#Fútbol afeccionado #Feminino

O Carballedo axuda a que o CD Lugo B sexa o novo líder

O CD Lugo B asaltou o primeiro posto da Terceira Galicia despois de superar con comodidade ao Curtis e ver como o Carballedo tumbaba ao Bandeira. O cadro albivermello dominou todo o encontro, con bo ritmo de xogo e creando oportunidades con facilidade. O 4-0 ao descanso foi a consecuencia de todo o anterior.

Co partido resolto, o filial capitalino baixou as súas prestacións na segunda metade. O Curtis amosouse voluntarioso en todo momento pero foi insuficiente ante o gran trato de balón que ofreceu o novo líder da categoría. Ánxela asínou un ‘dobrete’.

O Carballedo protagonizou unha das noticias da xornada ao provocar a primeira derrota do Bandeira. O equipo de Sementa raiou a perfección, cunha defensa moi compacta e unha rápida saída de balón. As ‘Guerreiras’ do Catro Ventos lograron así facer dano nos espazos libres e acumularon ata sete ou oito claras oportunidades para marcar, sen sorte algunha.

A falta de cinco minutos para o remate, chegou o merecido premio. Un penalti que Jenny se encargou de transformar. A confianza das locais era tal, que en vez de encerrarse e conservar o resultado; o Carballedo buscou a sentenza. As lucenses non deron feito o segundo gol. Tampouco fixo falta. O Bandeira apenas xerou perigo algún, nunha mañá na que Mazaira e Pereira estiveron imperais.



A Lei de Murphy cebouse co San Lázaro esta pasada fin de semana. Dunha convocatoria de catorce xogadoras, só once puideron viaxar a Rois. Unha vez alí, no quecemento caeuse unha futbolista máis. Este feito provocou que as de Luchi saísen desubicadas ao campo. A falta de aclimatación a esa inferioridade numérica propiciou o 3-0 ao tempo de lecer.

As da Ponte axustaron todo o posible nos vestiarios e realizaron unha soberbia segunda metade, correndo e pelexando na súa mellor versión. A remonta resultou imposible pero Anita fixo o gol da honra para un batallador equipo lugués.

A Comercial deixou os tres puntos ante un Ordes superior. O conxunto de Vicky saiu ao artificial das Gándaras moi desconectado e as lesións incrementaron os problemas comercialistas. Aínda así, o cadro capitalino tentou espertar para sacar algo positivo. Xa era tarde e a vitoria marchou para Ordes. Por último, o Monte Forte descansou nesta data número quince.



O Chantada suma un novo punto e San Roque e Antas non se baixan do tren do ascenso na segunda galicia

O Antas asinou unha vitoria moi traballada ante un Castro Seoane cunha gran entrada. Na primeira metade, as de Dani Abelairas amosáronse sólidas e incisivas. Porén, a meta visitante impediu que o resultado inicial cambiase ao descanso.

Iria entrou no segundo acto e o Antas atacou con máis fluidez, xerando maior perigo. Nuria abriu a lata nun balón parado ante un Cee que buscaba as súas opcións con balóns en longo. Unha man dentro da área deulle a oportunidade do empate ás da Costa da Morte. O penalti non encontrou porta. As ocasións seguían sucedéndose e Eva e Elisa, tras sendas asistencias de Nuria; mataron o encontro. A gran xeira das da Ulloa prolóngase unha semana máis.

O San Roque deu o golpe sobre a mesa ao vencer con suspense ao segundo clasificado. O encontro permitiu ver dúas caras do equipo de Quiroga. A da competitividade ante calquera rival e a dos erros impropios de xogadoras veteranas, especialmente na primeira metade. O cadro verdibranco reaccionou a tempo antes do intermedio para igualar un 1-3 en contra. E mellorou na reanudación desde a tranquilidade e un cambio de debuxo. Mery asinou un hat trick ao que hai que engadir dous tantos máis de Saray.

