Nova batalla para os nosos máxicos, aos que lles quedan 15 xornadas para poñer punto e final á temporada.
Taboada 1-1 Santaballés: o Santaballés adiantouse fixo o 0-1 cunha gran xogada nunha primeira parte moi intensa, con moitas disputas e ritmo. O segundo tempo mantivo a mesma tónica, pero os locais deron un paso adiante, empataron e a piques estiveron de remontar o partido na recta final.
Castro 5-1 Monterroso: partido cómodo para o Castro, que se adiantou no primeiro tempo e aproveitou o desconcerto visitante no comezo da segunda metade para facer dous tantos máis que sentenciaron o choque. Os visitantes, porén, seguiron competindo e conseguiron o gol da honra nunha pena máxima transformada por Lorenzo.
Antas 1-4 Chantada Atlético: o Atlético tivo o dominio do coiro no primeiro tempo e se adiantou co 0-1, pero un Antas moi serio e perigoso a balón parado conseguiu empatar antes do descanso. Na segunda metade, un segundo tanto visitante moi protestado polo Antas deixou aos locais fóra do partido, algo que aproveitaron os chantadinos para sentenciar o partido.
Lourenzá 0-1 Outeiro de Rei: tres puntos de ouro para o Outeiro ante un rival sólido, pero inmerso nunha mala dinámica. O partido se decidiu pasado o minuto 60′, logo dun gran centro dos visitantes que rematou Dani Díaz ao fondo das mallas. Os locais apretaron tras o 0-1 e viron como o colexiado anulaba un gol por mor dun dubidoso fóra de xogo. Finalmente, o marcador non se moveu.
Pastoricense 1-1 Pol: deu a sorpresa o Pastoricense, ao rescatar un punto da visita do Pol ao Acebreiro. Os visitantes tiveron o control do choque, e de feito se adiantaron por medio de Nathan no primeiro tempo. Porén, os locais souberon resistir as estocadas locais e obtiveron o premio do empate no minuto 95′, 1-1.
Sporting Pontenova 2-3 Foz: partido precioso na Mina, con alternativas para ambos conxuntos. O Foz comezou golpeando e chegou co 0-1 ao descanso, pero un moi bo Sporting logrou o empate e gozou de ocasións para culminar a remontada. Porén, foi o conxunto dirixido por Gayol o máis efectivo, e conseguiu dous tantos que poñían o 1-3 no electrónico e deixaban mermados aos locais. Aínda así, os da Pontenova volveron anotar e puideron facer o empate o tempo de desconto, pero os visitantes sacaron tres puntos de ouro nun gran partido de fútbol.
SD Chantada 7-0 Xove Lago: partido sen historia no Sangoñedo. Un Xove mermado polas baixas viu como a SD Chantada e en particular o fillo pródigo Xende levaban o peso do choque ao longo dun primeiro tempo que rematou con 4-0. Na reanudación a tónica foi a mesma, aínda que os visitantes melloraron e non deixaron de loitar ata o pitido final.
Burela 2-2 Riotorto: o vento da Marosa impulsou aos locais ao longo da primeira metade, na que dominaron e anotaron o 1-0. Un erro visitante en saída de balón tras a reanudación supuxo o 2-0, pero un Riotorto mermado polas ausencias e que nunca deixou de crer conseguiu o 2-1 a falta de dez minutos e o 2-2 a falta de cinco para sacar un punto de ouro do feudo burelés.
Atlético Escairón 1-0 San Ciprián: os locais levaron a iniciativa ao comezo, e gozaron de ocasións antes de conseguir o primeiro tanto. Co 1-0, os mariñáns estiraron as súas liñas e inquedaron a portería do Saviñao, pero non conseguiron transformar. O segundo tempo foi similar, o Escairón puido sentenciar con bo fútbol e o Sanci a piques estivo de empatar na recta final, pero o marcador non se moveu.