#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 29

máxicos salvatierra abogados

Salvatierra Abogados patrocina unha edición máis dos Máxicos, aos que tan só lles restan 5 xornadas de competición.

O Burela vence no derbi dos penaltis ante o Foz (2-1). Comezou o duelo con moito ritmo, pero o Burela saiu vencedor do intercambio inicial e anotou o 1-0. O Foz, pola súa parte, aproveitaba os contragolpes para facer dano, froito do cal conseguiu un penalti que detivo o gardamallas local Kiko antes do descanso.

Os de Luchi ampliaron a diferenza cun remate de Jairo a unha falta lateral, pero Moreda recurtou distancias nunha nova pena máxima para apurar as opcións focenses na recta final. Porén, os Máxicos locais mantiveron a calma e deixaron os tres puntos na Marosa.

máxicos

O Pol remonta diante dun amolado Xove Lago (2-1). O Xove comezou mellor e anotou o 0-1 nunha boa xogada finalizada por Jorge. Porén, o Pol subiu o ritmo no segundo tempo e acadou o empate pouco despois da reanudación. Foi entón cando o colexiado expulsou a un xogador de cada equipo e o choque se abriu, derivando nun intercambio de golpes no que se impuxo o Pol cun gol de Omar. Co 2-1, os Máxicos do Xove buscaron un empate que non chegou e os tres puntos quedaron na casa.



A Milagrosa cae ante unha gran SD Chantada (0-4). Un tanto de Jose Carballo no minuto 12′ tras aproveitar un erro local inclinou a balanza a prol dos de Traste, que xogaron máis relaxados co resultado favorable. O propio Jose anotou unha pena máxima antes do descanso para poñer o 0-2 e, aínda que a Milagrosa adiantou as súas liñas na segunda metade e puxo en apuros a meta visitante, os Máxicos da SD Chantada anotaron dous tantos máis nos dous últimos minutos para poñer o definitivo 0-4 no Luis Gorgoso.

O Lourenzá sofre pero vence ao Riotorto (1-0). Partido moi sólido e igualado o que se viviu na Santa Cruz, e que se decidiu no único erro defensivo que tiveron os Máxicos visitantes. O Lourenzá aproveitou esa acción para facer o 1-0 á volta dos vestiarios, e o Riotorto volcouse na procura do empate, pero a sorte non estivo do seu lado e o marcador non se moveu máis nun duelo no que os dous conxuntos remataron moi amolados coa actuación arbitral.

Outeiro de Rei e Monterroso asinan táboas (1-1). Partido con pouco ritmo e poucas ocasións entre dous conxuntos que apenas teñen presión de cara ao final da temporada, aínda que Navia fixo un bo gol antes do descanso, que supuxo o 1-0. O Monterroso deu un paso adiante tras o descanso e gozou de máis ocasións, ata que Crespo puxo o empate que imperou ata o asubío final neste choque entre Máxicos chairegos e vermellos.



O Guntín pasa por riba do Santaballés (4-1). Logo dunha primeira metade con pouco ritmo na que Vérez adiantou aos chairegos e na que Brais empatou desde os once metros, os máxicos do Guntín deron un paso adiante no segundo tempo e fixeron tres goles ante un desconcertado Santaballés, con goles de Salim, Debasa e Diéguez (tamén de penalti) para sentenciar o choque e deixar os tres puntos no Ladairo ante un cadro visitante mermado polas baixas.

O Chantada Atlético non da opción ao Guitiriz (7-0). Un cadro local moi superior a un inofensivo Guitiriz fixo sangue no Sangoñedo, pois o marcador xa marcaba 4-0 no tempo de descanso, e sería de 7-0 ao remate dos 90′ reglamentarios nun partido cun só dono. Aínda así, o Guitiriz mostrouse serio nunha primeira media hora na que foron os erros individuais os que condicionaron o resultado final.

O penalti detido por Kiko Mariño no derbi ante o Foz

O Portomarín case sorprende ao Atlético Escairón (1-2). Unha boa posta en escea valeulle ao cadro visitante para anotar dous goles antes do descanso, por medio de Asier e Rubén, e chegar con certa vantaxe aos vestiarios. Porén, a relaxación foi excesiva e os miñotos recurtaron diferenzas nunha falta directa botada por Hugo e, de feito, gozaron de opcións para acadar un empate que, polo visto no segundo tempo, non sería sorprendente. Porén, o oficio dos do Saviñao permitiulles saír vivos do Chao da Poza, 1-2 para manterse no terceiro posto.

O choque estivo marcado pola curiosa expulsión do gardamallas local Lisboa no 15′, pois recibiu un dobre cartón amarelo nun saque de portería ao seu prol. Ademais, o miñoto Sanfiz sufriu un forte golpe que o deixou inconsciente durante uns intres sobre o céspede, polo que tivo que intervir a ambulancia e o choque perdeu moito ritmo. O susto quedou no corpo dos Máxicos e siareiros que se deron cita no Chao da Poza, que non verían máis goles na tarde do domingo.



O Taboada vence na casa dun combativo Meira (2-4). Vibrante choque na Lomba, con moitas idas e voltas e ocasións para ambos equipos. Aínda que foron os locais quen se adiantaron, o Taboada empatou antes do descanso e, aproveitando despistes na zaga do Meira, fixeron dous goles máis no comezo do segundo tempo, 1-3. Recurtaron diferenzas os de Labrada, pero os visitantes sentenciaron nun balón parado co definitivo 2-4, que demostrou que os de Martín Murado estiveron moito máis atinados nas áreas.

MÁXICOS SALVATIERRA ABOGADOS

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 29

O Viveiro vence no derbi da Cheda

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *