O último Trío de Ases do 2019 chega incompleto. O forte temporal deixounos sen unha boa ración de fútbol. O derbi provincial de Terceira entre Polvorín e Racing Vilalbés foi suspendido, ao igual que o encontro que tiña que disputar a Residencia en Boiro. Quen si xogaron foi o Viveiro e o Ribadeo, nun intenso derbi mariñán que rematou en táboas. O Lemos superou ao Foz e colle aire na clasificación, mentres que a Sarriana goleou ao Xallas en Santa Comba.
O Ribadeo empatou nos últimos intres ante o Viveiro nun apaixoante derbi mariñán (2-2). Comezou trepidante o encontro, nun campo das Valgas que resistiu as fortes choivas dos últimos días. Na primeira xogada, Aitor conectou con Luki e o de Friol non errou ante Manu Cedrón. Co marcador favorable, o Ribadeo fíxose co mando do partido durante o primeiro tempo. O propio Luki puido poñer terra de por medio, pero desta volta o gardameta viveirense estivo máis acertado. O Viveiro non era quen de trenzar o xogo ao que está acostumado e os xogadores de ataque non recibían balóns en condicións. Tan só Álex Meitín foi quen de disparar entre os tres paos na primera metade. Logo do paso por vestiarios o encontro trocou de decoración. Os de Chusky foron mellores e Gerardo amosou a súa condición de pichichi. A primeira que tivo, rematou en gol. O ex ribadense Tichu recolleu un balón na área e inventou unha chilena que sorprendeu a Carrera no que foi o tanto da remontada visitante. Cando parecía que o terceiro tanto do Viveiro estaba máis preto, os de Rafa Casanova tiraron de orgullo e un Luki en estado de gracia empatou o encontro co tempo cumprido logo dun bo pase de Poratti. Aínda houbo tempo para outra ocasión, e Luki a piques estivo de facelo terceiro, pero atopouse coa boa intervención de Rubén, que sustituíra ao mancado Manu Cedrón.


O Lemos da un chimpo na clasificación logo de vencer ao Foz (2-1). O cadro monfortino venceu na Pinguela nun encontro no que foi lixeiramente superior. Armesto foi o xogador máis incisivo dos de Edu Rodríguez na primeira metade e gozou de dúas ocasións claras, pero o gardameta Manu Pardo estivo acertado. Preto do final da primeira metade, Álex Paz fixo o tanto dos focenses desde o punto de penalti. Aos catro minutos da reanudación, Armesto logrou a igualada e sobrepasado o cuarto de hora, Varela anotou o segundo. Nos instantes finais, o debutante Asier puido sentenciar un encontro que deixa tocados aos de Gayol, que non gañan desde o 27 de outubro.
A Sarriana acadou o primeiro triunfo da ‘era Peón’ tras golear ao Xallas (0-4). Vitoria cómoda dos sarriaos en Santa Comba ante conxunto local que non inquedou a meta de Peti ao longo dos noventa minutos de partido. Abriu a lata cedo o equipo lucense cun tanto de Keko logo dun centro lateral, e Omar ampliou diferencias tras un penalti cometido por Mauro. Os de Xoan Peón tiveron ocasións de tódalas cores. Desde fóra da área, de máis preto, de remate de cabeza, de falta….as máis claras nas botas de Omar, Mauro e Keko, pero non tiveron a puntería suficiente. Ás beiras do descanso, o cadro local quedou en inferioridade por expulsión do defensor Jacobo. Na segunda metade, o Xallas tivo unha leve melloría, pero sen ser suficiente para inquedar a área rival. De tódolos xeitos, a Sarriana non sentenciou ata os últimos dez minutos. Omar fixo o seu segundo tanto da tarde e Álvaro completou a goleada.
