Iberia, Paradela e Brollón son os únicos tres equipos da Segunda Futgal lucense que non perderon nos 8 partidos que van de competición. Xa pasou o ecuador da primeira volta, o Iberia e o Ferreira lideran cadanseu grupo.
Na zona norte, o Iberia enlazou o cuarto triunfo consecutivo na casa do Mondoñedo. O cadro de San Miguel de Reinante aproveitou para coller unha vantaxe de máis dun partido na cabeza. Queda con catro puntos de marxe sobre o Folgueiro e o Sanci. Mentres tanto, o conxunto mindoniense é antepenúltimo, con tres puntos de diferenza cos postos de descenso directo.
O Folgueiro tamén uniu a súa cuarta vitoria seguida para alcanzar a sexta da temporada. Foi pola mínima (1-0) ante un Casás que se presentou no Vicedo sen perder. O conxunto capitalino queda na 6ª posición con 13 puntos, cinco menos que o seu rival.
Unha das sorpresas da finde foi a clara derrota do Sanci ante a Piringalla (4-1). A segunda derrota do curso deixa ao conxunto de San Cibrao na 3ª praza, a catro do líder. Os tres puntos permítenlle á Piringalla escalar algún posto na clasificación e tomar vantaxe co descenso directo.
Na cuarta praza, aparece un Xermade que se reencontrou co triunfo tras dúas xornadas sen gañar. Superou no Municipal a un Cospeito (5-1) que fixo máis méritos dos que di o marcador. O Xermade permanece a seis puntos do primeiro. O Cospeito continúa de pechacancelas e cun punto acumulado.
O Sporting Pontenova ocupa a 5ª praza logo de igualar co Alfoz (1-1). O club pontenovés queda a catro puntos do posto de promoción de ascenso, mentres que o Alfoz aséntase na zona media con tres puntos menos que o seu rival.
A Candelaria é 7ª tras empatar ante o Muimenta no Pichón (0-0). O conxunto celeste sumou o segundo punto do curso no día no que Basi volveu a que se pode considerar a súa casa como adestrador. O conxunto queda na penúltima praza, a tres de saír do descenso directo.
O Riotorto encaixou a cuarta derrota do curso en Cabreiros (2-1). Queda na metade da clasificación, a seis do posto de play off. Mentres tanto, os locais celebraron a segunda vitoria da campaña, tras catro derrotas consecutivas.
Nas últimas datas soubemos que no Riotorto non continúa o porteiro Ilian Ares. O club decidiu prescindir del por «motivos deportivos».
Tamén se asenta na zona media o Celta Barreiros ao vencer ao Guitiriz (1-3). Sumou o segundo partido gañado de xeito consecutivo e o cuarto no que vai de competición. Con tres puntos menos queda o cadro guitiricense.
Na zona sur, o Ferreira mantense no máis alto a pesar de empatar co Friol (3-3). Os pupilos preparados por Manu Rodríguez quedan cun punto de marxe sobre o Paradela e tres sobre o Brollón e o San Roque. Pola súa parte, o Friol trata de saír da zona media baixa, conta con catro de marxe sobre o descenso directo.
Pasárono ben os que acudiron ao Baliño. Adiantáronse os locais que marcharon gañando ao descanso cun gol de Kylian, pero con ocasións para ambos os conxuntos. No segundo acto, igualou o Friol. Ao pouco, de penalti marcou o Ferreira. Logo, os visitantes marcaron o segundo e ao momento volveu anotar o conxunto local. No tempo extra, o Friol igualaría por terceira e definitiva vez.
O posto de promoción de ascenso é ocupado polo Paradela. Cinco vitorias e tres empates no que vai de liga. Gañou os últimos tres partidos. Na pasada finde derrotou ao Páramo pola mínima (1-0). O club das Rapadas mantense na zona media con dez puntos, a pesar de encaixar catro derrotas consecutivas.
