José Castro Vilarín ‘Marino’ é un dos nomes propios do fútbol lucense. O carismático perruqueiro competirá este sábado por terceira vez nun All Star organizado por Futbolinlugo. O polivalente xogador foi convocado na primeira edición, cando defendía as cores do Viveiro; o curso pasado, cando xogaba na Sarriana; e este ano, como futbolista do CD Castro.
Perdeu a edición de Carballedo porque xogaba nunha categoría superior: a Terceira División, co Racing Villalbés. Pero xa é un habitual no evento de referencia do fútbol afeccionado lucense. Hoxe falamos con el para coñecer as súas expectativas de cara á edición deste ano e os seus plans de futuro no mundo do fútbol.
Futbolinlugo: Teslle collido o vicio a esto do All Star.
Marino Meira: Home, os números non están nada mal!
Fil: Bromas aparte, cal é o segredo para rendir tan ben alí onde esteas?
MM: Ningún. Traballar e dar o máximo no equipo no que estea. O meu traballo sempre foi unha das virtudes principais nos equipos onde estiven, e iso é o que pode facer que vaia convocado ao All Star, agradézoo moito.
Fil: Iso que o rendemento do Castro este ano non foi tan bo como se agardaba.
MM: Si, foi unha mágoa descender por arrastres. Empezamos moi ben e pegamos un baixón grande na segunda volta. Tentaremos subir de novo.
Fil: Continuarás logo no Arturo Pereiro?
MM: Si, renovei onte pola noite. Reuninme coa directiva e a verdade é que estou onde quero estar, na casa, trátanme xenial… é o meu club e aquí estou ben.
Fil: Que agardas desta IV edición do All Star?
MM: Xa vin que había varias sorpresas fortes, agardo que sexa unha boa festa para todos. É un orgullo que apostedes por este evento e temos que darlle valor como xogadores e como persoas. É unha festa para reunirse e pasalo ben todos.
Fil: É unha boa oportunidade para atopar vellos coñecidos e amigos do mundo do fútbol.
MM: Eu levo xa uns cantos anos xogando e o máis importante son os amigos que vas facendo. Este ano faime especial ilusión compartir equipo cun dos meus mellores amigos: Iván, do Ribadeo. Para min é un orgullo poder xogar con el este All Star e estou encantado.
Marino A Barbería estará presente no ladairo
Fil: Disque a xente vai poder cortar o pelo no propio campo.
MM: Intentarei amañar algunha cadeira por aí (ri) e cortarlle o pelo a quen queira. Daremos así un atractivo diferente ao IV All Star.
Fil: Vai quedar Marino un anaco na festa de despois?
MM: Si, quedaremos no terceiro tempo. Botaremos unhas risas e faremos máis grande aínda o fútbol lucense. Xuntarse é o máis bonito.