O Meira xa é de Primeira logo de cumprir co seu en Muimenta. A emoción na última xornada queda para o play off da zona sur. Alí, Nano (Milagrosa) ou Cayuela (Oural) posibilitaron que os seus equipos cheguen con opcións á última xornada.
Os arrastres tamén preocupan a varios equipos da provincia que rematarán a liga sen saber en que categoría están para o ano que vén. Na parte norte ademais viviranse duelos directos. Contámolo en #ONoso11AChaira.
Na zona norte, o Meira subiu de categoría no Pichón. O cadro preparado por Labrada logrou o ansiado ascenso logo de crear un proxecto de moitos quilates na ‘era post pandemia’. Venceu pola mínima a un Muimenta que xa non tiña grandes cousas importantes en xogo.
Un gol antes do tempo de lecer desequilibrou a balanza. O tanto foi con pouca fortuna para o porteiro Noche que marcou en propia porta. No segundo tempo, os visitantes controlaron o encontro baixo o alento da súa afección que tomou a LU-120 para animar aos seus.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Para a promoción queda pendente o de saber as posicións
O Folgueiro, o Iberia, o Guitiriz e o Cospeito xa tiñan confirmada a súa presenza na fase de ascenso. O que queda aínda pendente para a última xornada é coñecer os cruces das semifinais polo ascenso.
O Folgueiro volveu esta semana á segunda posición. Derrotou ao Cabreiros no último partido da liga regular en Boa Vista, un campo no que só foi quen de gañar o Cospeito.
O grupo adestrado por Manuel Vicente saíu mellor, pero foi o Cabreiros o que se adiantou no marcador. Antes do descanso, os locais igualaron por medio dun penalti.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Kiños remontou momentaneamente o partido ao pouco de empezar o segundo tempo. Os locais quedaron sen porteiro pola expulsión de Javi. O propio goleador Kiños foi quen asumiu as funcións baixo paus. Con esta situación, aínda marcou o Folgueiro o terceiro. Os visitantes apertaron na recta final, marcou Marcos Novo o seu segundo tanto do encontro e tentaron o empate ata o final.
O cadro do Vicedo superou a barreira dos 60 puntos. Ten 61, é dicir un máis ca o Iberia co que pelexará na última xornada pola segunda praza. O club de San Miguel de Reinante empatou na casa ante o Castro B.
Non houbo goles no primeiro tempo. Adiantouse o filial xa no tramo final do encontro. Estivo a piques de facerse con tres puntos moi valiosos, pero nos últimos minutos Barrera empatou. Resultado que lle permite manter ao equipo a xeira de 16 encontros sen perder.
Na cuarta posición está o Guitiriz, ten tres puntos de marxe sobre o Cospeito pero son os vermellos os que teñen o gol average. De aí, que non se saiba se esa vai ser a colocación definitiva na clasificación.
O Guitiriz fixo un partido moi completo ante a Comercial a domicilio. Encontrou superioridade no medio do campo e estivo moi cómodo con balón. Ao descanso xa gañaba cos goles de Javi Tanketín e de Oscarín.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Ao pouco de comezar o segundo acto, Tanketín anotou o segundo na súa conta particular. Máis tarde, marcou un gran gol Labrada e pechou a conta Iñaki.
O Cospeito é 5º a tres puntos do Guitiriz. Empatou na Fonte ante un Xermade que afronta a última xornada de liga con dez encontros consecutivos sen perder. Ten na súa man finalizar na sexta praza.
Non houbo goles, pero si ocasións para ambos. No último tramo de encontro os visitantes quedaron cun menos por expulsión de Oli, pero o Cospeito non foi capaz de marcar.