Albertito decidiu novamente cun gol de falta directa. Tentouno o cadro visitante, pero non volveu estar atinado de cara o gol.
O Brollón tampouco perde no que vai de liga, aínda que os catro empates seguidos cos que se presentou no Posto lastraron a súa contía de puntos. Volveu sumar de tres ante un gran Rubián (1-3), que vendeu moi cara a vitoria rival.
Protagonismo para os Javis nos locais. Sen porteiros, Senén botou man do Javi de Eirexalba para poñerse baixo paus. Outro Javi, o de Sarria, marcou un gran gol co que o Rubián igualou o tanto inicial de Mario para os visitantes.
O encontro non se decidiu ata os minutos finais. Mesmo o Rubián puido marcalo segundo nun balón que petou no pau. Isma foi o encargado de desnivelar a balanza cun dobrete final para o Brollón. Seis goles acumula no que vai de liga.
O San Roque é 4º logo de empatar no derbi do concello de Lugo que este ano hai no grupo, ante o Santa Comba (1-1). O conxunto verdibranco suma seis partidos sen perder, aínda que cortou a súa xeira de cinco vitorias seguidas. Ambos equipos viñan nun gran momento porque o Santa Comba acumulaba catro triunfos nas últimas catro xornadas. Agora queda dous puntos por baixo do seu rival.
Foi un encontro moi disputado onde se impuxeron as defensas. O San Roque adiantouse e o Santa Comba igualou, tras un penalti que parou Ricoy, pero que aproveitaría o rival no rexeite.
Perdeu o primeiro partido da temporada o Becerreá, ante un Lemos B (1-2), que conta con José Manuel Pasín como adestrador, tras a saída de Carlos Escudero. Manuel de la Horta mantense no proxecto. O Lemos B é antepenúltimo con catro puntos e esta foi a súa primeira vitoria da tempada.
O Becerreá púxose cedo por diante, pero non realizaron un gran encontro. No segundo tempo, o filial logrou remontar e os visitantes fallaron un penalti.
O Antas é 7º, a catro puntos do posto de promoción ao igualar co Quiroga (1-1). O cadro quirogués deu a talla no Castro Seoane e sumou o seu segundo punto do curso. Continúa de pechacancelas porque xusto lle cadrou na xornada na que os seus rivais si conseguiron gañar.
Besteiro adiantou ao Antas a pase de Iván Ramos. Foi un espellismo porque o Antas non estivo de todo ben. No segundo tempo, o Quiroga aumentou a súa presenza no partido. Igualaron por medio dunha falta pateada por Sergio ‘Pacho’. Puido caelo encontro para calquera lado, pero quedou en empate.
No Quiroga xogou baixo paus Fran, xogador de campo que asumiu a responsabilidade ante a ausencia de gardamallas. Realizou un decente encontro para non estar acostumado á posición.
O Portomarín sacou un valioso triunfo dos Chacotes ante o Palas (3-4). Ambos equipos sitúanse na zona media, pero os de Brais Vázquez aínda teñen tres puntos máis na clasificación.
Non foi un bo encontro dos locais que se viron superados no primeiro tempo. O Portomarín marcou dous goles por medio de Arturo.
Trataron de recontruír o desfeito e lográrono. Recurtaron diferenzas, o Portomarín anotou o terceiro, pero no tramo final igualaron o encontro con dous goles de Samu. Nos últimos intres decidiu o tanto do central Juanillo.
O Chantada B tamén logrou a primeira vitoria da campaña ante o Incio (4-2). O filial chantadés escolleu o día porque se trataba dun partido directo pola salvación nestes momentos. Os pupilos preparados por Jorge González seguen en descenso, pero igualados co antepenúltimo (Lemos B) e a dous puntos do seu rival.
Non foi a mellor versión, aínda que marcharon gañando ao descanso. No segundo tempo, entraron ben os locais, remontaron e tomaron vantaxe. Nunha falta si que volveu meterse no partido o Incio, antes de que sentenciaras os locais á contra.