Tan só restan dúas xornadas para os Máxicos, co ascenso e o descenso aínda en xogo.
Lourenzá 3-0 Taboada: un Lourenzá necesitado da victoria dominou o choque de principio a fin ante un Taboada que acusou a baixa do seu mediocentro Diego. Dous goles laurentinos antes do ecuador do primeiro tempo deron a marxe que necesitaban aos locais para xogar cómodos. O Taboada apenas chegou a área visitante e, xa na recta final, os locais sentenciaron co 3-0 definitivo.
Sporting Pontenova 0-2 Castro: os chairegos manteñen o liderato logo de superar ao Sporting con dous tantos a balón parado. Os locais trataban de mover o balón e o Castro buscaba a practicidade, polo que se viron moitos balóns divididos e disputas na Mina. Os dous goles visitantes chegaron na primeira metade e, aínda que no segundo tempo ambos conxuntos puideron facer goles, o Castro tirou de oficio e evitou sustos na Mariña, 0-2.
Pastoricense 1-1 Antas: comezaron mellor os locais, que conseguiron o 1-0 mediado o primeiro tempo, pero os celestes melloraron a medida que avanzaba o partido e lograron o empate ao pouco de comezar o segundo periodo. O partido, entón, toleou e calquer conxunto puido anotar un segundo gol que non chegaría. Reparto de puntos no Acebreiro.
SD Chantada 5-1 Santaballés: logo dunha primeira parte igualada na que os locais tiñan o coiro e os visitantes agardaban para saír ao contragolpe, a SD Chantada fixo o 1-0 por medio de David. Porén, unha segunda acción nun balón parado permitiu aos chairegos facer o empate antes do descanso. A segunda parte comezou coa mesma tónica, pero dez minutos de inspiración dos locais valéronlles para anotar tres goles seguidos (dous obra do recén ingresado ao campo Xende). Xa co choque sentenciado, Michi puxo a guinda nunha gran tarde no Sangoñedo, 5-1.
Burela 0-1 Monterroso: victoria balsámica para un Monterroso que comezou mellor na Marosa e anotou o 0-1 á saída dun córner e puido ampliar a renda antes do descanso con un balón que impactou no pau. Os mariñáns foron mellores nun segundo tempo no que tiveron varias chegadas ben solventadas polo gardamallas visitante e, finalmente, o marcador non se movería para concluir con tres puntos de ouro para os visitantes.
Atlético Escairón 0-0 Chantada Atlético: choque vibrante e moi igualado no Saviñao. O Escairón foi mellor no primeiro tempo e acumulou máis chegadas á área, pero non foi capaz de adiantarse no marcador. O segundo tempo foi máis aberto, con idas e voltas constantes que puideron traducirse en tantos, pero as defensas se impuxeron aos ataques. O partido non estivo exento de polémica, pois cada equipo viu como se lles anulaba un tanto.
San Ciprián 0-2 Outeiro de Rei: David Román fixo o 0-1 ao comezo do choque logo dunha boa xogada colectiva ben culminada coa perna esquerda. O Sanci deu entón un paso adiante e comezou a ganar disputas e segundos balóns que meteron ao Outeiro no seu campo. Porén, os visitantes melloraron co inicio do segundo tempo e sentenciaron por medio de Dani Díaz no 70′, que rematou un gran centro desde o segundo palo, 0-2 na Veiga.
Riotorto 1-4 Pol: aínda que os visitantes comezaron mellor, o Riotorto fixo o 1-0 desde os once metros por medio de Pape. Porén, antes do descanso, Cadenas fixo o empate nunha xogada a balón parado. Tras un segundo tempo igualado, Rivas desfixo o empate cun lanzamento de falta directa que puxo o 1-2 e, co Riotorto volcado na procura da igualada, o Pol sentenciou o choque con dous goles máis na recta final.
Xove Lago 3-4 Foz: primeira parte dominada polo Foz, que anotou o 0-1 cun tiro desde a frontal e o 0-2 nun balón parado. Xa no segundo tempo, os locais deron un paso adiante, asinaron o 1-2 nun córner, empataron logo dun centro lateral e puideron adiantarse tras o empate. Porén, foi o Foz o que volveu golpear cun centro rematado por Manolo que se convertiu no 2-3. Andrés volveu empatar, 3-3, nunha acción desde a esquina. Co Xove volcado para conseguir a victoria, o Foz gozou de varias ocasións no desconto para anotar, e o conseguiría na última acción, 3-4 nun partido moi divertido no Municipal.