#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 9

A xornada intrasemanal para os Máxicos estivo marcada pola adversa metereoloxía, sobre todo na sesión vespertina deste mércores.

Milagrosa 0-1 Pol: un solitario tanto de Julio Camba deixou sen premio a unha Milagrosa que completou un bo exercicio defensivo ao longo de todo o choque. Os locais aproveitaban as concesións visitantes para saír en transicións, pero o Pol foi quen de anotar na recta final para continuar como o firme líder da categoría.

Lourenzá 1-2 Foz: remontou o Foz o derbi ante un Lourenzá que segue a acusar as numerosas baixas. Un gol desde o córner, axudado polo vento e mediado o primeiro tempo valeulles aos locais para chegar ao descanso por diante (1-0), pero o Foz saíu renovado dos vestiarios e, logo de dúas accións finalizadas por Anxo en apenas 5′, xa mandaban por 1-2 na Santa Cruz. Os locais apretaron na procura do empate, pero o oficio dos de Gayol permitulles sacar tres puntos moi importantes da Santa Cruz ante un Lourenzá que acabou o partido moi amolado pola actuación arbitral.

Outeiro de Rei 0-2 Xove Lago: o Outeiro de Rei tivo o control do xogo ao longo dunha primeira metade na que o Xove cedeu o coiro aos locais. Porén, os mariñáns controlaron ben os ataques chairegos e, ao comezo do segundo tempo, aproveitaron dúas accións individuais de Juanjo Coello para anotar dous tantos e mandar no electrónico. Tras os goles, o Outeiro procurou o gol, pero non foi quen de anotar, 0-2 no Municipal.



Guntín 1-1 SD Chantada: as condicións climatolóxicas e o estado do terreo de xogo forzaron a ambos conxuntos a practicar un fútbol directo, no que foi mellor o Guntín ao longo do primeiro tempo. De feito, os locais conseguiron plasmar ese dominio cun bo disparo de Fran desde dentro da área. Os chantadinos melloraron na segunda metade, con achegas á portería rival, ata que David fixo o empate a 25′ para o final. Tras o 1-1, a SD seguiu inquedando á defensa laranxa e estivo a piques de culminar a remontada cun tiro de Michi que se foi fóra por pouco. Tamén o Guntín tivo a súa opción, e incluso reclamou un penalti que non foi sinalado. Ao final, reparto de puntos no Ladairo.

Chantada Atlético 2-0 Riotorto: partido igualado e marcado polo mal tempo no Sangoñedo. O Chantada Atlético tivo a posesión no primeiro tempo, pero o Riotorto puxo as ocasións máis claras, sen acerto. O primeiro tanto local chegaría nun balón parado rematado por Adri. Xa na segunda metade, e despois de 90′ minutos igualados nos que o Riotorto reclamou un penalti ao seu prol, os chantadinos sentenciaron no 93′ nun partido no que os visitantes pelexaron polo empate pero os puntos quedaron na casa, 2-0. A nota positiva, as participacións do capitán local Mico, logo de ano e medio de lesión, e de Iago Otero, tamén recuperado dunha dolencia.

Portomarín 0-0 Monterroso: partido de alternativas no Chao da Poza. O Monterroso comenzou con máis presencia en campo rival, pero o Portomarín defendíase ben e facía dano con xogo directo, sen conceder grandes ocasións ningún dos conxuntos. No segundo tempo os locais foron valentes e apretaron aos seus rivais con intensidade, aínda que sen poder concretar as oportunidades. Na recta final o partido se rompeu e ambos equipos puideron anotar, pero ao final mantívose un «resultado-gafas» que non satisface a ninguén.



Meira 1-1 Santaballés: o Meira foi dominador ao longo dun primeiro tempo no que chegou o gol, por medio de Seixosmil. Porén, xa no segundo tempo, a expulsión de Farra aupou a un Santaballés que apretou aos locais, aínda que foi o Meira o que puido anotar cun envío ao pau e outro tanto que foi anulado. Os chairegos conseguiron pechar aos seus rivais por medio de accións a balón parado, ata que unha serie de rexeites logo dun saque de banda no 97′ traduciuse no definitivo empate, 1-1 na Lomba.

Taboada 2-1 Guitiriz: partido igualado na Medela que comezou cun gol en propia meta dos visitantes, que perderon o control do choque durante o primeiro tempo. Na segunda metade, o Guitiriz deu un paso adiante cun cambio de sistema e foi quen de empatar por medio de Tanketin. Co empate, o partido rompeuse, pero foi o Taboada o que rompeu a igualada cun remate cruzado desde o borde da área. O Guitiriz volcouse na recta final e protestou un penalti no tempo de desconto, pero finalmente os puntos quedaron na casa, 2-1 para un Taboada que sufriu ao longo da segunda parte.

Burela 0-0 Atlético Escairón: igualado choque na Marosa entre dous conxuntos nun alto estado de forma. O Burela foi mellor nun primeiro tempo no que a súa ocasión máis clara se marchou por pouco, mentres que os visitantes melloraron na reanudación, co aire a favor e con máis intensidade. Dúas ocasións para cada equipo foron o saldo dun segundo tempo no que ningún foi quen de anotar, pese a contar coas súas alternativas.

1 comentario

  1. Antón
    03rd Nov 2023 Reply

    Boas.O mellor xogador do CD.Foz en Lourenzá,foi Anxo Méndez.Non soio por os dous tantos,si non por o despliegue tactico e físico.
    Un rapaz de 17 anos pintoulle a cara o corpo técnico do Lourenzá,que non o deu tapado en ningún momento do encontro. Saudos.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *