A Xornada 23 deixou os seguintes resumos e Máxicos nesta emocionante Primeira Galicia
*Monterroso-Castro (1-0): Encontro pouco vistoso, entre dous equipos que se mostraron un tanto espesos e ata pouco intensos por momentos. Un gol postreiro de Lorenzo, nun barullo, deixou os tres puntos en Cerdeiriños. Triunfo importante para un Monterroso que xogou máis dunha hora en inferioridade numérica pola expulsión de Gontá. O cadro de Óscar Méndez xogará esta semana o seu choque adiado contra o Folgueiro.
*Guntín-Riotorto (0-1): Traballado triunfo dun Riotorto que firmou unha gran primeira metade. O gol de Alberte, pasada a media hora de xogo, convertiuse na xogada máis polémica do partido. Un tanto que o colexiado deu por válido despois de ser advertido polo seu linier ante protestas de xogadores e afeccionados. Na reanudación o Guntín, lonxe da súa mellor versión, mellorou algo. Pero de xeito insuficiente e a vitoria marchou cara A Mariña.
*Atlético Escairón-Chantada Atlético (3-0): O líder sigue ao seu. Novo triunfo dos homes de Montoto ante un Chantada Atlético que deu máis guerra do que reflicte o marcador final. O Atlético Escairón adiantouse na primeira metade nunha boa xogada culminada por Julito. E sentenciou ao seu rival tralo descanso, mostrándose letal nas transicións defensa-ataque e impecable en defensa. Os de Fran García tiveron as súas oportunidades e xeraron perigo co balón parado, pero a pelotiña non quixo entrar.
*San Roque-Taboada (1-1): Empate nun disputado choque na Polvoreira. O Taboada adiantouse de penalti nunha primeira metade na que os capitalinos tiveron ocasións suficientes como para conquerir algún gol. Os de Manolo García mostráronse superiores ao inicio da reanudación e empataron a contenda cun tanto de Núñez. Uns minutos despois, Luis Alberto viu o cartón vermello e deixou aos verdibrancos en inferioridade. A pesares desta circunstancia, mantívose a igualdade. Iso sí, o marcador non se moveu máis.
*Pol-Friol (1-0): O Pol alcanzou ao Santaballés grazas a un agónico triunfo ante o Friol. O solitario gol de Rubeis, nun erro defensivo visitante, decidiu no Manuel Luna. Os de Fernando Corredoira asumiron a iniciativa na primeira metade e dispuxeron de ocasións para firmar algún tanto máis. No entanto, os nervos xogáronlle unha mala pasada na segunda metade. O feito de non ter sentenciado o encontro e a competitividade dos de Abad, propiciaron a incertidume ata o pitido final.
*Pastoricense-Lourenzá (1-1): Un punto por barba nun encontro de necesidades. O Lourenzá tivo máis balón nunha primeira metade con escasas ocasións. Mellorou a súa imaxe o Pastoricense tralo descanso, pero Luis Santamarina adiantaba aos laurentinos ao comezo da segunda metade. O gol sentoulle ben aos de Fran Veiga, que buscaron portería con insistencia. Igualaron nun rexeite dun saque dende o curruncho e contaron con oportunidades claras como para conquerir algún tanto máis. Tamén hai que dicir, que os visitantes tiveron as súas. Faltou puntería no Acebreiro.
*Folgueiro-Santaballés (3-2): Boavista foi un pesadelo para o Santaballés. Nunha primeira metade de fútbol directo e escasas ocasións, primou o balón parado. E un home por enriba de todos: Oki. El marcou o primeiro de penalti e o 2-0 nun soberbio lanzamento de falta. Polos visitantes, un discutido gol anulado por fóra de xogo e perigo a pelota detida. Soto recurtou diferenzas tralo paso polos vestiarios. Pero os locais encarrilaron o choque nun saque dende o curruncho. Na prolongación, Martín fixo o 3-2 nun libre indirecto.
*Outeiro de Rei-Xove Lago (2-0): Un encomiable Xove Lago cedeu no complicado Municipal de Outeiro sobre a bucina. Os goles de Edrosa e Jorge Pereira no desconto déronlle tres puntos máis que traballados aos de Josito Jul. O cadro local dominou a posesión pero non foi todo o profundo que lle gustaría. En parte, grazas ao soberbio exercicio defensivo dos mariñáns. Un cadro plagado de baixas e no que saíron dous xuvenís e un cadete de inicio. Juanjo Coello rematou no hospital cun golpe nas costelas. Xa se atopa na casa recuperándose do golpe.
*Chantada-Burela (3-2): Señoras e señores, o Chantada rematou de pechar a súa candidatura oficial ao ascenso. Superou ao Burela pola mínima nun duelo trepidante. Os de Juan Rodríguez adiantáronse nunha gran posta en escena. Jairo Campo empatou de penalti no ecuador da primeira metade. Pero dous goles ao borde do descanso, puxeron o 3-1 ao remate da primeira metade. Na reanudación, o Burela meteuse de cheo no partido cun soberbio tanto de Jairo López. E buscou a igualada, sen sorte, na media hora final, ante un cadro local que non pasou grandes apuros. O peor do encontro, a lesión muscular do mariñán Cris.