#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 4

Nova xornada da Primeira na que os máxicos demostraron por qué destacan nos seus equipos.

Santaballés 3-0 Taboada: partido moi completo do cadro da Liga, que superou ao seu rival en moitos aspectos do xogo. O 1-0 animou aos locais, que conseguiron o 2-0 antes do descanso, co que fixeron moito dano ao Taboada. Xusto á volta da reanudación, o 3-0 sentenciou o choque, aínda que ambos equipos completaron un final de partido con moito ritmo e intensidade.

Monterroso 1-2 Castro: o mal estado do terreo de xogo condicionou a un Castro que, pese a iso, fixo o 0-1 no 5′. O Monterroso aguantaba as estocadas rivais e tiña as súas opcións, ata que no 52′ Román fixo o 0-2. Pouco despois, Toni recurtaba diferenzas e poñía en apuros ao Castro, pero os visitantes aguantaron e levaron os 3 puntos de Cerdeiriños grazas a unha sólida defensa e a que os locais erraron un penalti que suporía o 2-2.

Chantada Atlético 7-0 Antas: o choque tan só tivo unha cor. Aínda que o Antas aguantou ben ata o 68, cando o marcador era de 2-0, os cambios dos locais terminaron de afundir aos visitantes nun choque moi acertado para os do Sangoñedo, 7-0.



Outeiro de Rei 1-1 Lourenzá: o Outeiro propuxo un fútbol moi vistoso, combinando moi ben entre as súas liñas, mentres que o Lourenzá buscaba facer dano por medio de contragolpes. Nun deles conseguiron o 0-1, ao comezo do choque. Os locais seguiron coa súa idea, conseguiron o empate mediada a primeira metade, e embotellaron na súa área a un Atleti que soubo sufrir para sacar un punto do Municipal.

Pol 3-1 Pastoricense: a pólvora ofensiva do Pol inclinou a balanza ao seu favor. O dominio das segundas xogadas por parte de Diego Núñez e Dapo, sumadas á calidade da liga ofensiva, permitiron aos do Municipal superar a un Pastoricense que se defendeu moi ben. Xusto antes do descanso, os locais fixeron o 1-0 que fixo moito dano a un Pastoricense, que concedeu o segundo xusto despois da reanudación. Os visitantes recurtaron diferenzas, e unha contra no desconto sentenciou o choque, 3-1.

Xove Lago 1-2 SD Chantada: unha parte para cada equipo no Municipal. A SD levou o peso do encontro no primeiro tempo, no que fixo o 0-1 e errou varias oportunidades claras. Xusto á saída dos vestiarios, os visitantes fixeron o 0-2. O Xove variou o sistema e mellorou moito. De feito, fixo o 1-2 pouco despois. Ao tempo, os locais erraron un penalti, viron como o colexiado lles anulaba un gol… mentres que os visitantes quedaron con 10 pola expulsión de Pulpix. Choque vibrante en Xove, no que ningún cadro quedou contento coa actuación arbitral.



Riotorto 0-4 Burela: os da Marosa foron superiores aos da Veiga ao longo dos 90′. Tanto foi así que no descanso xa mandaban por 0-3. Pouco despois da reanudación, Jairo Campo puxo o 0-4 definitivo ante un Riotorto que se viu superado en todas as súas liñas por un Burela que asinou un gran choque.

San Ciprián 0-1 Atlético Escairón: partido moi serio por parte de ambos equipos, no que o Escairón levou o peso do xogo, pero o Sanci sabía contrarrestar os ataques visitantes e metía o medo no corpo do Atlético. Nunha segunda parte con máis ritmo, un gol de Toto no 57′ decidiu a contenda a prol do Escairón ante uns locais que, pese a quedar cun home menos, loitaron na procura do empate ata o último minuto.

Foz 7-1 Sporting Pontenova: logo de vinte minutos de igualdade, nos que o Foz fixo o 1-0 e o Sporting logrou empatar, o Foz colleu as rendas do encontro e non permitiu nada aos seus rivais. 3-1 ao descanso e catro goles máis logo da reanudación sentenciaron a un Sporting que xogou con 10 toda a segunda metade.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *