#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Marcos Valín: «Nas lesións foi onde máis aprendín»

Foto de portada: Laura Santos

As lesións impedíronlle chegar máis lonxe no fútbol. As lesións permitíronlle saber valorar máis o que tiña. Marcos Valín (Guntín, 16-10-1987) tivo que deixar definitivamente o balompé hai xa máis de dous anos. Cando tentaba comezar unha nova reinserción da súa traxectoria deportiva. A súa “tardía” chegada ao fútbol campo non lle impediu ser unha das grandes promesas da portería galega. Así o acredita a súa carreira. Comezou na Milagrosa en idade cadete, pasou ao CD Lugo en xuvenís, debutou e foi titular co primeiro equipo na Segunda B, logo chegaría o Fabril e as convocatorias co Dépor. Fai xusto dez anos que todo cambiou. Fai xusto dez anos que o Valín de Guntín tivo que cambialo chip. No Racing de Ferrol, Cerceda e Somozas disfrutou o que puido ata que tivo que dicir adeus. Sen arrepentirse do pasado, preparándose no presente e buscando o futuro. Porque hai moita vida máis aló do fútbol. Perdemos un porteiro, gañamos un enxeñeiro.

Futbolinlugo: Xa pasaron máis de dous anos que non vemos a Marcos Valín nun terreo de xogo…

Marcos Valín: Dende as primeiras xornadas da temporada 2017/18. Foi nun partido en Somozas. Nun salto rompín o ligamento cruzado e o menisco da perna esquerda. Na operación non me deixaron ben. Volvín pasar polo quirófano. Preguntei a varios médicos e fisioterapeutas e dixéronme que era inviable a práctica do fútbol. Xa nin a nivel afeccionado.



Fil: Como te sentes agora?

MV: Hai días que teño molestias. É curioso que con todas as que pasei na perna dereita non teña ningunha. Pero na esquerda si. Intento facer un mínimo de exercicio para manterme, pero non en exceso.

Fil: Que supuxo ter que deixalo fútbol?



MV: Para alguén que lle vén de repente unha lesión, supoño que será máis complicado. No meu caso, a vida xa me foi enfocando a outras cousas. Xa tiña na cabeza ir deixándoo. Aproveitei para estudar que o fora apartando a un lado. Metínme na carreira de Enxeñería Electrónica Industrial e Automática.

«Ata eu mesmo me consideraba malo»



Fil: Comezaches no equipo do colexio de Guntín. Como foi ese paso ao fútbol campo?

MV: Cando empecei nótabase moitísimo que non tiña esas habilidades adquiridas que un neno vai collendo dende pequeno. Ata eu mesmo me consideraba malo. Si que tiña reflexos e potencia do fútbol sala. Pero a colocación e demais técnicas costáronme moito. Os tres anos de xuvenís no CD Lugo foron duros. Despois debutar no primeiro equipo foi unha recompensa. Nunca me regalaron nada. Sempre tiven carencias que se me notaron. Con traballo intentei esconder os defectos.

Fil: Como chega a oportunidade de ter sitio no CD Lugo en Segunda B?

MV: A primeira pretemporada eramos tres gardamallas. Eu partía de terceiro e coa incerteza de a ver se me quedaba. A pretemporada saíu ben. Quedeime e pasei a ser o segundo porteiro e xogar varios partidos. Daquela coincidira con Roberto Valeiro. Recordo especialmente un encontro que fun titular en Vallecas contra o Rayo e con aquel campo cheo.

Fil: E aí comezaron as ofertas…

MV: Foi algo moi raro. Na seguinte campaña na que xoguei máis, xa no mercado de inverno tivera contactos para ir a Inglaterra. Todo por medio do club que eu non tiña representante. Sería para o equipo B dun equipo da Premier. Ao final non saíu nada diso. E logo no verán púxose en contacto comigo o Vilarreal e o Dépor. Decidinme pola oferta branquiazul pola proximidade.

Fil: Nunca tiveches representante?

MV: Cando asinei no Dépor si que tiven un. Cando fichei no Racing xa non quixen seguir. Vía que non era necesario nesas categorías. A non ser que teñas un representante que teña moitos contactos, e ese vaiche cobrar bastante, podes facelo mesmo. Quen fala por ti son os números e as estatísticas. Hoxe en día que hai tantos datos, todo o mundo coñece a todo o mundo.

«Puiden aproveitalo moito máis e podería ter xogado en 1ª División»

O Somozas foi o último destino deportivo de Valín. Chegou no verán do 2017 e aos poucos meses outra lesión impediulle seguir. Foto: twitter UD Somozas

Fil: No Dépor consolídaste no Fabril, entras en convocatorias co primeiro equipo e despois aparece a lesión. Como definirías a túa experiencia alí?

MV: Agridoce. Foi moi boa experiencia pero non a aproveitei o que debería. Era a primeira vez que estaba fóra da casa, vives só…Non digo de saír, por exemplo, que sempre fun unha persoa seria nese sentido. Pero non sei. Debín aproveitar moito mellor do que o fixen. É moi importante cando estás aí que estean encima de ti moito, que alguén te apoie,… Aínda así foi unha etapa bonita. Adestraba todos os días en dobre sesión. Pola mañá co Dépor e pola tarde co Fabril. Co que eu adestraba, puiden aproveitalo moito máis e podería ter xogado en 1ª División.

Fil: Como asimilaches a primeira lesión?

