#Primeira Futgal #Fútbol afeccionado

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 10

Os máxicos pechan a semana de tres partidos con varios duelos cheos de emoción por toda a provincia.

Pol 4-0 Burela: golpe de autoridade do Pol ante un rival da zona alta da táboa. O Burela chegaba ao Municipal coa intención de complicar o xogo posicional dos locais, pero a calidade individual, grupal e colectiva do Pol permitiu aos de Fernandito mandar por 2-0 no primeiro tempo. A seriedade do líder traduciuse en dous tantos máis nun segundo tempo nun partido no que foron superiores aos seus rivais, 4-0 para continuar no liderado da categoría.

Foz 7-0 Milagrosa: contundente victoria dos mariñáns diante dunha Milagrosa que nunca estivo cómoda no choque. O cadro dirixido por Gayol colle así carreira logo de dúas victorias na última semana e despois dun choque no que xa mandaban por 4-0 no tempo de lecer. O segundo tempo foi un trámite para ambos conxuntos, que se saldou con tres goles máis para o conxunto locatario, 7-0.

Xove Lago 1-2 Lourenzá: balón de osíxeno para un Lourenzá que foi quen de vencer na casa do Xove Lago. Os locais comezaron o choque con máis ocasións e chegadas, pero foi o cadro visitante o que golpeou primeiro cun remate de Luis no segundo pau. Porén, o Xove empatou pouco despois tras un centro lateral que acabou no fondo das mallas logo de desviado un xogador do propio Lourenzá, 1-1. No segundo tempo houbo opcións para ambos, pois o Xove contou con varias oportunidades claras, e o «Atleti» tivo varios tiros cruzados que estiveron a piques de entrar. Foi no último minuto do choque cando Isaac aproveitou un balón morto na área logo dunha falta lateral para poñer o 1-2 e desatar a tolemia entre os siarieros laurentinos desplazados a Xove.



SD Chantada 2-0 Outeiro de Rei: os locais foron dominadores ao longo dun primeiro tempo no que xeraron perigo por medio de combinacións, aínda que foron dúas accións individuais (unha de Miguel e outra de Hugo) as que permitiron aos chantadinos mandar por 2-0 no tempo de lecer. A contenda igualouse máis na segunda metade, pois o Outeiro deu un paso adiante e gozou de varias oportunidades, mentres que a SD Chantada facía dano en transicións. Finalmente, o marcador non se moveu e os tres puntos quedaron na casa, 2-0.

Riotorto 0-0 Guntín: máxima igualdade na Veiga, nun duelo marcado polo fútbol directo, motivado á súa vez polo estado do céspede. Os locais tiveron un maior control do choque ata a lesión de Pablo Vivero ao final do primeiro tempo e, na segunda metade, perdéronse os mediocampos e o partido foi máis de ida e volta. A máis clara dos locais tívoa Fran Pastor e a dos visitantes Purri, pero ningún anotaría e o electrónico non se movería, 0-0.

Monterroso 1-2 Chantada Atlético: o estado do terreo de xogo en Cerdeiriños marcou un choque entre dous rivales moi intensos, aínda que foi o Monterroso o que golpeou primeiro cun gol de Crespo logo dunha mala saída de Ivi nun balón longo. Porén, os chantadinos lograron a igualada antes do descanso cun tanto de Dani logo dunha deixada de cara de Adri. No segundo tempo, o Chantada Atlético dominou máis o coiro e conseguiu o 1-2 cun balón filtrado por Anxo e rematado por Brais. Na recta final os locais volcáronse na procura do empate, con balóns colgados á área e unha falta na frontal, pero finalmente o marcador non se moveu.



Santaballés 3-2 Portomarín: as fraxilidades defensivas do Portomarín permitiron ao Santaballés facer dano á defensa visitante e, no descanso, o resultado era de 2-0 favorable aos locais. Porén, o cambio de sistema miñoto tras a reanudación deu vida a un Portomarín que, aínda que o Santaballés anotou o terceiro, seguiu empurrando e anotou dous goles, e a piques estivo de sacar algo positivo da Liga. O oficio chairego emerxeu nun tempo de desconto no que evitaron máis sustos e mantiveron a renda, 3-2.

Guitiriz 0-4 Meira: foi moi superior o Meira nun Suso Cruz en mal estado que viu como o Guitiriz xa perdía por 0-2 no minuto 15′, logo dun gran gol de Óscar nun remate de centro lateral, e outro de Kevin tras un cúmulo de malas accións da defensa local. O Meira medrou no xogo directo e o Guitiriz era un mar de dúbidas, pero foron os visitantes os que -xa no segundo tempo- sentenciaron por medio de Kevin nunha transición, 0-3. Lourido fixo o definitivo 0-4 nun remate nunha falta lateral para adicar o tanto e a victoria a Albino, o recén finado socio número 2 do club meirense. O Guitiriz, pola súa banda, terá que seguir buscando a súa mellor versión para competir na categoría.

Atlético Escairón 4-0 Taboada: estivo moi ben o Escairón no comezo do choque, e xa no minuto 4′ mandaba por 1-0. Os locais controlaron o primeiro tempo, destacando sobre todo o perigo que xeneraban nas transicións ofensivas, froito do cal o resultado era de 3-0 ao descanso. A segunda parte estivo máis igualada, cun Taboada moi loitador que tivo as súas opcións, pero finalmente o cadro local fixo valer a súa solvencia para anotar un gol máis e deixar a súa portería a cero.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *