Goleada do Antas para colocarse 2º

  • As celestes adiantan a Lóstrego B e Rosalía grazas á diferenza de goles e miran xa cara o liderato
  • Peor sorte tiveron os equipos de 2ª Futgal, con derrotas para Milagrosa e San Lázaro

A este Antas non hai quen o pare

O partido no Castro Seoane comezaba cun Antas moi metido no partido, concentrado e presionando arriba; traballo que axiña deu os seus froitos co gol de Nuria no minuto 4.

A liña defensiva do rival, o Carral, posicionábase moi adiantada, o que non desaproveitaron as celestes, que facían dano ás costas.

Porén, o encontro atravesou momentos confusos após o primeiro gol, abusando do xogo directo por parte de ambos conxuntos e intres nos que o Carral a piques estivo de empatar o partido, enviando un balón ao pau.

Porén, a superioridade do Antas foi reaparecendo e facerse valer para anotar o segundo tanto. Gol da confianza que abriu a lata para que chegara xa o terceiro antes de camiñar cara os vestiarios.

Once inicial do Antas. Foto cedida.

Na segunda parte, o Antas saiu cunha idea clara: ter máis o balón e facer xogadas máis elaboradas. Plan técnico que as xogadoras executaron á perfección e derivaron na goleada final. Un dominio constante e crecente que facía que o Carral se afundise e ofrecera cada vez menos xogo.

Así, cos hat-trick de Nuria e Dana e outro tanto de Elisa, chegaría o definitivo 7-0 ao Castro Seoane que cada vez olla máis alto: á loita polo liderato e polo play-off de ascenso.

A Milagrosa perde o partido pero gaña sensacións

Recibían as milagrosistas a todo un Muxía, colíder da Segunda Futgal xunto ao Tordoia. Partido presumiblemente complicado e que non o foi menos.

Dende o asubío inicial, o encontro marcouno un alto ritmo e intensidade onde foi a maior eficacia de cara a porta a que inclinaría a balanza para o Muxía (3-5).

Xogadoras da Milagrosa antes do partido ante o Muxía. Foto cedida

Malia que a Milagrosa o intentou de inicio a fin, sempre estivo por debaixo do marcador e os tantos, xa na segunda parte, de Ángela, Seguín e Aurora, non puideron cambiar as tornas do partido.

Porén, as sensacións en Lugo desta gran tempada que están a realizar as albivermellas non se ven enturbiadas por este resultado, senón todo o contrario. «Se somos capaces de manter a intensidade que amosamos ante o Muxía, pelexaremos por estar no play-off de ascenso», confía o adestrador, Héctor Expósito.

A sorte tampouco acompañou ao San Lázaro

O encontro das lucenses na casa ante o Bergantiños B tivo moitas semellanzas que o das veciñas milagrosistas esta mesma fin de semana.

As visitantes saíron moi fortes ao verde, facendo moito dano co seu bloque alto, especialmente por medio da súa punta. Así, co bo xogo especialmente no ataque, o Bergantiños B adiantouse axiña e obrigaba ao San Lázaro a remar co vento en contra.

San Lázaro – Bergantiños B. Foto Róber Carreira.

As celestes así o fixeron, e mesmo chegaron a anotar o gol do empate, mais foi anulado por fóra de xogo.

Dende logo, un xarro de auga fría para un San Lázaro que loitara por un tanto que, cando cría xa ter no peto, non subiría ao luminoso. Foi entón cando de novo nunha gran ocasión visitante aproveitando unha contra, anotaron de novo para marchar ao descanso cun 0-2 no marcador.

Xa na segunda metade, o San Lázaro volveu ao encontro con certos axustes tácticos que permitiron unha mellora sobre o verde. Mellora que, de novo, permitiulles anotar para recurtar distancias co Bergantiños B mais que de novo, non subiría ao luminoso por un fóra de xogo moi polémico e dubidoso.

Con todo o vento desfavorable, o San Lázaro tentou chamar á épica e seguiuno intentando, consciente do marcador en contra e do nivel das rivais, terceiras clasificadas.

Mais de novo un penalti para as locais moi claro non asubiado sobre Iria, rematou por minar as posibilidades das celestes.

Sen dúbida, o Bergantiños B foi superior no xogo, mais a sorte non axudou para nada a que o San Lázaro obtivera algunha recompensa ao seu xogo e esforzo, senón todo o contrario. O terceiro e definitivo tanto das visitantes (0-3)chegaría tras un erro rexeitando un saque dende o curruncho.

Goleada do Antas para colocarse 2º

Un líder que cada vez o é