#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

A Liga da Montaña. Episodio 1

APUNTES DE TABERNA SOBRE EQUIPOS DOUTRAS PROVINCIAS QUE ALGUNHA VEZ DISPUTARON COMPETICIÓN OFICIAL EN LUGO

As curiosas criaturas que nos movemos polas cantinas dos campos de Primeira, Segunda e Terceira (rexional, claro), gostamos de parolar sobre os asuntos mais diversos. O sanedrín do bar (non do V.A.R.) do campo favorece interesantes parlamentos e son noventa minutos nun vaso de auga, que dicía o outro. E noventa minutos dan para moito. Nese marco, alguén recorda que houbo un tempo no que varios equipos da provincia de Pontevedra e da Coruña compartían liga cos nosos. Vamos, que os tiñamos como rivais en competición oficial.

Grada do Municipal de Agolada, campo no que competiron moitos dos nosos

E así foi. Os máis vellos da escena activan o hipocampo e citan a célebre Liga da Montaña, os que non somos tanto recordamos ós equipos de Rodeiro e Agolada como contrincantes habituais na Segunda Rexional Grupo Sur da provincia de Lugo. Non había xeopolítica aquí, nin cansinos conflictos de identidade. Simplemente un aproveitamento lóxico da xeografía e a correspondente eficacia para os desprazamentos. Porén, no Castro Seoane, en Cerdeiriños, nos Chacotes, na Medela, no Chao da Poza… non era raro recibir a aqueles equipos procedentes do outro lado da liña provincial. Con idéntica normalidade, periódicamente tocaba devolver visita a terras coruñesas e ás pontevedresas de Camba ou do Deza.

Antes de adentrarnos nos pormenores daquel grupo de montaña que chegou a albergar a equipos de ata tres provincias, gústame volver a un recordo máis cercano, o que supoñía o exótico desprazamento a Agolada. Estaban aí ó ladiño, pero había que franquear o Farelo e toparse con aquel cartelón verde: Provincia de Pontevedra. Unha vez alí, a excepcionalidade acentuábase cun campo de terra e a piscina anexa. Apuntemos campo de terra como excepción xa que por aquel entón aínda non viramos outro. Ata os noventa, os lucenses sureños xogabamos en campos de herba e o Polvorín presintético aínda nos era descoñecido. Tempo despois, A Barrela e O Incio, con sendos campos de terra, viñeron a poñer orde nesta eiva do infrafútbol na zona sur. A equipación amarela e negra dos dezanos, semellante á do Clube Arenas de Monforte, tamén era rara avis entre as indumentarias que coñeciamos.



O escudo actual do clube pontevedrés

Lembremos que este é un texto de taberna, non hai investigación. Aínda que Pablo Miguélez, directivo da actual S.D. Agolada nos axude a poñer luz no asunto e a acotar as tempadas dos aqualatenses competindo na provincia de Lugo. Tras un par de chamadas, Pablo concreta: “O C.F. Agolada fundouse na 83/84, xogando en Lugo inenterrumpidamente ata a 89/90, na que non se participou. Voltamos na 90/91 ata a 93/94 xa co nome actual de S.D. Agolada. Logo pasamos a depender da delegación territorial de Santiago”. Acabar pertencendo a outra delegación doutra provincia, neste caso A Coruña.

A historia do fútbol na vila semella un continuo viaxe a través dos límites provinciais. O actual clube compite no Grupo 2 da Primeira Rexional, onde marcha sobranceiro nos primeiros postos e onde esta tempada se enfrontará a históricos do fútbol galego como o Flavia de Padrón ou a outro mítico clube que tamén xogou Liga da Montaña, o veciño dezano C.D. Lalín. Do antigo C.F., o Agolada actual conserva as cores e o campo de xogo, hoxe xa de herba sintética, aínda que o escudo actual foi creado para o novo clube, como nos recorda Miguélez.

Continuará…



Bo Nadal e Feliz 2018

A Liga da Montaña. Episodio 1

Xabi Rodríguez: «O problema do fútbol é

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *