Ao comité de sabios da tasca nada se lle escapa, así que con dubidoso rigor histórico aparece na conversa a entrañable e precaria Liga da Montaña de finais dos setenta. Unha competición prácticamente autoxestionada polos equipos participantes precursora da actual Segunda Rexional, xa que por aquel entón non existía quórum para crear unha Terceira Rexional na provincia. Silencio absoluto. Entra en escena un auténtico erudito na materia. Quen fala é Miguel A. Gómez García -Miguel ‘da farmacia’-, ex xogador de Palas e S.D. Monterroso entre outros e actual pesidente do equipo de Cerdeiriños:

“A Liga da Montaña era a antiga Segunda Rexional. O campeón ascendía a Preferente, non había Primeira Rexional. Disputouse entre o ano 1975 e o 1981 inclusive, ano no que ascenderon oito equipos á Primeira Rexional que se creou no ano seguinte. A partir desta tempada xa se denominou Segunda Rexional como a coñecemos agora. O de Liga da Montaña era unha forma de chamarlle…eu qué sei! Como a Liga BBVA…” Debido á precisión de Miguel, ábrese unha porta interesante para o tema que nos ocupa.
Toca escoitar: «Na Liga da Montaña compartían categoría os equipos do centro e zona sur de Lugo, desde Monforte ata Antas de Ulla, con outros como o Lalín e o Vila de Cruces (Pontevedra) e o Arzúa, o Boimorto e dous de Melide, o CIRE e o At. Melide, (A Coruña). Había equipos de tres provincias. Era unha liga preciosa. Ata xogaba un filial do C.D.Lugo que se chamaba Lugo Atlético”, conclúe Miguel despois de subliñar que en Lalín e como xogador do Palas “marquei un gol regateando a todo o equipo”. Con tanta seguridade e xa que non hai Youtube para contrastar, a ver quen lle discute a un presidente.

Un dos últimos equipos de fóra da provincia que, xa na era post-liga da montaña, xogou no grupo de Lugo foi o Rodeiro, que hoxe comparte delegación territorial (Santiago) e categoría, Segunda Rexional, co CIRE Melide. A viaxe en autocar a terras cambotas plantexaba un dilema en bucle: Que si “pola vella” de Chantada, que si pola Golada…O debate duraba o tempo que se tardaba en chegar, por calquera opción. Alí, un campo de proporcións desmesuradas. Inmenso. Se cadra non era tanto, pero así o recordamos os da cantina.


De novo pegamos un chimpo no relato para acudir a fontes fidedignas. Luis López Diéguez non é un veciño de Rodeiro calquera, é probablemente o máis coñecido. Ex-xogador da S.D. Monterroso nos 90 e actual alcalde da vila pontevedresa dende hai 7 anos, a algún lle soará máis polo alcume familiar de “Lugués”. Luis “Lugués”, despois dunha indagación popular, cóntanos que os inicios do Rodeiro datan do ano 77/78, participando na Liga da Montaña ata a 88/89. Apreciamos unha discordancia co que nos comentaba Miguel (fin da Liga da Montaña no ano 1881), mais son consecuencias de non manexar rexistros fiables e de guiarnos pola memoria veciñal. Xa advertiramos que nas conversas de cantina nin se contrasta nin se tira de Google.
O rexedor rodeirense indica que logo dun parón, o equipo reinicia a actividade deportiva na tempada 92/93 na Segunda Rexional de Lugo. O cambio para a delegación territorial de Santiago foi na 97/98. Hoxe, a S.D. Rodeiro C.F. compite no Grupo 5 da Segunda Rexional galega actuando como local no Municipal de A Raña baixo o comercial nome de Cogal Rodeiro. Aquí permítanme facer unha reflexión: Non temos nada contra as cooperativas granxa de coellos que patrocinan equipos amateurs, pero chama poderosamente a atención esta denominación empresarial, que supón un estrambótico aceno ao fútbol moderno, aínda que o orzamento anual, é obvio, condicione.
Continuará…
