#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 23

máxicos salvatierra abogados

Tan só restan 11 xornadas para que os Máxicos poñan fin á liga regular. A igualdade por abaixo, e tamén na zona alta, é indiscutible.

O Burela sófre na recta final pero supera ao Lourenzá (2-1). O dominio dos locais foi claro ao longo do primeiro tempo. Aínda que nos primeiros 20′ non houbo ocasións de perigo, un córner foi aproveitado polos Máxicos da Marosa para facer o 1-0 e, xa con máis soltura e fluidez, as ocasións seguían caendo do lado local, ata que Jairo López anotou unha falta directa que puxo o 2-0 antes do descanso. Xa no segundo tempo, o Lourenzá modificou a súa fase defensiva e conseguiu recurtar diferenzas por medio do xuvenil Lucas.

Gol de Jairo de falta directa (2-0).

Os últimos minutos foron para os laurentinos, que trataron de conseguir un empate que non chegaría ante a boa defensa dos de Luchi, que se afianzan na segunda praza da clasificación.

O Outeiro de Rei cae ante unha Milagrosa que soña coa permanencia (0-1). A primeira metade, condicionada polo estado do terreo de xogo, deixou ocasións para ambos conxuntos, sendo a máis clara unha falta directa que Veiga estrelou no longueiro. Xa no segundo tempo, o Outeiro fíxose co dominio posicional e co control do coiro, pero os capitalinos mantiveron a concentración defensiva e aproveitaron un saque de banda para anotar o 0-1 a escasos minutos do final. O gol visitante espoleu a un cadro chairego que, pese a que procurou o gol do empate, non o conseguiu e os tres puntos marcharon cara Frigsa.



O Guntín supera a un Pol inmerso nunha negativa dinámica (1-0). Un gol de Quiñones aos 5 minutos de xogo logo de aproveitar un erro na zaga visitante valeulle ao cadro laranxa para adiantarse e xogar durante todo o partido co resultado. O estado do Ladairo e a intensidade defensiva do Guntín impedían chegadas claras do Pol ao longo do primeiro tempo, aínda que na segunda metade os de Fernandito deron un paso adiante e gozaron de numerosas ocasións.

Foi entón cando apareceu Iker, porteiro local e un dos Máxicos da semana, para manter a súa portería a cero e acrecentar a crise dos do Manuel Luna, logo de dúas semanas consecutivas sendo derrotados. O Guntín incomodaba a saída de balón visitante e, cando estes conseguían superala, aparecía o seu gardamallas para evitar o gol do Pol e deixar tres puntos importantísimos na casa.

O Chantada Atlético remonta no segundo tempo diante do Foz (3-1). Un diluvio azotou o Sangoñedo nos primeiros minutos, nos que unha transición do Foz moi ben levada traduciuse no 0-1 que se mantivo ata o tempo de lecer. Na segunda metade, un golazo de Adri puxo o empate e, pouco despois, un centro lateral mal defendido polos mariñáns supuxo o 2-1 a prol dos chantadinos. Aínda que os focenses buscaron igualar o resultado e chegaron a enviar dous balóns ao pau, sería Adri de novo quen puxera terra de por medio no electrónico co definitivo 3-1 xa nos últimos intres do choque.



O Portomarín ca ante o Xove Lago e queda descolgado na táboa (1-2). Estiveron mellor os Máxicos miñotos no comezo do choque, e un balón parado nos primeiros compases puxo o 1-0 a prol dos do Chao da Poza. Porén, o Xove non lle perdeu a cara ao partido e, en apenas tres minutos, remontou o resultado cun disparo desde a frontal de Kevin e un remate de Carlos a centro de Diego.

Na segunda metade, os locais levaron o peso do xogo e pisaron a área visitante en numerosas ocasións, pero pagaron a falta de gol, mentres que os mariñáns aproveitaron os contragolpes para xerar moito perigo. Porén, o coiro non quixo entrar en ningunha das porterías e o resultado mantívose, 1-2 a prol dos de Pelayo.

A SD Chantada gaña con polémica na Lomba (2-3). Logo dunha primeira parte igualada e na que ambos conxuntos competiron baixo a intensa choiva e sobre o enlamado campo, Manu anotou o 0-1 desde o punto do medio campo nun saque de centro directo no que un xogador visitante parece atoparse no campo local no momento do lanzamento.

O Meira non se viu abaixo e conseguiu o empate pouco despois e, de feito, anotou un segundo tanto que non subiu ao marcador. Na seguinte xogada, a SD Chantada fixo o 1-2 cun gran disparo desde lonxe de David, que sentou como un mazazo aos meirenses e, xa na recta final, un rexeite nunha falta na que se protestou fóra de xogo traduciuse no 1-3 a prol dos do Sangoñedo. O equipo de Labrada seguiu insistindo e recurtou diferenzas nun barullo dentro da área (2-3) para apretar aos seus rivais ata o asubío final, pero os esforzos non foron suficientes e os tres puntos marcharon para Chantada.

O Taboada vence ao Riotorto nunha ventosa tarde (2-0). O vento condicionou o xogo na Medela, e cada conxunto dominou unha metade. O Riotorto tivo as máis claras no primeiro tempo, pero Martuno anotou un bo gol para adiantar aos locais diante dun cadro visitante que errou dúas claras ocasións. Logo da reanudación, un Taboada máis sólido levou a iniciativa, aínda que non foi ata o 88′ cando sentenciou o choque, ao aproveitar Mosky un rexeite logo dun penalti que detivo Ilian en primeira instancia. Ao final, 2-0 a prol dos de Martín Murado nun duelo moi competido.



máxicos

O Escairón remonta cun penalti nos intres finais (2-1). Moita posesión dos locais diante dun Monterroso repregado que tiña o control defensivo do duelo. Non foi ata o segundo tempo cando comezaron a chegar os goles. O primeiro deles foi para os visitantes á saída dunha falta, pero o Escairón mantivo o ritmo e a intensidade e logrou empatar cun centro lateral mal defendido pola zaga vermella, endeble na recta final. De feito, outra acción mal defendida polos de Cerdeiriños traduciuse nunha pena máxima que transformou Asier para deixar os tres puntos no Saviñao, 2-1.

O Guitiriz soña tras superar ao Santaballés (4-2). O Suso Cruz mostrábase bastante afectado logo da choiva acumulada, polo que o xogo directo foi protagonista na tarde de domingo. Hugo Criado abriu a lata cun golazo de falta directa no 39′, pero pouco despois Labrada empatou a contenda ao aproveitar un rexeite. Aínda antes do descanso, outra falta lateral foi rematada por Neska para poñer o 1-2.

Xa nos primeiros minutos do segundo tempo, unha gran versión do Guitiriz conseguiu o empate cunha acción na que a fortuna estivo do lado de Toni (un dos Máxicos da semana) e, aos poucos minutos, un remate de Miguel a un saque de falta supuxo o 3-2. O festival goleador non remataría aí, pois Labrada fixo o seu segundo gol da tarde cunha gran acción de contragolpe. O Santaballés viu como superaba ao gardamallas local no que tería sido o 4-3, pero o coiro quedou estancado xusto na liña de meta e o gol non subiría ao marcador.

MÁXICOS SALVATIERRA ABOGADOS

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *