O CD Lugo e o PM Friol xa coñecen a súa folla de ruta para esta campaña 24-25 na Terceira RFEF. Un itinerario de 30 etapas, que dará comezo o vindeiro 8 de setembro. E que terá a meta o día 4 de maio.
O almanaque facilitado pola RFEF gardaba unha pequena sorpresa para os representantes lucenses. Ambos enfrontaranse na última xornada de Liga. Ese citado 4 de maio, veranse as caras na Cheda. Pero previamente, terán que pasar por un primeiro duelo na Reigosa. Será o 15 de decembro, coincidindo o parón de Nadal co remate da primeira volta da competición.
A primeira volta non terá descanso algún. A competición parará entre o 15 de decembro e o 12 de xaneiro, para volver deterse dúas semanas máis tarde (fin de semana do 26 de xaneiro). A Terceira RFEF sufrirá un novo asueto a semana do 6 de abril. Xusto antes da celebración da Semana Santa, onde si haberá competición tanto o Domingo de Ramos como o Domingo de Resurrección.

Pero para o 2025 aínda queda moito. Así que toca falar do que se van encontrar PM Friol e CD Lugo na primeira xornada. O equipo de Friol viaxará a terras asturianas para medirse ao Real Sporting de Gijón B mentres que as de Joaquín Blanco xogarán na casa ante o Real Oviedo B. Dobre enfrontamento lucense-astur como primeiro plato!


Os novidosos duelos ante o recén creado Celta de Vigo chegarán na Xornada 4 para o PM Friol (29 de setembro) e na data número 11 para o CD Lugo (17 de novembro).
Dous ascensos directos máis un play off de ascenso para o terceiro e o cuarto
Os dous primeiros clasificados de cada un dos seis grupos da Terceira RFEF ascenderán de xeito directo a Segunda RFEF. A maiores, o terceiro e o cuarto clasificado de cada grupo disputarán un play off a dobre volta sempre contra un rival doutro grupo. Os gañadores desas seis eliminatorias tamén subirán.
Só haberá un descenso directo a Primeira Galicia
No tocante aos descensos, a permanencia na categoría está máis barata que nunca. No Grupo 1, no que están encadrados os nosos representantes só haberá un descenso. Como se explica na circular que vén a continuación, o curso que vén (25-26) aumentarase considerablemente o número de grupos da categoría. Co cal, esta tempada de transición deixa a salvación como unha tarefa máis sinxela do que adoita.