As eliminatorias da fase de ascenso poderían ser obxecto de repetición
- Última xornada:
Goiriz – Folgueiro (rival descendido)
Guitiriz – Iberia (posible eliminatoria de play off)
Cospeito – Alfoz (rival xogándose evitar arrastres)
Se as posicións se manteñen o domingo tal e como están nestes momentos, habería un Cospeito – Folgueiro e un Guitiriz – Iberia en semifinais. Dáse a casualidade de que eses mesmos partidos se xogarán nos oitavos de final da Copa Deputación o 17 de maio (mércores festivo, Día das Letras Galegas). Podería haber tres partidos consecutivos na primeira quincena de maio. Serían catro no caso do Guitiriz – Iberia porque tamén xogan na última xornada de liga.
Por certo, as eliminatorias xogaranse a dobre partido; os partidos de ida no terreo de xogo do conxunto peor clasificado. En caso de empate a goles ao final do segundo partido, haberá prórroga (non conta o valor dobre dos goles en campo contrario). Se segue o empate logo do tempo extra, xogarase unha quenda de penaltis.
O Xermade, o que máis vantaxe ten para ser 6º
O Xermade, a Candelaria e o Muimenta pelexarán na última xornada pola sexta praza. Haberá ademais un duelo directo entre o cadro xermadino e o conxunto da Rúa. O Xermade ten dous puntos de vantaxe sobre os seus perseguidores.
Os arrastres manteñen en vilo a zona baixa
A Comercial, o Alfoz, o Cabreiros, o Castro B e o Fonsagrada xogaranse evitar os arrastres na última xornada. A Comercial e o Alfoz téñeno máis encamiñado, pero nada está decidido porque na peor das situacións posible (moi pouco probable) ata o 10º podería descender. Por iso os equipos tratarán de quedar nas máximas posicións dianteiras posibles.
A Comercial e o Alfoz están empatados a 37 puntos. O club alfocense superou ao Celta Barreiros con claridade e lograron un triunfo moi valioso.
O Castro B e o Fonsagrada xoganse a salvación nun duelo directo
O Cabreiros ten 36 puntos e o Castro B dous menos. Logo o Fonsagrada ocupa a cuarta posición por abaixo con 33. Esta praza a priori será de descenso. Con todo, os de Nico chegan con vida a última xornada logo de superar a Candelaria. Vivirán un duelo a cara de can co filial vermello
Tamén gañou nesta xornada o Roupar pero non lle vai chegar para evitar caer a 3ª dende a antepenúltima posición. Derrotou pola mínima ao Goiriz.
- Última xornada:
Cabreiros – Comercial (o empate podería valerlle aos dous, pero é moi difícil asegurar tal cousa)
Cospeito – Alfoz (o rival ten a posibilidade de ser 4º para afrontar o plya off)
Castro B – Fonsagrada (o que perda vai descender á 3ª)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/04/SEGUNDA-NORTE-XORNADA-6-13.png)
O Guntín corta a xeira de dezaseis partidos
Na zona sur, o xa ascendido Guntín cortou a súa xeira inmaculada de partidos sen perder. Non coñecía a derrota dende decembro, cando o fixera co San Roque. Estivo 16 partidos sen perder (13 triunfos e 3 empates).
Perdeu pola mínima na Carqueixa ante un Río Sil que se mete de cheo na loita pola permanencia. O duelo desequilibrouse por medio dun penalti para os locais. Previamente Panizo enviara un balón ao longueiro no tiro dunha falta e logo tamén Cuba fixo méritos para que o Guntín non marcase.
O Friol quere chegar en forma á promoción de ascenso. Xa tiña asegurada a 2ª posición pero gañou con claridade no marcador a un Chantada B que xa tiña a salvación conseguida. Os pupilos prepador por Javi Pájaro chegaron aos sesenta puntos e marcaron sete goles.
Luciuse Alberto Buján que foi autor de catro goles para os seus. Suma 20 goles no que vai de temporada, 3 menos ca Romy do Paradela (23).
Cinco equipos para tres prazas no sur
Os tres equipos que van acompañar ao Friol na fase de ascenso aínda son unha incógnita. O mellor colocado é o Becerreá. Está de terceiro cunha lixeira vantaxe fronte aos seus contricantes que teñen un triplo empate. Sácalle dous puntos ao Ferreira, ao Paradela e á Milagrosa.
Con todo, o Becerreá vai xogar en Pantón polo que unha derrota podería deixalo fóra da promoción. Este partido será o que marque o devir dunha xornada que promete emocións fortes.
O Becerreá chega a esta situación despois de derrotar ao Carballedo no Municipal. Sumou o cuarto partido sen perder ante un equipo que se xogaba moito. Un gol en propia porta desnivelou o choque no primeiro tempo a favor dos locais.
Xa no segundo tempo, o Becerreá xerou máis ocasións e marcou dous goles máis. Intetouno o Carballedo ao longo do encontro pero non foi capaz de batir a porta rival.
Na cuarta posición está o Ferreira que se aferra a segunda oportunidade que lle deu a competición de non perder os postos nos que estivo na maior parte do ano. Gañoulle ao Lemos B pola mínima e puxo fin a oito encontros sen vencer.
Quinto é o Paradela que está empatado a 51 puntos co Ferreira e tamén coa Milagrosa (6ª). O cadro adestrado por Rubén Bergantiños perdeu ante o San Lázaro nun encontro no que non soubo estar a altura.
Os locais adiantáronse no primeiro tempo. No segundo ampliaron diferenzas e mesmo puideron marcar máis goles. O conxunto lucense pelexará co Brollón para finalizar na 8ª posición.
A Milagrosa é sexta logo de vencer con claridade no derbi ante o Sporting Lucense. E todo despois de que os locais fixeran unha mala primeira metade. Mujib puxo por diante aos de Lolo. Antes do tempo de lecer un gran gol de Antón dende uns 35 metros puxo o empate.
Na segunda metade, soubese quen tiña máis en xogo e a Mila goleou. Cun gran Nano que marcou un gol, outro Anxo e tres tantos de Joel Vasco, que repite xa hat-trick nesta temporada.
A sétima posición é ocupada polo Oural que derrotou ao San Roque e apura as súas opcións de acceder á promoción. Tería que gañar na última xornada e esperar a que errasen dous dos seus rivais.
Non houbo goles na primeira metade no Polvorín. A pesar da derrota final, os locais estiveron ben plantados no terreo de xogo. Na segunda parte, un gran gol de Cayuela por medio dunha falta directa deulle vantaxe ao Oural. Á contra marcaron o segundo por medio de Diego.
- Última xornada:
Ferreira – Becerreá
Paradela – Brollón (o rival non se xoga cousas importantes)
Carballedo – Milagrosa (o rival xógase a salvación)
Oural – Río Sil (o rival xógase a salvación)
Na metade da táboa o Brollón venceu ao Corgo, equipo que xa está descendido. Non foi un duelo de moita intensidade pero si se viron goles. Maza adiantou aos locais mediada a primeira metade. Un gran gol serviulle ao Corgo para marchar empatado ao descanso.
Volveu repetir Maza mediado o segundo acto para anotar o dobrete. Aínda foron capaces os visitantes de volver igualar ata que Miguel Casanova logorou o terceiro definitivo.
O Lemos B, o mellor posicionado para evitar arrastres
Co Corgo xa no descenso directo, tres equipos xogaranse a salvación na última xornada. En principio, como mínimo, haberá un arrastre e no peor dos casos podería haber dous. Polo tanto, os postos que perigan son o penúltimo e o antepenúltimo.
O que mellor o ten é o Lemos B. É cuarto por abaixo e ten o gol average co Río Sil polo que xa non vai poder ser penúltimo. O Carballedo ten 23 puntos na antepenúltima posición. Está a dous do filial lemista e un por riba do equipo de Sober.
- Última xornada:
Corgo – Lemos B (rival descendido)
Carballedo – Milagrosa (rival xogándose o acceso á fase de ascenso)
Oural – Río Sil (rival xogándose o acceso á fase de ascenso)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2023/04/SEGUNDA-NORTE-XORNADA-6-14.png)