Non fai moito tempo, o noso amigo Fernando Currás falábanos dos Homes de Clube. E quixemos ir a coñecer a un deles. Chámase Marcos López Rodríguez. Para os habituais do Arturo Pereiro ‘Marquiños de Castro‘. Un auténtico fenómeno, o mellor recollepelotas do país. Chova, neve ou trone, alí esta él «dende hai seis anos» pegado á liña de banda do antigo Municipal. Correndo coma un lóstrego para recuperar o balón, previo lanzamento doutro ao terreo de xogo. Recoñéceselle fácil: peto laranxa, lentes e un eterno sorriso. Ese que reflicte o feliz que é co seu traballo. A pesares de que en inverno as súas ‘katiuskas’ de mariscar lle limiten o sprint.
Conta a lenda que Marquiños fai máis quilómetros que moitos dos futbolistas que desfilan cada xornada polo Arturo Pereiro. A banda do marcador e un dos fondos son todos seus. Iso como mínimo. Porque Marquiños é un home polifacético. Axuda «coa lotería de Nadal ou coa campaña de abonados». Aquí móstrase moi orgulloso ao facer este curso «80 socios novos para que o equipo poida ter liquidez».
O futuro de Marquiños estará ligado ao CD Castro mentres o clube o queira porque o mellor recollepelotas do país está «orgulloso e encantado con estes chavales, unha peña moi grande». A renovación non vai depender da categoría porque non lle importa frecuentar a súa banda «en Terceira Rexional ou en Primeira co Barcelona». Marquiños, unha especie en extinción. Un dos escasos patrimonios incalculables que ten o noso fútbol. E que agardamos seguilo disfrutando por moito tempo. Longa vida aos homes de clube!