Ánxela, autora de dous goles para o CD Lugo B, golpea o balón ante unha xogadora do Curtis. ROBER CARREIRA

O Chantada sacou un xusto punto en Teo despois dun partido cheo de alternativas. A mala posta en escena das do Sangoñedo propiciou o tempraneiro gol do Praíña. Co paso dos minutos, as de Jorge González melloraron e o duelo igualouse. As chantadinas remontaron na segunda metade. Porén xusto na acción posterior ao 1-2, chegou o 2-2 definitivo. A actuación da colexiada deixou bastante molestas ás xogadoras vermellas, especialmente pola anulación dun gol que semellaba ser legal a tódolos efectos.

A Milagrosa encaixou unha nova derrota no feudo do Carral. O duelo resultou igualado e as branquivermellas tiveron ocasións para puntuar na súa visita a terras coruñesas. Porén, os erros condearon en exceso ás de Felipe Varela nun partido que non se decidiu ata os vinte minutos finais. A meta Bona destacou nun choque no que a colexiada tamén tivo a súa dose de protagonismo.



contundente vitoria do pm friol b, que sae do descenso na primeira galicia

O PM Friol B deixou os postos de descenso ao golear ao Tordoia na casa. Thimote, autora de dous goles, puxo o 1-0 nada máis comezar. As visitantes igualaron pasado o cuarto de hora de xogo, chegando con ese 1-1 ao tempo de lecer. Na reanudación, as de Geluco Villar desatáronse e non tiveron piedade do seu rival. Cinco tantos máis, dous deles de Iona, para saír do descenso pola porta grande.

Empate agridoce do cd lugo e triunfo do pm friol na terceira rfef

O PM Friol reencontrouse coa súa mellor versión na Reigosa. Superou pola mínima ao Victoria CF nun partido non exento de suspense. O cadro de Ángel Buján e Geluco Villar circulou o balón con criterio e ritmo e estivo contundente á hora de ter que recuperalo. Adiantouse a dez minutos do intermedio cun gol de Lynda Muriel tras un centro lateral e dispuxo de ocasións suficientes para sentenciar. Non o fixo e tocou sufrir. As amarelas achicaron auga nos dez últimos minutos e selaron tres puntos que as consolidan na zona alta da táboa. Máis aínda, despois dos tropezos de Sárdoma e Lóstrego.

María protexe o balón ante a presión dunha xogadora do Gijón FF. ROBER CARREIRA

O CD Lugo quedou coa sensación de ter deixado escapar dous puntos contra un rival directo na loita pola permanencia. O Gijón FF apostou por unha idea parecida á de Joaquín Blanco. Presionar en avanzado e non deixar xogar ao rival. Na primeira parte, as defensas mandaron sobre os ataques. Apenas se rexistraron ocasións. Nunha das escasas aproximacións visitantes, naceu o 0-1 co que se chegou ao intermedio.

O encontro cambiou no segundo acto. O CD Lugo mandou no xogo, superando claramente a presión do Gijón FF. O conxunto albivermello xerou perigo de xeito constante, incluso despois da expulsión de Judith. Iso si, non conseguiu máis que empatar desde o punto de penalti. Un punto agridoce e que pode ser moi valioso nun futuro.

Resultados da xornada

PM Friol 1-0 Victoria CF

CD Lugo 1-1 Gijón Fútbol Femenino

PM Friol B 6-2 Tordoia

Antas 3-0 Cee

San Roque 5-4 Atlético San Pedro

Carral 4-1 Milagrosa

Praíña Sporting Club 2-2 Chantada

CD Lugo B 6-0 Curtis

Comercial 1-4 Órdenes

Carballedo 1-0 Bandeira

Rois 3-1 San Lázaro

Descansa: Monte Forte

O Carballedo axuda a que o CD Lugo B sexa o novo líder

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 19

O Carballedo axuda a que o CD Lugo B sexa o novo líder

A 2ª Galicia, trampolín para chegar á

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *