A falta de cinco xornadas para o final da fase regular, o Tres en Raia En Boas Mans déixanos o primeiro ascenso do curso na nosa provincia. O Celta Barreiros xa é equipo de Segunda Galicia logo de golear no Cascabeiro á Comercial B. O Casás mantén as diferencias tras empatar co Goiriz nun encontro chave pola segunda praza, mentres que o Castroverde rachou a súa mala xeira e olla de preto o play off. No grupo sur, o Páramo goleou ao Bóveda e acariña o ascenso. O Sober venceu con claridade ao Rubián e sitúase a seis puntos da segunda praza. O Chantada Atlético B chega ao tramo final con opcións de acadar un posto na promoción.
grupo norte
O Celta Barreiros ascende na súa primeira tentativa a Segunda Galicia (6-0). Tan só un ano despois de perder a categoría, o Celta Barreiros volve a Segunda pola porta grande. Rubén Acebedo reconstruiu o equipo cun resultado sobresaínte. O encontro apenas tivo historia. Antes do minuto dez, o conxunto local xa gañaba 2-0 con goles de Jhoseba e Nico, e no ecuador do primeiro tempo Javi Andina deixa o marcador visto pra sentencia. Á media hora de xogo, unha tangana rematou cun expulsado de cada equipo. Jhoseba e Javi foron ao vestiario antes de tempo e o encontro baixou en revolucións. O segundo tempo volveu a ser dominado polo Celta Barreiros que completou a goleada no último cuarto de hora, con tantos de Mákina, Pita e Jaime.
Casás e Goiriz defraudaron nun encontro decisivo polo ascenso (1-1). O Casás mantén a súa renta de seis puntos sobre o Goiriz tras un encontro que rematou en empate no que ámbolos conxuntos ofreceron pouco. Braian puxo por diante ao Casás tras un rexeite na área e o conxunto capitalino foi lixeiramente superior no primeiro tempo. Tras o descanso o Goiriz saiu mellor e non tardou en empatar por medio de Fidel. Co marcador igualado o encontro convertiuse nun ida e volta con pouco fútbol e escaso de ocasións.
O Catro Roldas consolida o seu bo momento tras vencer a un Matela que rematou con oito xogadores (2-1). A primeira metade rematou sen goles, aínda que foi o Catro Roldas o que contou coas mellores ocasións. O Matela plantexou un encontro trabado, pero tamén contou con boas opcións para marcar, as máis claras nas botas de Maikel e Santi Carballido. No segundo tempo, Samu adiantou ao cadro local e prolonga a súa boa xeira goleadora. O Matela igualou axiña cun tanto de penalti transformado por Maikel. Os chairegos protestaron a decisión arbitral. O tramo final do encontro estivo protagonizado polas tres expulsións que sufriu o Matela, todas elas con cartón vermello directo. O Catro Roldas venceu cun tanto tras un barullo na área no que un defensor visitante empurrou o balón cara a súa propia portería.



Triunfo da Piringalla no campo dun Cazás ao que se lle complica o play off (1-3). Iván Bellas foi o protagonista do primeiro tramo do encontro. Antes de cumplirse o segundo minuto de xogo, o central puxo por diante ao Cazás e só uns minutos máis tarde na disputa dun balón recibiu un golpe na cara que lle produxo unha ferida por mor da que tivo que ser trasladado ao hospital en ambulancia. O visitante Cristóbal viu o cartón vermello. O encontro reanudouse tras un parón de quince minutos, pero o Cazás quedou noquedado tras a comentada acción. Dous erros defensivos permitíronlle á Piringalla marchar ao descanso por diante no marcador. Sentoulle ben o paso por vestiarios ao Cazás que contou con ocasións para empatar, pero atopou as boas intervencións do gardameta Corrales. As forzas igualáronse coa expulsión do local Efrén ao cortar un contragolpe. A Piringalla tivo un penalti para sentenciar que non acertou a transformar, pero co tempo xa cumprido Iker certificou o triunfo dos visitantes.
O Rioaveso mantén posto de promoción tras empatar no campo do Friol B (1-1). Encontro disputado no que ámbolos conxuntos tiveron ocasións para gañar. O Rioaveso plantexou un xogo máis combinativo do que ven sendo habitual e puido adiantarse cun disparo ao longueiro. Pero foi o Friol B quen se adiantou por medio de Samu nun erro defensivo dos chairegos. No segundo tempo o conxunto local mantivo o resultado sen maiores atrancos diante dun Rioaveso que trocou de sistema de xogo. Rematou por darlle os seus froitos preto do final, acadando o empate cun tanto de Mario.
O Castroverde rachou a mala xeira cun triunfo diante do Celeiro (2-1). Tras sete derrotas consecutivas, chegou a vitoria para os de Fran Veiga. Foi diante dun Celeiro que posiblemente mereceu un premio maior na Veiga do Olmo. Comezou mellor o Castroverde e xerou dúas boas ocasións antes de que Ángel abrira a lata para o cadro local. O Celeiro optou por un fútbol directo que complicou moito ao Castroverde. Os mariñáns empataron nun penalti por man dun defensor que transformou Xabi. Na segunda metade o Celeiro estrelou varios balóns na madeira, pero o Castroverde tirou de efectividade e a falta de cinco minutos para o final chegou o tanto da vitoria por medio de Rafa. Xa co tempo cumprido o Celeiro errou un man a man diante do gardameta Iago.

