Con tan só tres puntos restantes para os máxicos, a Primeira Galicia xa ten campión, ademais de varios equipos que descenderán á Segunda Autonómica.
Xove Lago 3-1 Taboada: aínda que o Taboada se adiantou logo dunha falta frontal rematada pola dianteira visitante, o Xove foi o dominador dun choque trabado. O Xove empatou a balón parado ao comezo do segundo tempo, e coa expulsión de Mosky, os verdes deron un paso adiante e fixo o 2-1 por medio de Pelayo. Xa co Taboada volcado, Diego Fernández sentenciou nun contragolpe, 3-1.
Foz 1-0 Riotorto: o partido estivo moi igualado ao longo dos noventa minutos, pero a necesidade de puntos facía que os visitantes apretasen máis aos seus rivais. No segundo tempo, cando mellor estaba o Riotorto, Manolito aproveitou un balón á espalda para facer o 1-0. Co tanto local seguiu apretando un Riotorto que rematou con tan só nove xogadores no campo logo de numerosas protestas ao árbitro ao considerar que se trabucou ao anotar unha tarxeta. Como curiosidade, no encontro estivo presente o Racing Villalbés, pois os visitantes xogaron cunha equipación pertencente ao cadro chairego!
Pol 7-0 San Ciprián: partido insulso no Municipal. Un Pol que quedou sen opcións de promoción non deu ningunha oportunidade a un Sanci descendido. O acerto goleador dos locais, o máis destacado nunha tarde na que o Pol foi o claro dominador de todo o choque.
Outeiro de Rei 2-1 Escairón: o choque foi vibrante no Municipal. Os visitantes golpearon primeiro, por medio de Armesto, que asinou un gran gol nunha boa xogada persoal. Pouco antes do descanso, unha xogada de estratexia dos locais supuxo o 1-1. Xa no segundo tempo, os visitantes apretaron moito a un Outeiro que resistiu ata a recta final, cando Tichu enviou un gran balón a Dani Díaz para que este perforase as mallas do Escairón, 2-1. Con este resultado, o Outeiro aínda pelexará por meterse na fase de ascenso, mentres que o Escairón di adeus ao soño do ascenso directo.
Chantada Atlético 7-1 Burela: partido sen historia no Sangoñedo entre dous conxuntos que xa pensan na próxima temporada. Salgado fixo un dobrete nos primeiros 5′ e, aínda que o Burela fixo o amago de reaccionar co 2-1, os chantadinos foron moi superiores e anotaron cinco tantos máis para sacar os tres puntos do seu feudo.
Monterroso 2-3 SD Chantada: partido tenso e vibrante en Cerdeiriños no que había moito en xogo. Os visitantes comezaron mellor e se adiantaron nun saque de esquina, pero os locais empataron cun disparo de Iago Sobrado. Foi de novo o Chantada o que golpeou co 1-2 logo dun centro de Manu rematado por Kadete, pero de novo Iago empataba antes do descanso, 2-2. O segundo tempo estivo moi parexo, con poucas opcións e seriedade defensiva, pero o ímpetu visitante se traduciu no 2-3 definitivo no 97′, obra de Joserra logo dun centro de David, que desatou a tolemia entre os máis de 300 siareiros chantadinos desprazados a Cerdeiriños.
Santaballés 3-3 Sporting Pontenova: foi moito mellor o Santaballés no comezo, o que lles permitiu mandar por 2-0 antes do descanso, aínda que o Sporting puxo o 2-1 no 44′. Porén, os visitantes saíron renovados dos vestiarios e remontaron con outro gol nun balón parado e outro cun tiro lexano. Foi entón cando os locais voltaron ao choque, e froito da súa intensidade conseguiron o empate na recta final logo dun centro lateral, 3-3 nun partido moi entretido.
Castro 4-0 Pastoricense: o Castro é novo equipo de Preferente logo de superar ao colista cunha gran actuación colectiva. Sabedores da derrota do Escairón, os locais saíron ao campo moi intensos e anotaron dous goles antes do descanso. Xa no segundo tempo a festa continuou no Arturo Pereiro con dous tantos máis que adiantaron a tolemia para os de Rafa Casanova, 4-0, tres puntos e ascenso directo.
Antas 1-2 Lourenzá: victoria vital para un Lourenzá que afasta as pantasmas do descenso. Os visitantes foron mellores, dentro do fútbol directo que imperou no choque, e se adiantaron no primeiro tempo por medio de Iago. Xusto ao comezar a segunda metade foron os locais os que golpearon co empate e deron un paso adiante, pero un necesitado Lourenzá tirou de oficio e Recalde fixo o 1-2 de falta directa para dar o triunfo aos seus.