Hai apenas un mes, publicábase o nacemento dun novo clube de base na nosa provincia, o Clube Polideportivo Lucense. A próxima campaña contará con representación fixa nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín. A representación en idade infantil está á espera de ser confirmada.
O CP Lucense, non obstante, non surxe da nada. Xa existía un conxunto de balonmán que defendía este escudo, e atletismo e fútbol son as novas incorporacións. Futbolinlugo quixo coñecer máis acerca desta nova e completa proposta para nenos de todas as idades, e falou con José Manuel Díaz «Manel», coordinador dos equipos.
Futbolinlugo: Ola Manel. De onde nace a idea do CP Lucense?
Manel: Como di o seu nome, estamos orientados a facer varios deportes. Contamos con fútbol, atletismo e balonmán e a ver se podemos sacar fútbol sala en vindeiras campañas.
Futbolinlugo: Quen estará á fronte do clube e dos distintos equipos?
Manel: Aínda non podo confirmar nada, xa que todavía non é seguro o número de equipos cos que contaremos. En infantís o máis probable é non ter ningún equipo, pero estamos tentando conseguir rapaces, en alevín un equipo case seguro, benxamín tal vez dous e en prebenxamíns xa teño pechado un equipo e hai poisibilidade de facer un segundo conxunto.
Futbolinlugo: Este ano contades con representación nas categorías de Fútbol-8. Aspirades a competir tamén en idades infantil, cadete e xuvenil?
Manel: Si, para o próximo ano queremos aumentar polo menos a infantil e cadete, e o último paso sería o conxunto xuvenil.
Futbolinlugo: Agardades poder contar cun equipo en categoría sénior en futuras temporadas?
Manel: En principio vai ser base. O sénior aparecería no caso de ter un gran número de xuvenís para ofrecerlles unha saída, pero non é a idea.
Futbolinlugo: Cales son os principais obxectivos do proxecto?
Manel: A formación, a diversión… e tratar de que todo serva para gañar. E máis un proceso co fin de conseguir que os nenos e nenas melloren en vez de estar centrados en gañar campionatos.
Futbolinlugo: Polo tanto, a nivel deportivo non hai esixencias…
Manel: Trataremos de crear un grupo de traballo no que os rapaces melloren o máximo posible. A miña intención non é ter un adestrador por equipo, senón poder estar un día co alevín e outro co benxamín. Haberá un preparador físico, un adestrador de porteiros, e eu serei o coordinador que buscarei estar en todos os grupos.
Futbolinlugo: Onde terán lugar os adestramentos e os partidos como locais?
Manel: No Polvorín adestraremos. Os partidos dependerán da dispoñibilidade dos campos, polo que aínda non sabemos nada.
Futbolinlugo: Moitas gracias pola túa atención Manel.
Manel: A vós.
Agardamos que esta nova iniciativa sexa tan existosa como semella!!