grupo sur
O Páramo camiña con paso firme cara o ascenso tras golear ao Bóveda (2-6). Aos dez minutos os de Jony Lombardía xa tiñan dous goles no peto, obra de Hugo á saída dun córner, e Héctor tras unha boa xogada combinativa. O Bóveda amosou a súa competitividade e non tardou en recurtar diferencias cun tanto de Ángel á contra. Antes do descanso o colexiado sinalou falta do gardameta por tocar o balón coa man fóra da área, acción moi protestada polo Bóveda e que rematou cun golazo de Jose no lanzamento da falta. O segundo tempo foi de control do Páramo. Jose e Dani deixaron o encontro visto para sentencia, antes de que Mario fixera o segundo para os de Elcoso. Antes do final, o gardameta suplente, que saltou de xogador de campo completou a goleada.
O Sober soña co ascenso directo tras vencer ao Rubián noutro ‘show’ de Martín (3-0). 22 goles en 16 encontros. Son os datos de Martín, o dianteiro estrela do Sober e desta Terceira Galicia, que cos seus tres tantos fai que os de Iban Lago aínda soñen con acadar a segunda praza que ostenta un Rubián que non deu a talla en Centeás. O Sober saiu moi ben ao campo e en dez minutos xa contaba con dous goles ao seu favor. Martín transformou un penalti que él mesmo provocou e pouco despois un testarazo seu rematou no fondo da rede. O Rubián errou unha pena máxima que o puido meter no partido e antes do intermedio Martín cun bo tiro cruzado deixaba o encontro case que sentenciado. No segundo tempo o Rubián mellorou e tivo a posesión do balón, pero o Sober apenas pasou apuros.
O Corgo golea ao Río Sil e deixa encarrilado o seu posto no play off (5-2). Acusou as baixa o Río Sil, que malia a todo realizou un bo primeiro tempo. Iago abriou o marcador para os de Abel Rochela e Lucas igualou para os soberinos. Antes do descanso Sebas puxo por diante ao Corgo, pero o Río Sil contou con tres boas ocasións para marcar, pero non estivo atinado. No segundo tempo Sebas foi o protaganista ao conquerir dous novos tantos. O Corgo acadou tamén o golaverage, que pode resultar decisivo na pelexa por un posto na promoción de ascenso.

O Chantada Atlético B gaña ao Santa Comba e aspira a arrebatarlle unha praza na promoción (4-3). Encontro igualado no que o Santa Comba buscou xerar perigo á contra e o filial chantadino xerar perigo sobre todo a balón parado. Andrés adiantou aos visitantes e Miguel empatou nun lanzamento de falta. Na segunda metade o guión non cambiou. Miguel repetiu gol, tamén de falta e o Santa Comba sumouse á festa dos tantos a balón parado logrando o empate por medio de Jaime. Ariel continuou cos goles a balón parado e puxo por diante aos de Ivi Gayoso a falta de dez minutos para o final e Fran co tempo cumprido fixo o cuarto. O Santa Comba non se rendiu e no minuto 94 Fran recurtou diferencias. O colexiado engadiu sete minutos nos que os de Richard pelexaron por acadar o empate.
Monterroso B e Sarriana B firman un xusto empate no Anexo a Cerdeiriños (1-1). O choque de filiais rematou en tablas. Ámbolos dous equipos chegaban moi xustos de efectivos. A primeira metade resultou de claro dominio dos sarriaos. Bruno Sandoval anotou para poñer por diante a un conxunto visitante que contou con varias ocasións para ampliar diferencias. Javitxu moveu o banquiño e o Monterroso B mellorou no segundo tempo. Rubén acadou o empate a falta de vinte minutos para o final e o cadro local contou tamén con ocasións para darlle a volta ao marcador.
Empate no derbi entre Relámpago Taboada e Taboada B (3-3). Encontro de moitos goles e de alternativas no xogo e no marcador. Adiantouse o filial aos dez minutos de xogo e foi quen de defender o marcador ata ben entrada a segunda parte, cando Cheej igualou para o Relámpago cun bonito gol olímpico. Isaac puxo por diante aos de Diego Saborido, pero Yoni empatou nada máis sacar de centro. A falta de cinco minuto o Relámpago volveu adiantarse, pero no minuto 96 o Taboada B estableceu o definitivo empate. O cadro local protestou unha acción na que o colexiado non sinalou penalti por un agarrón dentro da área.