos anos.
Comecemos alá polo 2011, cando dixemos adeus ao Barrela CF de Carballedo e o FC Bonxe de Outeiro de Rei. Un ano despois, a capital quedaba máis orfa de equipos coa ‘morte’ do UD Lugo e o Muralla. No 2013, as malas novas chegaban desde A Mariña. O Praia de Covas, cun gran traballo de base ás súas costas, remataba a súa andadura no fútbol sénior lucense.

O 2014 salpicou a norte e sur. O CP Calasancio volvía centrarse só na base monfortina. Mentres tanto, o Novas Raíces Galdo de Viveiro pechaba a porta. O 2015 foi especialmente duro, coa desaparición de ata tres conxuntos na provincia: o Momán chairego sumábase a dous clásicos como o Sagrado Corazón lucense e o Club Arenas de Monforte.
No entanto, o 2016 ostenta o triste récord de adeuses nun mesmo ano. Cinco equipos asinaron a súa extinción: os capitalinos San Antonio e Ferroviaria, o Parga por terras de Guitiriz, o Codesido vilalbés e o Sacido do Vicedo.




En 2017 comezou unha desescalada non exenta de malas noticias. Outros catro conxuntos se sumaron ao enterro: os capitalinos Garabolos e Residencia B (anteriormente Luis Pimentel), o filial do Antas e o San Román de Cervo. Ademais, o 2018 levouse por diante ao Ourol, o Rábade Balompié e o Pradeda de Guntín.
Pasamos ao 2019. Antes da aparición da COVID, vivíronse ata catro desaparicións: a do Cervo Sargadelos, o Valadouro, o FC Becerreá e o CD Laxosa do Corgo. O 2020 só tuvo dous decesos: o Lugo Unión da cidade amurallada e a SD Viveiro marchaban sen data de volta.
Os dous anos seguintes (2020 e 2021) non tivemos que lamentar perda algunha, volvendo as desgrazas no 2023. O Nuevo Nausti vilalbés, o recente Fonsagrada e o Castro B dixeron adeus. No 2024, a Comercial B engadíase a esta tráxica lista. Ao igual que un San Roque feminino, que volve a escena este curso.
No actual 2025, xa son cinco as defuncións confirmadas. E poderían ser seis, se finalmente desaparece o Cospeito. O Sporting Lucense capitalino, o CD Lugo A e B femininos así como os filiais de Friol e Chantada Atlético confirmáronse como as últimas vítimas do noso benquerido fútbol de parroquias e vilas.
