Javi Rey foi o gran destacado dunha primeira xornada inmaculada para os lucenses na Terceira RFEF. O perruqueiro e centrocampista lucense anotou dous goles no cómodo triunfo do Racing Villalbés no feudo do Betanzos. Con semellante fito, a súa presenza nos micrófonos de Radio Lugo Cadena Ser era obrigada.

O noso redactor Diego Díaz e o presentador da Cadena Ser Alex Gato, exerceron de mestres de cerimonias dunha entrevista que nos deixou reflexións ben interesantes.
Pódese escoitar a nosa participación íntegra aquí (ademais, analizamos as citas sobranceiras da fin de semana no fútbol estatal feminino, na Terceira RFEF e a Preferente e falamos sobre a VI Guía Futbolinlugo que sacamos á luz este pasado venres).
Nas próximas liñas resumimos todo o que conversamos con Javi Rey. Desde a súa interesante estrea nesta tempada ata a análise do resto de conxuntos lucenses na categoría. Así mesmo recordamos a tempada pasada e o que o noso primeiro protagonista do curso agarda da campaña que acaba de comezar.


Vitoria clara no feudo do Betanzos. «Foi un triunfo difícil aínda que o resultado foi un pouco avultado. Un 0-3 na Terceira e fóra da casa non é nada fácil. Son resultados que non soen ocorrer. Empezamos con moitas ganas, ambición e ilusión. As cousas foron como as tiñamos plantexadas».

Cambio de adestrador e de rol? «O estilo está sendo diferente ao que viñamos acostumados. Estou con ganas, pode ser un ano bonito. Individualmente atópome moi ben e fisicamente ben. O rol é distinto xa que o ano pasado as lesións non me axudaron a ter continuidade».
Cal é o teito do novo Racing Villalbés? «Temos que seguir conocéndenos. Aínda nos queda moito que crecer como equipo: moita xente nova e adestrador novo… Estamos en construción e aínda non ao 100%».

Análise do resto de equipos lucenses. «A Sarriana ten moito equipo, vai quedar entre os 4-5 primeiros clasificados seguramente. O Polvorín fixo moi boas fichaxes, xente moza pero que coñece ben a categoría. O Viveiro competirá moi ben coma sempre. Non terá problema en salvar a categoría, Cantarrana é un feudo moi difícil. Vai ser un ano moi bonito para os catro equipos lucenses».