MV: Estaba nese momento no que o estaba tocando. Non é o mesmo debutar ca ir convocado. Só con debutar, aínda que sexa un minuto, ábreche moitas portas. Ver que estaba tan preto e non poder tocalo foi un baixón moi grande. Animicamente foi moi dura porque ninguén te prepara. Estás arriba e, de súpeto., esquécense de ti. O fútbol é así. E non o digo agora por estar desde fóra. É moita mercancía. Cando estás ben, todos están cerca; cando deixas de ser útil, pouca xente está o lado.

Fil: Pero ti consegues levantarte e tempo despois chega a opción do Racing de Ferrol…

MV: A recuperación da primeira lesión permitíronma facer co Dépor. Na pretemporada nun salto volvín romper. Os médicos, fisios e o adestrador de porteiros, Sambade sempre estiveron aí. Despois de ano e medio parado, apareceu a oportunidade do Racing por medio de Aira que aínda estaba de xogador e foramos compañeiros no CD Lugo. Planteáronme a posibilidade de ir. Fun sempre moi sincero. Levaba moito tempo sen xogar. Non adestrara portería nada. Acabábanme de dar a alta. Tiña pouca confianza. Foi unha oportunidade que me deron pero que me costou moito. A perna estaba ben, pero animicamente a cabeza non estaba. O medo a unha recaída condiciónate moito. A miña cabeza estaba en como saltar ou como moverme, en vez de pensar no balón.

«Pedinlle a Aira que me quitase a titularidade»

Fil: Finalmente conseguiches un bo rendemento. Como o lograches?

MV: Costoume moito. Porque o aspecto psicolóxico das largas lesións tampouco se traballaba. A min co paso das xornadas érame máis difícil centrarme. Falei con Aira que xa pasara a ser o adestrador. Díxenlle que non estaba para xogar. Pedinlle que me quitase. Non volvín xogar ese ano. Pero a liberación que sentín permitiume acabar a tempada a un nivel de adestramentos no que eu nunca estivera. Dito polos meus compañeiros. E renovei grazas a eses últimos meses de adestramento.

Fil: Estás no equipo do récord de puntos no Racing de Terceira, xogas en Segunda B e tes varias lesións no brazo que che impiden a continuidade. Chegas ao Cerceda. Que recordo gardas?

MV: Agridoce. Alí tamén volvín ter lesións que me impediron, por exemplo, xogar a fase de ascenso con José Luis Lemos. Iso si, con el foi con quen máis desfrutei o fútbol. O que máis me representaba. Combinativo e vertical.

Fil: O teu último equipo foi o Somozas. Non houbo opción de seguir naquel Cerceda que ascendera nos despachos á Segunda B?

MV: Era un momento raro. Ofrecéronme a posibilidade de seguir. Foi cando fixo ese convenio co CD Lugo. De todo o cadro de xogadores, chamáronnos a 4. O resto íaos poñer o Lugo. As ofertas eran irrisorias comparado co resto de compañeiros. Dixen que non. Iso xa se vía que non tiña boa pinta.

Fil: De todo o vivido, con que te quedas?

MV: Donde máis aprendín foi coas lesións. Non cambiaría nada do que pasou. Con cada unha delas aprendín a valorar moito máis o que tiña e a desfrutar do fútbol. Para min ir adestrar era estar alegre. E iso é algo que deben inculcarlle aos nenos que están empezando. O teu obxectivo claro que é competir ben o día do partido, pero tes que desfrutar o camiño. Non pode ser que a semana sexa un calvario. O camiño ten que ser un disfrute.

Fil: E a nivel deportivo?

MV: Moitos. O ascenso co Racing de Ferrol foi dos momentos do fútbol que mellor estiven; o vestiario, todo o que se rodeaba,… foi un momento moi bonito. A estrea co Lugo tamén. E a xente. No campo que máis desfrutei foi no Anxo Carro. Coa afección sentinme moi querido. Fun de tapado e caín ben. E logo no Somozas atopeime coas mellores persoas. Sempre unha boa palabra.

Fil: Agora desfrutas do fútbol desde fóra?

MV: Estou totalmente desconectado. O outro día sentinme comprendido ao ler unha entrevista que lle fixeron a Ter Stegen na que dicía que el non vía fútbol. Sempre me chamaron raro, pero eu nunca vin fútbol. Gustábame xogar. Si que miraba o rival co que nos enfrontabamos; os penaltis, como se movían,.. iso é importante. Non sería intelixente senon usase esa información. Pero sempre preferín facer outras cousas ca ver fútbol. Que non digo que sexa unha cousa peor ca outra. Pero de ver deportes, prefiro outros como o baloncesto.

Fil: Entón o teu futuro non pasa polo fútbol…

MV: Moito ten que cambiar a cousa. Estou centrado na carreira que practicamente acabarei neste curso.

MARCOS VALÍN EN CURTO…

Un campo da provincia: Anxo Carro.

Un xogador (compañeiro ou rival): por como se portou comigo quédome con Filipe Luis na miña etapa no Dépor. Cando eu me lesionei el rompera tibia e peroné. Quédome coa súa persoa.

Un adestrador: Lemos pola súa visión de fútbol ou Aira pola súa metodoloxía.

Mensaxe: Hai vida máis aló do fútbol e hai que prepararse para ela mentres disfrutes deste deporte. Pero facelo ao mesmo tempo, non deixalo pasar. Desfrutar de cada adestramento como se fose o último. Nunca sabes cando vas ter algo que che prive. Disfrutar o fútbol o día a día.

Marcos Valín: «Nas lesións foi onde máis aprendín»

Sanitarios de ouro. Capítulo 4

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *