Chegan os mércores, con «M» de muller e das moitas ganas que tiña de estar por aquí. E con «F», de fútbol e máis de feminino, e da fortuna que me trae a levar, esta tempada, esta sección en FutbolinLugo.
Esta fin de semana voltou o fútbol feminino ós campos da provincia, pero vai iniciando paseniño. Polo momento, a xornada só nos deixa os arrinques ligueiros dos dous equipos que militan na Terceira Federación: CD Lugo e PM Friol. Ambos estreáronse ante clubs asturiáns.
O CD Lugo estreouse na casa con vitoria ante o Real Oviedo Femenino ‘B’. Un encontro igualado no que ambos equipos sufriron para poder ter algunha ocasión. Nos primeiros 45′ minutos foron as lucenses as que tiveron un lixeiro dominio sobre as ovetenses, con maior posesión de balón e máis seguridade, o que se traduciu en máis ocasións. Porén, o balón non entrou nesa primeira metade na que o dominio era albivermello.
Xa na segunda metade o partido tornouse moito máis igualado. As poucas ocasións que tiveron ámbolos equipos chegaron tan só por medio de xogadas a balón parado. Foi precisamente nunha delas cando Berta rematou coa testa cara o segundo pau para facerse co gol da vitoria.
A segunda parte devolveulle ó Lugo o que lle debía da primeira: un gol. Un tanto que lles serve para sumar os primeiros tres puntos posibles da tempada.
Remontada dende a portería
Pola súa banda, o PM Friol iniciou a liga a domicilio, nun encontro coa mesma sensación que adoita ter o alumnado co comezo de curso: nerviosismo. Esa inseguridade das friolesas permitiu que o cadro xixonés dispuxera de moitas contras e oportunidades nos primeiros minutos do encontro. Deste xeito, no minuto 37′, ó saque dun córner as albivermellas do Sporting de Gijón ‘B’ abriron o marcador con gol de Aitana Álvarez.
A inminente chegada do descanso deu un sopro de aire fresco ás friolesas. Coas indicacións do corpo técnico o equipo reaxustouse e conseguiu facerse cun maior dominio do balón e do partido. Porén, o Sporting seguía a amosar perigo cando era capaz de recuperar o balón e montar contras ou ben con balóns en longo. Foi nese momento cando emerxeu a figura de Sara Rodríguez Velasco, a porteira friolesa, que salvou ó seu equipo de que o Xixón puidera aumentar a súa vantaxe no luminoso.
Cunha gran actuación dende a portería, o equipo recompúxose e os goles da remontada foron chegando. Potassa (fichaxe de verán procedente de La Solana), tirou de épica para anotar un dobrete (53′ e 67′) e amosar intelixencia tamén no terceiro gol das friolesas, cando deixou pasar o balón para que fora Laura Andrade a que anotase o terceiro xa a piques de finalizar o encontro (88′).
Dende Xixón o PM Friol trae a primeira vitoria e tres puntos posíbeis da tempada.
Pleno nesta primeira xornada para o fútbol feminino lucense.
Calendario da vindeira fin de semana
Coa chegada do ecuador de setembro os equipos lucenses voltan á competición.
PM Friol e CD Lugo afrontarán a segunda xornada ligueira. As friolesas reciben na Reigosa ó CD Romanón, que vén de caer por seis goles a cero ante o Lóstrego CF. Pola súa banda, o CD Lugo desprazarase ata La Bóveda de Toro (Zamora) para enfrontarse á Bovedana CD, que tamén caeu no seu primeiro encontro ante un equipo galego, o Sárdoma CF.
No Grupo 1 da Segunda Galega bota o balón a andar para os filiais de ambos clubs. O PM Friol ‘B’ estréase a domicilio ante a UC Cee. O CD Lugo ‘B’ recibirá na casa á SD Tordoia.
No Grupo 2 tamén se dá o pistoletazo de saída para a SD Antas. As seoanesas dirixidas por Abelairas xogarán a domicilio ante o AT Villalonga ‘B’. O outro equipo lucense da categoría, a SD Chantada, comeza a tempada no Sangoñedo recibindo ó CD Valladares. Primeira proba para o equipo dirixido agora por Meilán e Nieves.
A terceira galega aínda ten que esperar
A Terceira División Galega Feminina aínda terá uns días máis de preparación e descanso. Carballedo, Milagrosa, Monteforte, Comercial e San Lázaro terán que agardar para volver a pór a rodar o balón nesta tempada do ‘Con F de Futbolista’.
Foto de portada: Rober Carreira