Os Máxicos se achegan ao fin do 2022 na procura dos seus obxectivos.
Castro 1-2 Burela: o Burela sorprendeu ao Castro nun Arturo Pereiro que viviu un auténtico partidazo na tarde do sábado. Logo dunha primeira metade sen goles, os locais abriron o marcador e, tras o 1-0, os mariñáns deron un paso adiante, que lles permitiu remontar nos minutos finais e manter o 1-2 grazas á boa actuación de Kiko Mariño, o gardamallas do Burela.
Antas 0-3 SD Chantada: un gol nada máis comezar dos visitantes afundiu aos locais e animou aos chantadinos, que xa mandaban por 0-3 no descanso. Mellorarou a SD Antas no segundo tempo, pero os do Sangoñedo mantiveron os seus galóns defensivos e non deron opción aos do Castro Seoane.
Lourenzá 1-0 Sporting Pontenova: choque moi igualado na Santa Cruz. O ‘Atleti’, afeito a ser un equipo sólido en defensa, deu mostras desa solidez logo do seu mal resultado en Chantada. O Sporting, pola súa banda, demostrou que quere manter a categoría cun bo fútbol, tanto combinativo como directo. A mala fortuna cebouse cos visitantes, pois un solitario tanto de Cruña no tempo de desconto deixou os tres puntos en casa, 1-0.
Taboada 6-0 Pastoricense: o primeiro partido da UD sen Javi Chinchón se saldou cunha dolorosa goleada para os do Acebreiro. O Taboada fixo un choque moi completo, no que xa mandaba por 2-0 ao descanso, e sentenciou á volta de vestiarios. Os visitantes buscarán dar a volta á situación coa chegada aos banquiños dun clásico do noso fútbol, Martín Murado.
Santaballés 1-2 Atlético Escairón: partido moi disputado e con moito ritmo na Liga. Os locais gozaron dunha boa opción á saída dun córner, que detivo Macía con mestría. O Escairón conseguiu o 0-1 na xogada seguinte por medio dun remate de cabeza de Totó. No segundo tempo o partido perdeu algo de ritmo, e aínda que os locais seguiron pelexando, a defensa visitante fixo un gran partido. Logo dun erro local, Totó fixo o 0-2. O Santaballés recurtou diferenzas e pechou aos seus rivais na área, pero o electrónico non se moveu.
Monterroso 2-0 San Ciprián: tres puntos de ouro para un Monterroso que fixo un partido moi serio. Tamén os mariñáns foron sobrios e sólidos, sobre todo ao longo da primeira metade. O partido abriuse tras o descanso, e Iago Sobrado adiantou aos vermellos cun gran gol tras un rexeite logo dun centro lateral. O Sanci gozou dun man a man a falta de dez minutos, pero non conseguiu o gol e os locais sentenciaron por medio, de novo, de Sobrado desde fóra da área, 2-0 en Cerdeiriños.
Chantada Atlético 5-0 Riotorto: victoria cómoda dun gran Chantada Atlético ante un Riotorto que chegou moi xusto de efectivos ao Sangoñedo. Ao descanso, o resultado xa era de 3-0, e no segundo tempo os locais pecharon o marcador ante uns visitantes que, pese a ser tan só once xogadores, deron a cara ao longo dos 90 minutos.
Outeiro de Rei 2-1 Xove Lago: choque igualado, con ocasións para ambos equipos. As condicións do terreo de xogo obrigaron aos dous conxuntos a abusar do xogo directo, e o Outeiro saíu vencedor do reparto de golpes. Logo dunha primeira parte sen goles na que o Xove tivo algo máis de protagonismo, o resultado ao descanso era de 0-0. A segunda metade comezou cun gol de Redondo para os locais, pero os mariñáns reaccionaron e fixeron o 1-1. O Outeiro non se contentou co empate, e fixo o 2-1 a 15′ do final. O Xove aínda tivo as súas opcións, pero non logrou o empate final.
Pol 3-0 Foz: o Pol controlou o choque grazas a goles en momentos chave, pois os locais anotaron 0 1-0 no minuto 2′ e o 2-0 no 44′. Pese a que o Foz fixo un bo fútbol en zona de creación, os mariñáns non estiveron atinados en ningunha das áreas. Un gol de Dapo no segundo tempo sentenciou o partido a prol dun Pol que está a ser moi convincente nesta temporada.